Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 09 de agosto de 1995 Páx. 6.328

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de xullo de 1995, pola que se clasifica como cultural a Fundación O Grelo ( Amigos de Galicia ).

Visto o expediente de clasificación da Fundación O Grelo (Amigos de Galicia ), con domicilio en rúa Otero Pedraio , 47- 49 entresollado 27003 Lugo.

Supostos de feito.

1. Que Jesús Busto Peteiro, en representación da fundación, en escrito de 10 de xullo de 1995, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra, o día 30 de xuño de 1995 ante o notario desta cidade César Cunqueiro González-Seco, co número mil catrocentos cincuenta e sete do seu protocolo, por Jesús Busto Peteiro, Jesús Lombardía Lorenzo, Jesús Vaamonde Polo, José Peteiro García, José-Luis Vázquez Pérez, Luis Rial Suárez, Blanca-Coromoto Gómez Méndez, José-María Lombardero Iglesias, e Antonio Míguez Monroy .

3. Que, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é promociona-lo idioma galego: as súas letras, as súas artes, a súa cultura e axudar a escritores, pintores etc. Promociona-los productos galegos e en especial, a súa gastronomía. E axudar dun xeito especial ós galegos que na emigración pasan necesidades económicas sen esquecerse dos que viven en Galicia. Patrocinar premios que estimulen estes fins.

4. Que o padroado da fundación estará constituído por Jesús Busto Peteiro como presidente, José-María Lombardero Iglesias como vicepresidente, José-Luis Vázquez Pérez como secretario, Luis Rial Suárez como tesoureiro, Luis Rial Suárez e Jesús Vaamonde Polo como portavoces, Jesús Lombardía Lorenzo, Blanca-Coromoto Gómez Méndez e José Peteiro García como vocais.

5. Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevan ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como cultural, da Fundación O Grelo (Amigos de Galicia), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia( Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei

11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. Que, de acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamennto do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Que, á vista do que antecede, se poden considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias, establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de xullo de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como cultural a Fundación O Grelo (Amigos de Galicia), adscribíndoa á Consellería de Cultura que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

95-05553