Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 11 de agosto de 1995 Páx. 6.391

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

PARLAMENTO DE GALICIA

BASES para a selección dun funcionario interino grupo A/B, nivel 25.

Posto de traballo: xefe de unidade de caixa e contabilidade dos servicios económicos do Parlamento de Galicia.

I. Requisitos que deben reuni-los aspirantes.

A) Ser español, ou nacional dos demais estados membros da Unión Europea sempre que reúnan as condicións esixidas pola Lei 17/1993, do 28 de decembro.

B) Ter cumpridos os 18 anos de idade.

C) Estar en posesión do título de licenciado ou diplomado en ciencas económicas ou empresariais.

D) Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

E) Non padecer enfermidade ou defecto físico que lle impida o cumprimento das funcións.

II. Convocatoria.

As bases desta convocatoria publicaranse no BOPG e no DOG e un extracto tamén se publicará nun xornal do ámbito da Comunidade Autónoma.

III. Solicitudes.

Os interesados deberán presenta-las súas solicitudes para participar nas probas selectivas nun prazo dos vinte días naturais seguintes á publicación das bases da convocatoria no DOG, debendo xuntar ó seu escrito:

a) Fotocopia do DNI.

b) Copia ou fotocopia da titulación académica que posúan.

c) Declaración de que reúnen tódalas condicións esixidas para participar nas probas selectivas.

A documentación acreditativa das condicións esixidas presentarase despois de realizadas as probas selectivas e antes do nomeamento do funcionario seleccionado.

IV. Realización das probas.

As probas selectivas realizaranse despois de transcorridos dous meses desde a publicación das bases da convocatoria no DOG.

A data do primeiro exercicio publicarase no DOG.

As datas dos demais exercicios publicaranse no taboleiro de anuncios do Parlamento de Galicia.

V. Probas de aptitude que hai que superar.

1. Exercicio teórico. Consistirá no desenvolvemento por escrito de dous temas do programa, a elixir de tres sacados a sorteo. A súa duración será de tres horas.

2. Exercicio práctico. Consistirá na resolución escrita de dous supostos de contabilidade pública. A súa duración será de tres horas.

3. Exercicio sobre informática. Consistirá nunha proba práctica de manexo de programas, a nivel usuario. A súa duración será de unha hora.

4. Exercicio de coñecemento da lingua galega. Consistirá na realización de dúas traduccións, unha de castelán para o galego e outra do galego para o castelán.

Os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio.

Os dous primeiros exercicios, o teórico e o práctico, cualificaranse de 0 a 10 puntos, quedando eliminados os aspirantes que non acaden un mínimo de 5 puntos.

O exercicio de informática e de galego, cualificaranse de 0 a 5 puntos, quedando eliminados os aspirantes que non acaden un mínimo de 2,5 puntos.

VI. Selección.

Será seleccionado o candidato que obteña maior puntuación no conxunto do proceso selectivo.

VII. Tribunal.

O tribunal estará composto polos seguintes membros:

Presidente: Victorino Núñez Rodríguez, presidente do Parlamento.

Suplente: José Mª García Leira, vicepresidente 1º do Parlamento de Galicia.

Secretario: José Ramón Cólera Leirado, oficial maior do Parlamento, con voz e voto.

Suplente: Juan Carlos Caride Puente, letrado do Parlamento.

Vocais:

Miguel Cortizo Nieto, vicepresidente 2º do Parlamento.

Suplente: Bautista G. Álvarez Domínguez, vicesecretario do Parlamento.

José Mª Ameijenda Cuns, interventor xeral do Parlamento.

Suplente: Purificación López Gómez, letrada do Parlamento.

Anxo Teixeiro Piñeiro, representante designado pola Xunta de Persoal.

Suplente: Antonio Blanco Piñeiro, representante designado pola Xunta de Persoal.

O tribunal poderá requiri-la asistencia dun asesor especialista para todas ou algunha das probas.

VIII. Nomeamento.

Correspóndelle á Mesa do Parlamento o nomeamento do funcionario seleccionado, de acordo coa proposta que lle formule o tribunal.

IX. Temas do programa.

1. O orzamento das entidades públicas. Concepto. Principios. Estructura. Contido.

2. Elaboración e aprobación dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O orzamento do Parlamento de Galicia. A autonomía financeira das cámaras lexislativas.

4. Os créditos do orzamento de gastos: especialidade cuantitativa, cualitativa e temporal dos créditos. Vinculación xurídica dos créditos. Situación dos créditos.

5. Modificacións orzamentarias.

6. Execución do orzamento de gastos. Fases do gasto. Pagamentos en firme e a xustificar. Anticipos de caixa fixa.

7. Peche e liquidación do orzamento. Orzamentos pechados. Remanentes de crédito.

8. Natureza, obxecto e fins da contabilidade pública.

9. Entidades suxeitas á contabilidade pública. Concepto de entidade contable.

10. Características e requisitos da información contable pública.

11. Peculiaridades da contabilidade pública fronte á contabilidade empresarial.

12. Subsistemas de contabilidade financeira, orzamentaria e analítica no ámbito público: características e interrelacións.

13. A normalización contable pública: necesidade e a súa evolución histórica.

14. O Plan Xeral de Contabilidade Pública de 1994: ámbito de aplicación, estructura e características.

15. Os principios contables públicos no Plan Xeral de Contabilidade Pública de 1994.

16. Contabilización das operacións de apertura do orzamento de gastos e ingresos.

17. Contabilización das operacións de modificación do orzamento de gastos e ingresos.

18. Contabilización das operacións de execución do orzamento de gastos e ingresos.

19. Contabilización das operacións de peche do orzamento de gastos e ingresos.

20. Os gastos con financiamento afectado.

21. A contabilidade do inmobilizado.

22. Provisións e amortizacións.

23. A contabilidade do endebedamento.

24. A tesourería das entidades públicas: xestión e contabilización.

25. O estado de liquidación do orzamento e o resultado orzamentario.

26. O balance e a conta do resultado económico-patrimonial.

27. A memoria: o remanente de tesourería, o estado de tesourería e o cadro de financiamento.

28. Control de legalidade e control financeiro.

29. Control de economía, eficiencia e eficacia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 1995.

Victorino Nuñez Rodríguez

Presidente do Parlamento de Galicia

5073