Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 14 de agosto de 1995 Páx. 6.416

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 238/1995, do 28 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cambados (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto: urbanización da rúa A Pacheca.

O Concello de Cambados (Pontevedra), en sesión celebrada o día 31 de outubro de 1994, aprobou o proxecto de urbanización da rúa A Pacheca, e na sesión do día 4 de novembro de 1994 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 7 de xuño de 1995 baixo o número 5327.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de maio de 1995.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que a dita obra, por razóns das disputas entre dúas ramas dunha mesma familia con dereitos concorrentes, en varias propiedades, viuse demorando en virtude da disposición ó acordo duns e outros alternativamente. Cando a familia Otero Pérez accedía, opoñíase a familia Otero Cambados, e viceversa.

Que esta obra xa estivo incluída no PAM/1991, subvencionada pola deputación provincial, quedando sen executar polas razóns apuntadas.

Tódolos demais propietarios son conformes á necesaria obra, e en ausencia dela máis de 50 veciños ven obstaculizado o normal desenvolvemento das súas vidas e a obtención dos servicios que actualmente compoñen o confort normal de calquera familia: as subministracións de butano, de refrescos, o depósito de lixo, e en resumo, todo aquilo que por dispoñer de certo volume ou peso deba desprazarse nun vehículo de dimensións superiores ás dun turismo.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cambados (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización da rúa A Pacheca.

Santiago de Compostela, vinteoito de xullo de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

95-5019