Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 01 de agosto de 1995 Páx. 6.154

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 1995 pola que se anuncia convocatoria pública de dúas bolsas para a formación de expertos en sistemas de indicadores estatísticos.

A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia regula os principios e as normas nas que se basea a actividade estatística da Comunidade Autónoma e encomendalle ó Instituto Galego de Estatística (IGE) entre outras funcións, a elaboración das estatísticas propias. Os requisitos de corrección técnica

e de respecto ás normas metodolóxicas, tendentes a acada-la obxectividade dos resultados das devanditas estatísticas, esixen tanto o estudio e posta ó día dos procedementos estatísticos máis axeitados a cada caso, como a implantación efectiva deles.

Dado que un obxectivo de interese para o IGE, e en xeral para o sistema estatístico de Galicia, é a formación de xoves que con base académica previa de nivel adaptado ás necesidades técnicas cheguen a acadar un coñecemento teórico e práctico nos distintos campos da técnica e metodoloxía que lles permita obter unha capacitación de experto.

Por todo isto, esta dirección xeral resolve facer pública a presente convocatoria que se aterá ás seguintes,

BASES:

Primeira.-Obxecto.

A finalidade da presente convocatoria é a adxudicación de dúas bolsas para formación de expertos en sistemas de indicadores estatísticos.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán optar ás bolsas establecidas na presente convocatoria as persoas que no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título de licenciatura en ciencias matemáticas, especialidade estatística e investigación operativa, obtido con posterioridade a decembro de 1993 e que non desfrutasen con anterioridade doutra bolsa do IGE.

Terceira.-Presentación e formalización das solicitudes.

As solicitudes formalizaranse en escrito dirixido ó director do Instituto Galego de Estatística e poden presentarse na sede do organismo, sita na rúa Ramón Piñeiro, nº 27 (CP 15702) de Santiago de Compostela ou en calquera das oficinas que para estes efectos sinala o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nas solicitudes, nas que se fará constar que se reúnen os requisitos esixidos na convocatoria, deberá figura-lo nome, apelidos, enderezo e teléfono dos solicitantes e irán acompañadas dos seguintes documentos, en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada:

a) Documento nacional de identidade ou documento que legalmente o substitúa.

b) Certificación académica persoal completa e acreditativa do grao de titulación esixida.

c) Currículum vitae do solicitante en relación ó coñecemento ou experiencia na materia estatística obxecto das bolsas, acompañado dos documentos que o avalen.

Cuarta.-Prazo de solicitudes.

O prazo de solicitudes será de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da presente resolución.

Quinta.-Selección e valoración das solicitudes.

O estudio e valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión que presidida pola Secretaria Técnica do IGE terá como vocais:

-O director do departamento de estatística e investigación matemática da Universidade de Santiago de Compostela.

-O subdirector de producción e análise estatística do IGE.

Actuará como secretario un funcionario do IGE.

A citada comisión elevará para a súa resolución polo director do IGE a proposta de adxudicación das bolsas.

Os criterios que terá en conta a comisión de valoración serán os seguintes:

-Expediente académico, ata un máximo de 10 puntos.

-Coñecementos de informática, ata un máximo de 10 puntos.

-Coñecementos de métodos de mostraxe e estimación, ata un máximo de 10 puntos.

Os solicitantes seleccionados poderán ser convocados a unha entrevista persoal.

Sexta.-Resolución da convocatoria.

A presente convocatoria resolverase por resolución do director do IGE e constará, ademais da relación dos candidatos seleccionados, da dos respectivos suplentes, para que, en caso de renuncia, imposibilidade ou incumprimento dos requisitos esixidos por parte dos seleccionados, se lles poidan adxudica-las bolsas ós suplentes. Da dita resolución, que se publicará no DOG, e no taboleiro de anuncios do IGE, daráselles traslado ós interesados.

Sétima.-Contía e forma de pagamento.

O importe da bolsa será de cento vintecinco mil pesetas (125.000 ptas.) brutas mensuais. O importe líquido farase efectivo na conta bancaria que solicite o bolseiro.

O bolseiro, polo tempo de duración da bolsa, terá dereito a un seguro combinado de cobertura de asistencia cirúrxica e médica, en réxime de consultorio e domiciliario.

Oitava.-Duración da bolsa.

A duración da bolsa será a do tempo comprendido entre a incorporación real do bolseiro ó IGE e o 31 de decembro do presente ano. Non obstante, e de xeito excepcional, sempre supeditado á existencia de consignación orzamentaria para o ano 1996, podería concederse pola Dirección do Instituto Galego de Estatística, por petición do bolseiro, unha prórroga de nove meses no desfrute da bolsa.

Novena.-Carácter das bolsas.

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vinculación laboral entre o bolseiro e a Xunta de Galicia.

Décima.-Condicións do desfrute.

Logo da aceptación por escrito da bolsa, o seu desfrute comezará ó incorporarse o bolseiro ó IGE, dentro do prazo que se sinala na respectiva notificación da resolución de concesión.

O bolseiro que non se incorpore no período establecido perderá os dereitos inherentes para bolsa.

Décimo primeira.-Obrigas dos beneficiarios das bolsas.

Os bolseiros comprometeranse a cumpri-lo réxime de formación e investigación establecido polo director do IGE, contando co asesoramento, orientación e dirección dos funcionarios do IGE que o director designe a tales efectos.

Os bolseiros deberán permanecer nas dependencias do IGE por un período de tempo non inferior a trinta (30) horas semanais.

O director do IGE poderá revoga-lo desfrute da bolsa se o bolseiro non realiza ou incumpre as tarefas que se lle asignen ou se aquelas non reúnen os requisitos de calidade esixibles.

Décimo segunda.-Renuncia da bolsa.

A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o desfrute dela deberá comunicarse cun preaviso mínimo de 15 días naturais; o interesado deberá formulala por escrito e dirixila ó director do IGE, quen poderá adxudicar, polo período de desfrute restante, ó candidato seguinte na relación elaborada pola comisión de valoración.

Décimo terceira.-Dotación económica e aplicación orzamentaria.

Para a concesión das bolsas que se convocan na presente resolución existe crédito na aplicación orzamentaria 05.50.441A.480.00, dos orzamentos do IGE para o ano 1995.

Disposicion derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 1995.

J. Antonio Campo Andión

Director do Instituto Galego de Estatística

4927