Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 14 de agosto de 1995 Páx. 6.408

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 1995, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, pola que se resolve con carácter definitivo a convocatoria de axudas para a formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras de acordo coa Acción I do Programa Lingua.

De conformidade coa Orde do 2 de novembro de 1994 (DOG do 16 de decembro), pola que se convocaban axudas para a formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras de acordo coa Acción I do Programa Lingua.

Esta dirección xeral resolveu, con carácter definitivo:

Primeiro.-Conceder axudas ós profesores de linguas estranxeiras que aparecen relacionados no anexo I, pola contía en pesetas correspondente ós ecus que se indican en cada caso, con cargo ós fondos do programa Lingua.

Segundo.-Incorporar en lista de suplentes os profesores que aparecen relacionados por orde de puntuación no anexo II desta orde, ante as posibles renuncias dos profesores seleccionados.

Terceiro.-Excluí-las solicitudes e denega-las axudas ós profesores relacionados no anexo III desta resolución, por algunha das seguintes causas, correspondentes ós apartados que se citan, da orde de convocatoria do 2 de novembro de 1994:

1º. Non ter tres anos de docencia en linguas estranxeiras. Apartado segundo.2.a.

2º. Solicita-la axuda para unha actividade de formación nun país fóra do ámbito do programa. Apartado primeiro.1.

3º. Non estar impartindo na actualidade o idioma para o que solicita a actividade de formación. Apartado segundo.1.a.

4º. Solicitude fóra de prazo. Apartado quinto.

5º. Non especifica-la actividade para a que solicita axuda.

6º. Actividade de formación durante o período lectivo.

7º. Documentación incompleta. Apartado terceiro.1.2.

8º. Ter desfrutado durante o ano 1994 dunha axuda da Acción I do Programa Lingua ou dun reintegro económico individual de gastos para asistir a actividades de formación. Apartado segundo.2.d.

Cuarto.

1.-O pago efectivo da totalidade da axuda farase á persoa interesada unha vez realizada a actividade. Para iso, remitirá os seguintes documentos á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Subdirección Xeral de Ordenación Educativa. San Lázaro, 107. 15771 Santiago de Compostela), dentro dos vinte días naturais seguintes á finalización da actividade:

a) Documento debidamente cuberto segundo o modelo que figura no anexo IV desta resolución.

b) Cuestionario de avaliación segundo modelo que figura no anexo V desta resolución.

c) Fotocopia compulsada do certificado de asistencia ó curso no que se especifiquen as datas de realización e o número total de horas lectivas.

d) Fotocopia compulsada da factura ou documento que xustifique a inscrición no curso, no que se especifique o importe do gasto realizado.

e) Declaración da persoa interesada manifestando se é ou non beneficiaria doutra axuda ou bolsa procedente de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional, con especificación, se é o caso, da contía e finalidade.

2.-Calquera alteración das condicións tidas en conta para as concesións das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3.-As persoas beneficiarias da axuda estarán obrigadas a facilitar canta información lles sexa requirida polo organismo competente, quedando sometidas ás actuacións de control financeiro que corresponda á Intervención Xeral da Administración do Estado e ás de comprobación que poida efectua-lo Ministerio de Educación y Ciencia.

Quinto.-Contra a presente resolución as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo de un mes, recurso ordinario perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 1995.

Gerardo Muñoz Sánchez-Brunete

Director xeral de Ordenación Educativa e Centros

4781