Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 16 de agosto de 1995 Páx. 6.440

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 239/1995, do 28 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional e as directrices sobre os seus títulos.

A sociedade actual, caracterizada por un proceso de cambio acelerado no eido tecnolóxico, asígnalle á formación profesional un papel fundamental á hora de presentar estratexias de crecemento económico, de desenvolvemento tecnolóxico e de mellora da calidade de vida dos cidadáns. Así, unha maior calidade e adaptación das cualificacións profesionais non só facilita unha resposta máis axeitada ós requirimentos do contorno productivo, senón que permite que os traballadores poidan enfrontarse eficazmente coas novas necesidades e retos do mercado laboral.

Neste contexto, estase a acometer unha profunda reforma do sistema de formación profesional, reservándolle, entre outras, a finalidade de garanti-la formación profesional inicial dos alumnos que os capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións, proporcionando ó mesmo tempo unha formación polivalente que permita a adaptación dos titulados ós cambios e ás modificacións que poidan producirse ó longo da súa vida laboral.

Esta dobre finalidade, de lograr unha formación polivalente e, á vez, específica e de competencia profesional, orienta e dirixe o deseño da nova formación profesional. Así, o novo modelo diferencia aqueles contidos de carácter máis xeral, comúns a un número amplo de técnicas e perfís profesionais (formación profesional de base), daqueles outros máis especializados e que culminan a preparación específica para o exercicio dunha profesión, que constitúen a formación profesional específica

Un cambio cualitativo que hai que salientar é o paso dun sistema que tradicionalmente acreditaba formación, a outro que, ademais, acredita competencia profesional, entendida esta como o conxunto de capacidades, coñecementos, destrezas e actitudes que capacitan para o desenvolvemento dunha profesión no nivel requirido no emprego.

Cabe destacar tamén o importante papel que os axentes sociais están chamados a xogar, que permitirá unha maior adecuación dos profesionais ás demandas do ámbito productivo. Por unha parte, participan no deseño e contrastación das novas titulacións; por outra banda, unha parte importante do currículo destes estudios desenvolverase nas propias empresas, en situacións productivas reais, a través do denominado módulo de formación en centros de traballo que cursarán obrigatoriamente tódolos alumnos.

A nova organización pretende, ademais, posibilita-la interrelación da formación profesional regrada con outras modalidades de formación profesional, moi particularmente as relacionadas coas accións de formación contínua para traballadores e traballadoras e de formación para a reinserción laboral. Nembargantes, exclúese do ámbito de aplicación do presente decreto ás ensinanzas náuticas-pesqueiras, sendo a súa regulación a establecida no Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa vixente en materia de formación náutico-pesqueira, por non ser ensinanzas recollidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral educativa. Por outra banda, establecida a formación profesional de base a través dos decretos polos que se aproban os currículos da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, faise preciso regula-lo desenvolvemento da formación profesional específica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, fixando o marco normativo para

o posterior establecemento dos currículos correspondentes ós distintos ciclos formativos de graos medio e superior en que esta se organiza, que conducirán ás diferentes titulacións de formación profesional.

Este desenvolvemento debe permitir, en primeiro lugar, a adaptación das novas titulacións á realidade socioeconómica galega e ás necesidades de cualificación dos distintos sectores productivos da nosa economía. Por outra parte, debe ter en conta a marxe de liberdade suficiente para que os centros poidan incluí-las necesidades do contorno productivo nos seus proxectos educativos, atende-las necesidades de formación dese entorno nos seus proxectos curriculares e posibilita-la interconexión das accións formativas da formación regrada e a non regrada.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de Galicia e logo de deliberación e aprobación do Consello da Xunta de Galicia na súa sesión celebrada o día vinteoito de xullo de mil novecientos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O presente decreto establece a estructura, organización e regulamentación xeral da formación profesional específica, e directrices que deben cumpri-los currículos dos diferentes ciclos formativos, todo iso dentro do ámbito da Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, na Comunidade Autónoma de Galicia, en uso das atribucións recollidas no Estatuto de autonomía no Real decreto 1763/1982 sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, e en aplicación do disposto no artigo cuarto da referida Lei 1/1990 e no Real decreto 676/1993, do 7 de

maio, que establece as directrices sobre os títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas de formación profesional.

Artigo 2º.-Concepto e fins da formación profesional.

1. A formación profesional no ámbito do sistema educativo non universitario comprende o conxunto de ensinanzas que capacitan para o desempeño cualificado das distintas profesións.

2. As ensinanzas de formación profesional conducentes a títulos con validez académica e profesional terán como finalidade proporciona-la formación necesaria para:

a) Adquiri-la competencia profesional característica de cada título.

b) Comprende-la organización e características do sector correspondente, coñece-la lexislación laboral básica e os dereitos e obrigacións que dela se derivan, así como os mecanismos de inserción laboral; dispoñer dos coñecementos e habilidades necesarios para traballar en condicións de seguridade, amosando unha actitude preventiva ante os posibles riscos derivados das situacións de traballo.

c) Profundizar na autonomía, identidade e madurez persoal e profesional de forma que permita realizar futuras aprendizaxes e adaptacións ó cambio de cualificacións.

Artigo 3º.-Compoñentes da formación profesional.

1. As ensinanzas de formación profesional abarcan tanto a formación profesional de base como a formación profesional específica.

2. A formación profesional de base, incluída na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato, está constituida por un conxunto de coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes comúns a un número amplo de técnicas e perfís profesionais, que son requisito dunha formación polivalente e preparan para cursa-la formación profesional específica. A súa regulamentación vén recollida nos respectivos decretos polos que se establecen os currículos das correspondentes etapas educativas.

3. A formación profesional específica está constituida polo conxunto de coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes vinculadas á competencia profesional característica de cada título, que culminan a preparación para o exercicio profesional. As ensinanzas de formación profesional específica conducen á obtención de títulos profesionais expedidos pola Administración educativa.

Capítulo II

Os ciclos formativos de formación profesional específica

Artigo 4º.-Ordenación.

1. As ensinanzas de formación profesional específica organízanse en ciclos formativos de duración variable en función da natureza da competencia profesional buscada en cada caso e da formación precisa para

adquirila. Estes ciclos formativos son de grao medio ou de grao superior.

2. Os ciclos formativos de grao medio requiren a formación profesional de base contemplada na educación secundaria obrigatoria, e capacitan para o exercicio de actividades suficientemente determinadas por traballos de execución e organización que poden ser autónomos no límite da utilización dos instrumentos e técnicas que lles son propias.

3. Os ciclos formativos de grao superior requiren a formación profesional de base recollida no bacharelato; a súa competencia profesional estará orientada ó exercicio de actividades relacionadas con traballos técnicos que poden ser executados de forma autónoma e/ou compartindo responsabilidades de encadramento e de coordinación.

Artigo 5º.-Acceso ós ciclos formativos.

1. Para cursa-los ciclos formativos de grao medio será preciso estar en posesión do título de graduado en educación secundaria.

Para cursa-los ciclos formativos de grao superior será necesario estar en posesión do título de bacharelato. Ademáis, cando as necesidades de formación profesional de base así o aconsellen, o decreto polo que se establece o currículo do título incorporará a obrigación de ter superadas determinadas materias de modalidade do bacharelato, en concordancia cos estudios profesionais ós que se quere acceder, e/ou outros contidos de formación profesional de base.

2. Non obstante o disposto no apartado anterior, os que non reúnan as condicións de titulación indicadas poderán tamén acceder ós ciclos formativos trala superación dunha proba que será convocada e regulada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Quen concorra á proba de acceso para ciclos formativos de grao medio deberá acreditar que dispón de coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento as ditas ensinanzas.

Quen concorra á proba de acceso para os ciclos formativos de grao superior deberá ter cumpridos os vinte anos de idade e acreditar que dispón dunha madurez suficiente relacionada cos obxectivos do bacharelato, así como as capacidades básicas relativas ó campo profesional correspondente ó ciclo formativo ó que pretende acceder. Desta última parte da proba poderá quedar exento, da forma que regulamentariamente se determine, quen acredite unha experiencia laboral ou a formación ocupacional que se corresponda cos estudios profesionais que desexa cursar.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará as condicións en que as persoas que acrediten ter superado totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos, poderán quedar total ou parcialmente exentas da proba de acceso ós ciclos formativos, en función do grao de afinidade entre as ensinanzas universitarias e o ciclo formativo ó que queiran acceder.

Capítulo III

Módulos profesionais

Artigo 6º.-Definición.

1. Os ciclos formativos organízanse internamente en módulos profesionais de formación teórico-práctica, cunha duración especificada en horas.

2. Entenderase por módulo profesional un conxunto de ensinanzas de formación profesional específica con coherencia e entidade propia, agrupadas pola súa vinculación cunha ou varias unidades de competencia dun título ou ben pola súa contribución ó logro das finalidades recollidas nos apartados b) e c) do artigo 2.2º deste decreto.

3. Para os efectos deste decreto o termo «módulo profesional» considérase equivalente ós termos «materia» e «área» a que se refiren os artigos 30.4º e 33 da Lei 1/1990, do 3 de outubro.

Artigo 7º.-Tipos e finalidades.

1. Tódolos ciclos formativos incluirán un módulo profesional de formación en centros de traballo, e outro de formación e orientación laboral.

Ademais, os ciclos formativos de grao superior que se impartan na Comunidade Autónoma de Galicia poderán incluír un módulo de proxecto integrado.

2. O módulo de formación e orientación laboral incluirá en tódolos casos un bloque de contidos relacionado co coñecemento do respectivo sector productivo na Comunidade Autónoma de Galicia, e contribuirá de forma específica ó desenvolvemento das seguintes finalidades, orientadas ó sector productivo característico do título correspondente:

a) Coñece-las condicións de saúde e risco da profesión e desenvolver actitudes de prevención, protección e mellora da defensa da saúde e o medio en que se desenvolve a actividade productiva no seu sector.

b) Coñece-la lexislación laboral básica ou aplicable no mundo laboral cos dereitos e obrigacións dos traballadores e as funcións e organización básica dunha empresa.

c) Adquirir, se é o caso, coñecementos sobre lexislación e aspectos básicos da economía.

d) Coñece-los aspectos socioeconómicos básicos do respectivo sector productivo no ámbito de Galicia

e) Favorecer procesos de inserción laboral para o exercicio da profesión tanto por conta propia como allea.

3. O módulo de formación en centros de traballo contribuirá de forma específica ó logro das seguintes finalidades:

a) Complementa-la adquisición polos alumnos da competencia profesional conseguida no centro educativo, mediante a realización dun conxunto de actividades de formación previamente identificadas e delimitadas entre as actividades productivas do centro de traballo.

b) Contribuír ó logro do conxunto das finalidades descritas para a formación profesional no artigo 2º deste decreto.

c) Avalia-los aspectos máis relevantes da competencia profesional adquirida polo alumno.

Deste módulo poderá quedar total ou parcialmente exento, da forma que regulamentariamente se determine, quen acredite unha experiencia laboral ou ocupacional que se corresponda co perfil profesional do título.

As actividades deste módulo desenvolveranse fundamentalmente nos centros productivos, en situacións reais de traballo. Non obstante, cando isto non sexa obxectivamente posible, a Administración educativa poderá determinar que unha parte deste se desenvolva no propio centro educativo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará as condicións para o acceso do alumnado a este módulo, así como para a súa implantación temporal no proceso de aprendizaxe. En todo caso, desenvolverase preferentemente no tramo final das ensinanzas do ciclo formativo.

4. O módulo do proxecto integrado contribuirá de forma específica ó logro das seguintes finalidades:

a) Comprender globalmente aspectos sobresaíntes da competencia profesional característica do título que foron abordados noutros módulos profesionais do ciclo formativo.

b) Integrar ordenadamente distintos coñecementos sobre organización, características, condicións, tipoloxías, técnicas e procesos que se desenvolven nas diferentes actividades productivas do sector a que corresponde o título.

c) Adquirir, se é o caso, coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que favorezan o desenvolvemento daquelas capacidades relacionadas coa profesión para a que se forma que, sendo demandadas polo contorno productivo en que radica o centro, non poidan ser recollidas no resto dos módulos profesionais.

Capítulo IV

Organización e modalidades nos ciclos formativos

Artigo 8º.-Organización.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as regulacións e orientacións pedagóxicas pertinentes para a ordenación académica dentro de cada ciclo formativo.

2. Os centros educativos ofertarán con carácter xeral os ciclos formativos que teñan autorizados de forma completa.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adecuará as ensinanzas dos ciclos formativos ás peculiares características da educación a distancia e da educación de persoas adultas. En particular, regulamentará a forma en que os centros debidamente autorizados poderán ofertar de forma parcial os ciclos formativos ou en réxime nocturno.

Capítulo V

Os currículos

Artigo 9º.-Definición e obxectivos.

1. Para os efectos do disposto neste decreto, enténdese por currículo da formación profesional específica o conxunto de obxectivos, contidos, orientacións pedagóxicas, directrices e criterios de avaliación que regularán a práctica docente.

2. Os obxectivos dos diferentes módulos profesionais virán expresados por medio de formulacións denominadas «capacidades terminais».

Artigo 10º.-Establecemento dos currículos.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá, mediante o correspondente decreto, o currículo básico de cada ciclo formativo.

2. Os contidos establecidos no decreto que regule o currículo básico de cada ciclo formativo non abarcarán a totalidade da duración deste, senón que contemplarán a existencia dunha parte do horario que quedará a disposición dos centros educativos co fin de que, cos criterios que se establezan, poidan dar cumprimento ó previsto no artigo 12º.

3. A porcentaxe horaria a disposición dos centros non será, en ningún caso, superior ó 15 % da duración total do ciclo formativo.

Artigo 11º.-Contidos.

O decreto específico que estableza o currículo básico do ciclo formativo correspondente a cada título determinará as capacidades profesionais e outras características da profesionalidade propias do título e deberá conter, polo menos, os seguintes aspectos que terán carácter obrigatorio para os centros:

a) O currículo básico que constitúe as ensinanzas obrigatorias do ciclo formativo.

b) A duración total do ciclo formativo.

c) Os módulos profesionais que o compoñen, así como a súa secuenciación.

d) O horario mínimo de cada módulo profesional.

e) As especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos profesionais do correspondente ciclo formativo.

f) O horario mínimo para as actividades nos centros productivos e no centro educativo correspondentes ó módulo de formación en centros de traballo.

g) As validacións e/ou correspondencia coa formación ocupacional e coa práctica laboral para determinados módulos profesionais.

h) As condicións de acceso ó ciclo formativo

i) Nos ciclos de grao medio, a modalidade ou modalidades de bacharelato ás que da acceso o correspondente título, e as materias susceptibles de convalidación. Nos de grao superior, os estudios universitarios ós que poderán accede-los titulados.

j) Os requisitos mínimos de espacios e instalacións para poder imparti-lo ciclo.

Artigo 12º.-Desenvolvemento.

1. Os centros educativos desenvolverán o currículo das ensinanzas profesionais mediante a elaboración do proxecto curricular de centro. Os seus obxectivos, contidos, organización, metodoloxía e criterios de avaliación terán en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo, e responderán ás características do alumnado a que van dirixidos.

2. O proxecto curricular tomará como marco de referencia o proxecto educativo do centro. Nos casos en que un mesmo centro imparta varios ciclos formativos, o proxecto curricular abarcará a todos eles, favorecéndose a adopción de criterios homoxéneos, pero respectaranse as especificidades que sexa conveniente establecer para as ensinanzas propias de cada profesión.

Capítulo VI

O profesorado

Artigo 13º.-O equipo docente.

1. O conxunto de profesores que desenvolven o seu labor nun ciclo formativo constitúen o equipo docente responsable deste.

Os profesores desenvolverán as programacións dos módulos que teñan encomendados de acordo co proxecto curricular do seu centro.

2. Cada módulo profesional será impartido, con carácter xeral, por un só profesor, con excepción daqueles nos que se recolla a colaboración dun profesor especialista, a teor do establecido no artigo 33.2º da Lei 1/1990, os que se realicen pola modalidade de oferta parcial e, se procede, o de formación en centros de traballo.

3. A composición do equipo docente dun ciclo formativo deberá se-la necesaria en función dos módulos que compoñan o ciclo, a ratio e o número de grupos; en todo caso, esta composición será o máis reducida posible, co fin de facilita-la cohesión e coordinación deste.

Igualmente, deberá garantirse a coordinación entre os equipos docentes que imparten ciclos formativos correspondentes á mesma familia profesional e entre os que imparten módulos profesionais que son transversais a diferentes ciclos formativos dunha ou varias familias profesionais.

Artigo 14º.-Programación.

1. O equipo docente adaptará as programacións ás necesidades educativas dos alumnos que forman o seu grupo de atención. As programacións conterán, así mesmo, a adecuación das capacidades terminais dos respectivos módulos profesionais ó contexto socioeconómico e cultural do centro.

2. Cando o progreso dun alumno non responda globalmente ós obxectivos programados, os profesores

adoptarán as oportunas medidas de reforzo educativo e, se é o caso, de adaptación curricular.

Cando o desenvolvemento da programación requira unha adaptación curricular significativamente diferente, esta deberá contar coa aprobación previa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. En ningún caso, a adaptación curricular poderá afectar á desaparición de obxectivos relacionados con competencias profesionais básicas para o logro da competencia xeral característica do título.

3. Cada grupo de alumnos correspondente a un ciclo formativo disporá dun profesor titor que coordinará para cada alumno os procesos de seguimento e de orientación académica, persoal e profesional, que desenvolverá polo conxunto do equipo docente; cando se trate dunha oferta parcial de módulos profesionais, as funcións propias da titoría serán exercidas polo profesor responsable da impartición de cada módulo profesional.

Artigo 15º.-Metodoloxía.

A metodoloxía para utilizar na formación profesional específica tratará de forma globalizada os contidos científicos, tecnolóxicos e organizativos asociados ás súas ensinanzas, integrara a teoría e a práctica, promovendo no alumnado unha visión global e coordinada dos procesos productivos nos que deberá intervir como profesional.

No caso de que a oferta formativa se considere dentro dunha oferta parcial de módulos profesionais e se dirixa a persoas adultas, ou se realice como educación a distancia, o tratamento metodolóxico adaptarase ás peculiares características das persoas ás que vai dirixida.

Capítulo VII

A avaliación

Artigo 16º.-Suxeitos e obxecto.

1. O profesorado avaliará, de forma individual e en equipo, tanto as aprendizaxes dos alumnos e alumnas como a súa propia práctica docente.

2. Na avaliación da propia práctica docente valorarase, entre outras, a programación, a organización e a concreción do currículo en relación á súa adecuación ás características do entorno productivo e ás necesidades do alumnado.

3. A avaliación da aprendizaxe dos alumnos e alumnas será continua e realizarase por módulos profesionais; os profesores considerarán o conxunto dos módulos profesionais do ciclo formativo. A avaliación, realizada polo equipo docente que imparta o ciclo formativo, será coordinada polo profesor titor e asesorada, se é o caso, polo servicio de orientación do centro.

Este proceso de avaliación continua do alumnado require a súa asistencia regular ás clases e actividades programadas para os distintos módulos profesionais.

4. En todo caso, cando se trate de formación dirixida a persoas adultas, o proceso avaliador adaptarase ás súas peculiaridades.

Artigo 17º.-Criterios para a avaliación de alumnos.

1. Os criterios e procedementos de avaliación aplicados polo equipo docente terán en conta a competencia xeral e capacidades profesionais características do título, que constitúen a referencia para defini-los obxectivos xerais do ciclo formativo e os obxectivos, expresados en termos de capacidades, dos módulos profesionais que o conforman; a valoración do grao de consecución destas capacidades farase tomando como referencia inmediata os criterios de avaliación establecidos para cada módulo. O equipo docente avaliará, así mesmo, a madurez do alumnado en relación coas restantes finalidades da formación profesional específica.

2. Na avaliación do módulo de formación en centros de traballo, terase en conta a valoración feita polo responsable ou responsables designados polos correspondentes centros de traballo para o seguimento da formación do alumnado durante a estadía nestes.

3. Nos casos en que a impartición dun módulo profesional forme parte dunha oferta parcial, a avaliación atenderá especificamente ó dito módulo profesional

4. A superación dun ciclo formativo requerirá a avaliación positiva en todos e cada un dos módulos profesionais que o compoñen.

Artigo 18º.-Alumnos con necesidades educativas especiais.

Na avaliación dos alumnos con necesidades educativas especiais a que se refire o artigo 14.2º deste decreto terase en conta a dita circunstancia, tomando como referencia básica os criterios establecidos na adaptación curricular correspondente; e incorporarase ó seu expediente, se se tratase dunha adaptación curricular significativa, unha copia da resolución do órgano responsable que a autorice.

Artigo 19º.-Sesións de avaliación.

1. Polo menos celebrarase unha sesión de avaliación parcial cada trimestre lectivo.

2. En todo caso, antes do comezo do período de formación en centros de traballo realizarase unha sesión de avaliación na que se decidirá, de acordo cos criterios que se establezan e do preceptuado no artigo 23.3º sobre o acceso dos alumnos a dito período de formación en centros de traballo.

3. Unha vez finalizado o período de formación en centros de traballo, realizarase a avaliación final do ciclo formativo completo.

4. Nalgunha das sesións de avaliación anteriormente citadas o equipo docente elaborará un consello de orientación dirixido a cada alumno que curse a oferta formativa completa, con obxecto de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo para o exercicio profesional.

Capítulo VIII

Matriculación, validacións e promoción

Artigo 20º.-Matriculación.

Para poder cursar un ciclo formativo será preciso cumpri-las condicións especificadas no artigo 5º deste decreto.

Artigo 21º.-Validacións.

1. Regulamentariamente determinarase o procedemento para a convalidación de módulos entre distintos ciclos formativos, así como para a correspondencia e convalidación de módulos declarados nos respectivos títulos susceptibles de convalidación coa formación ocupacional.

2. Así mesmo, regularase o procedemento e condicións para efectuar exencións totais ou parciais de cursar aqueles módulos que se declaren en correspondencia coa práctica laboral.

Artigo 22º.-Promoción de ciclo.

1. En réxime presencial, os alumnos poderán realiza-las actividades programadas para un mesmo módulo profesional un máximo de dúas veces. Quen despois da repetición non obtivese avaliación positiva no módulo, ou quen en calquera momento abandone o centro, poderá completa-los módulos profesionais non superados e así concluí-los seus estudios por algúns dos procedementos previstos no artigo 53 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

2. No caso de alumnos que sigan unha adaptación curricular significativa de acordo co artigo 14.2º deste decreto, o deseño da dita adaptación poderá recoller criterios de promoción diferentes ós contidos neste artigo.

Artigo 23º

1. Na sesión de avaliación a que se refire o artigo 19.2º, para os alumnos que non reúnan os requisitos para acceder ó período de formación en centros de traballo, o equipo educativo establecerá as oportunas actividades de recuperación dos módulos non superados, e o seu calendario.

2. Con obxecto de facilita-la continuidade nos estudios do alumnado, nesa mesma sesión de avaliación aludida no apartado 19.2º, o equipo docente e os servicios de orientación poderán elaborar consellos de orientación dirixidos ós alumnos con especiais dificultades académicas.

3. Así mesmo, sen prexuízo das condicións de acceso establecidas con carácter xeral para o módulo de formación en centros de traballo, o equipo docente poderá denegar a determinados alumnos o acceso á parte do módulo profesional de formación en centros de traballo situado ó final do ciclo formativo. Esta limitación soamente poderá ser aplicada a aqueles alumnos nos que concorran circunstancias manifestas de baixo rendemento e insuficiente maduración que, ata ese momen

to, fosen detectadas en, polo menos, a metade dos módulos profesionais.

Capítulo IX

Títulos e acreditacións

Artigo 24º.-Títulos: validez e clases.

1. Os títulos a que se refire este decreto terán a validez e efectos que lles recoñece o Real decreto 676/1993, do 7 de maio.

2. A superación das ensinanzas de formación profesional específica de grao medio ou de grao superior dará dereito á obtención, respectivamente, do título de técnico ou técnico superior na correspondente profesión.

3. O título de técnico faculta para o acceso ás modalidades de bacharelato e validacións deste que se determinen no decreto de cada título, de acordo coa súa relación cos estudios de formación profesional cursados.

4. O título de técnico superior da dereito de acceso directo ós estudios universitarios que se determinen, tendo en conta a súa relación cos estudios de formación profesional cursados, e de acordo coa normativa sobre os procedementos de ingreso na universidade.

Artigo 25º.-Acreditación de ensinanzas de módulos profesionais.

A superación das ensinanzas de formación profesional específica correspondentes a un módulo profesional dará lugar á correspondente acreditación. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, regulará as condicións nas que os centros poidan extende-las ditas acreditacións.

Disposicións adicionais

Primeira.-Adscrición

A adscrición do profesorado dos actuais corpos de ensinanza secundaria e técnicos de formación profesional ás novas especialidades ás que se atribúe a impartición dos diferentes módulos profesionais de cada ciclo formativo realizarase de acordo co que se estableza regulamentariamente.

Segunda.-En todo caso, o corpo de profesores técnicos de formación profesional desempeñará as súas funcións na formación profesional específica, tanto de grao medio como de grao superior, sen perxuízo de que tamén o faga, nas condicións que se establezan, na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato.

Disposición transitoria única

En tanto non se produza a adscrición do profesorado ás novas especialidades, naqueles centros que implanten ciclos formativos o Servicio de Inspección, por proposta da dirección do centro, atribuirá, de forma provisional, os módulos profesionais a especialidades dos corpos de profesores de ensinanza secundaria e técnicos de formación profesional que sexan afins ás que sinalen os correspondentes decretos dos títulos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións correspondentes para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

5084