Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 28 de xullo de 1995 Páx. 5.974

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 5 de xullo de 1995, pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade.

Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, establece no seu artigo 5.5º que é función do Consello Rector elaborar e aproba-lo Regulamento de réxime interior da academia. Por outra banda, o Decreto 121/1995, do 20 de abril, polo que se aproban os criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das policías locais faculta, na súa disposición derradeira, o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dicta-las disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Co fin de que a Academia Galega de Seguridade poida desenvolver plenamente a súa actividade na consecución das funcións que ten atribuídas, logo da aprobación do Consello Rector e, en virtude das atribución que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade, que figura no seguinte anexo.

ANEXO

REGULAMENTO DE RÉXIME INTERIOR DA ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE.

Disposicións xerais

Artigo 1º.

A Academia Galega de Seguridade é un organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito organicamente á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, encargado da formación dos membros da seguridade pública, nas áreas de policía, bombeiros, protección civil e persoal para as tarefas de prevención e extinción de incendios.

O presente Regulamento de réxime interior regula o funcionamento desta academia e vincula a tódolos alumnos que participen no desenvolvemento dalgún dos cursos selectivos de formación que nela se impartan.

Na convocatoria dos cursos de especialización e formación permanente, especificaranse as normas de funcionamento e os requisitos para a obtención de diplomas se é o caso.

Artigo 2º.

Son funcións da Academia Galega de Seguridade:

1.-A realización dos cursos que se establezan para o ingreso e a promoción interna ás distintas escalas dos corpos da policía autónoma e de policías locais.

2.-Imparti-los cursos de formación e perfeccionamento permanente, así como os de especialización, para tódalas categorías ou tódolos postos de policía autónoma e de policías locais.

3.-Investigar, estudiar e divulgar materias e documentación relativas á policía e seguridade cidadá, tendentes a facilitarlles ós concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servicios específicos das policías locais. Para tales efectos estableceranse as relacións de colaboración correspondentes entre a Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia e a Academia Galega de Seguridade.

4.-Promove-la celebración de convenios de colaboración e intercambio de experiencias docentes e investigadoras con organismos semellantes de ámbito autonómico, estatal ou internacional.

5.-Imparti-los cursos de formación que se establezan para os membros dos corpos de bombeiros daqueles concellos cos que se formalice o correspondente convenio de colaboración.

6.-Emitirlle informe á Xunta de Galicia nos procesos de selección da policía autonómica e mais ós concellos que o soliciten nos procesos de selección das policías locais.

7.-Organizar, na propia sede da academia ou en colaboración cos concellos ou coas deputacións, cursos de preparación e formación de corpos de funcionarios ou voluntariado para as tarefas de extinción e prevención de incendios e protección civil.

8.-Calquera outra función que se lle poida asignar.

Artigo 3º.

Os órganos de goberno e de administración da Academia Galega de Seguridade son:

1.-O Consello Rector.

2.-O director.

As funcións de cada órgano son as recollidas na Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade.

A estructura orgánica da Academia Galega de Seguridade é a aprobada polo Decreto 23/1993, do 11 de febreiro.

Artigo 4º.

Os profesores poden formar parte do cadro de persoal da academia ou te-la condición de colaboradores temporais. Neste caso a súa selección correspóndelle ó director.

Capítulo I

Alumnos

Artigo 5º.

Durante a súa permanencia na Academia Galega de Seguridade, os alumnos someteranse ás disposicións do presente regulamento, así como, se é o caso, á lexislación xeral dos funcionarios das corporacións locais, e á especial dos corpos de seguridade que lle sexan aplicables.

Artigo 6º.

-Son deberes dos alumnos:

a) Asistir puntualmente ás clases e demais actos académicos que se determinen.

b) Acatar con disciplina as normas do presente regulamento, as instruccións de orde interno que dicte

o director da academia, e as individualizadas que reciban do persoal directivo e profesores da academia.

c) Gardar sixilo respecto dos asuntos inherentes á profesión e que non deban ser divulgados.

d) Observar en todo momento unha conducta decorosa.

e) Esforzarse na mellora das súas aptitudes profesionais e da súa capacidade de traballo, así como en obte-lo maior rendemento posible das ensinanzas recibidas.

f) Fortalece-los lazos de compañeirismo.

g) Colaborar á consecución dos fins do curso.

h) Facer un bo uso do material e das instalacións do centro.

i) E, en xeral, todos aqueles que se deriven do normal funcionamento da academia.

Artigo 7º.

Os alumnos que non poidan asistir a clase por enfermidade ou outra causa xustificada deberán informar, no prazo de corenta e oito horas, á dirección do centro, acreditando o motivo da súa ausencia e incorporándose ó curso cando a causa determinante llo permita ou así se estableza.

Artigo 8º.

-Son dereitos dos alumnos:

a) O funcionamento normal do curso e o logro dos obxectivos que nel se fixen.

b) Expoñer, individualmente e por escrito, á dirección calquera queixa, reclamación ou suxerencia que crea oportuna, así como solicitar entrevistas persoais con este fin.

c) Recibi-las ensinanzas teóricas e prácticas das distintas materias na forma e tempo previstos no programa do curso.

d) E, en xeral, todos aqueles que recoñeza a lexislación vixente.

Artigo 9º.

En cada curso existirá un delegado que exercerá a representación dos alumnos ante os órganos directivos. Este delegado será elixido polos alumnos entre os seus compañeiros ou, no seu defecto, será nomeado polo director da academia.

Artigo 10º.

-Son funcións do delegado do curso:

1.-Colaborar coa dirección e demais órganos rectores nas actividades propias do curso.

2.-Facer chegar á dirección as suxerencias ou queixas que interesen ó colectivo dos alumnos.

3.-Mante-la disciplina na aula en ausencia do profesor.

Capítulo II

Cursos selectivos de formación para policías locais

Sección primeira

Desenvolvemento da formación

Artigo 11º.

Enténdese por cursos selectivos de formación para policías locais, aqueles ós que fan referencia os artigos

23 e 25 da Lei de coordinación das policías locais de Galicia, como os indispensables para o ingreso ou acceso ás diferentes escalas e postos dos corpos de policía local, e regulados no Decreto 121/1995, do 20 de abril, polo que se aproban os criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das policías locais.

Artigo 12º.

Nestes cursos o desenvolvemento da formación estará constituído polas áreas temáticas, que se comporán de materias teóricas e prácticas. En todo caso, haberá as seguintes áreas: xurídica, humanística, técnica policial, e unha de xestión, nos cursos para mandos. O contido das áreas como das materias poderá variar en función do curso que se realice.

Xunto coas áreas puramente docentes, existirá un área de actitude, na que se valorará o comportamento do alumno durante a súa estadía na academia. Nesta área cada alumno disporá dun total de dez puntos dos que se detraerán os correspondentes ás sancións disciplinarias que se lle impoñan.

Artigo 13º.

Ó longo de todo o curso faráselles ós alumnos avaliacións parciais dos coñecementos adquiridos.

Artigo 14º.

Estes cursos de formación terán carácter selectivo e para supera-los será necesario obter, como mínimo, un cinco sobre dez en cada unha das materias que compoñen o plan de estudios, así como na área de actitude, dispoñendo de dúas convocatorias de exame, unha ordinaria e unha extraordinaria. Para a área de actitude non existirá convocatoria extraordinaria.

Artigo 15º.

O director da academia establecerá o horario académico, e poderase modificar ó longo do curso para facilita-la realización daquelas actividades que se consideren de interese para a formación do alumno.

Artigo 16º.

O alumno que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 15% das clases do curso de formación será declarado «non apto», e poderá incorporarse ó seguinte curso ou cando a causa determinante llo permita. A xustificación da ausencia será valorada polo consello rector da Academia Galega de Seguridade, por proposta do seu director.

Sección segunda

Actitudes e organización

Artigo 17º.

Dentro do horario académico, os alumnos vestirán o uniforme que a academia determine para cada caso, portando o distintivo que os acredite como tales.

Artigo 18º.

O saúdo será obrigatorio con tódalas autoridades e superiores xerárquicos, incluíndose expresamente entre estes o director da academia, persoal directivo, profesores e mandos naturais da policía local.

Artigo 19º.

O saúdo realizarase, cando estean vestidos de uniforme, levando a man dereita estendida ó extremo

da peza de roupa da cabeza, e xunto á sen dereita en posición de firmes, indicando «bos días» ou «boas tardes» segundo o caso.

Artigo 20º.

Se se atopasen de paisano, o saúdo será «bos días» ou «boas tardes», segundo a ocasión, poñéndose en pé no caso de atoparse sentados.

Artigo 21º.

1.-Mentres os alumnos se atopan nas aulas ou cafetería deberán permanecer descubertos, e deberán estar cubertos en tódalas demais dependencias.

2.-O tratamento, con tódalas persoas mencionadas no artigo 18, será o regulamentariamente establecido e, de non haber disposición ó respecto, será de vostede.

3.-Á entrada do profesor na aula, ou dalgunha das persoas mencionadas no artigo 18, os alumnos deberán poñerse en pé, e non abandonarán esa postura en canto non se lles indique. O mesmo farán cando estas persoas abandonen a aula.

4.-Queda prohibido levar co uniforme todo tipo de complemento ou adorno que non sexa o regulamentariamente establecido.

5.-Deberase coidar con esmero o aspecto externo (pelo, barba, roupa, etc.) dando a sensación en todo momento de aseo e pulcritude. As alumnas deberán ir, cando se atopasen de uniforme, co pelo recollido, suxeito, se é o caso, con goma ou lazo da cor do uniforme.

6.-Os alumnos deberán vesti-lo uniforme soamente durante a xornada académica, debendo absterse de facer exhibición del unha vez finalizada esta. Para tal efecto, acondicionaranse os locais necesarios para que os alumnos poidan cambia-la súa roupa de paisano polo preceptivo uniforme.

Sección terceira

Réxime disciplinario

Artigo 22º.

A infracción das normas do presente regulamento será corrixida de acordo coas prescricións que se recollen nos artigos seguintes.

Artigo 23º.

As faltas en que poden incorre-los alumnos clasifícanse en catro graos: moi graves, graves, menos graves e leves.

Artigo 24º.

-Son faltas moi graves:

a) A manifesta insubordinación individual ou colectiva contra os órganos rectores do curso e outras autoridades así coma rebelarse contra as ordes ou disposicións que se dicten.

b) Manifestarse colectivamente con mostras de protesta ou desagrado contra os superiores e as súas decisións.

c) Calquera outro acto susceptible de provocar noutros alumnos o relaxamento da disciplina académica en forma grave.

d) Os actos que lesionen gravemente o prestixio da academia.

e) Calquera acto tipificado como delicto doloso no Código Penal.

f) A reincidencia na falta grave. Haberá reincidencia cando fose sancionado, no curso, por tres ou máis faltas desta natureza.

Artigo 25º

-Son faltas graves:

a) Concorrer a espectáculos públicos e outros lugares anticipando a calidade de membro da Policía Local ou autonómica, ou alegar a condición de funcionario en prácticas do devandito corpo, en circunstancias que non o precisaran.

b) A desobediencia grave ós superiores.

c) Participar en alteracións que perturben o normal desenvolvemento do ensino ou dificulten a boa marcha do curso.

d) A desconsideración grave para coas persoas mencionadas no artigo 18º.

e) A reincidencia en falta menos grave. Haberá reincidencia cando fose sancionado, no curso, por tres ou máis faltas desta natureza.

Artigo 26º.

-Son faltas menos graves:

a) A falta inxustificada de asistencia a clase ou a calquera outro acto escolar obrigatorio, considerándose falta independente a inasistencia a cada unha das clases ou actos en días diferentes.

b) A inexactitude maliciosa nos informes que se emitan para os superiores ou profesores en calquera asunto relacionado co curso.

c) Promover ou tomar parte nas rifas entre compañeiros.

d) Contraer débedas por motivos que menoscaben o prestixio da academia.

e) Causar danos no material e instalacións maliciosamente ou por neglixencia inescusable.

f) O incumprimento das normas establecidas para a seguridade do curso ou do propio alumnado.

g) Ausentarse, sen autorización, durante o desenvolvemento de calquera das actividades do curso.

Artigo 27º.

-Son faltas leves:

a) A falta de puntualidade inxustificada a calquera acto escolar obrigatorio e o retraso no cumprimento dos horarios establecidos.

b) Tratar ós superiores ou profesores sen a debida cortesía ou deferencia.

c) A descortesía cos funcionarios que presten os seus servicios na academia así coma ó persoal empregado nela.

d) A infracción das normas sobre uniformidade.

e) A falta de aseo persoal e o descoido no vestir ou na conservación do equipo.

f) A neglixencia ou pouco interese no cumprimento dos seus deberes académicos.

g) O incumprimento dos deberes que, se é o caso, se impoñan mediante orde da dirección.

Artigo 28º.

As faltas moi graves corrixiranse con:

-Expulsión da academia.

-Perda de 4 a 5 puntos na área de actitude.

Artigo 29º.

As faltas graves corrixiranse con:

-Perda de 2 a 4 puntos da área de actitude.

Artigo 30º.

As faltas menos graves corrixiranse con:

-Perda de 1 a 2 puntos da área de actitude.

Artigo 31º.

As faltas leves corrixiranse con:

-Perda de 0,10 a 1 punto da área de actitude.

-Apercibimento.

Artigo 32º.

A autoridade competente para impoñe-las sancións será:

-Por faltas leves, menos graves e graves, o director da Academia Galega de Seguridade.

-Por faltas moi graves, o Consello Rector, por proposta do director da Academia Galega de Seguridade.

Artigo 33º.

O procedemento sancionador axustarase ós principios de sumariedade, celeridade, información da acusación ó interesado e audiencia. Contra as resolucións impoñendo a sanción correspondente cabe recurso ordinario ante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, previo ó contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 34º.

1.-As faltas moi graves prescribirán ós tres anos, as graves ó ano, as menos graves ós seis meses e as leves ó mes. O prazo de prescrición comezará a contarse desde que se cometeu a falta.

2.-As sancións impostas por faltas moi graves prescriben ós tres anos, as impostas por faltas graves, ó ano, as impostas por faltas menos graves, ós seis meses e as impostas por faltas leves ó mes.

3.-O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción, ou desde que se quebrantou o cumprimento da sanción, se xa comezase.

4.-A amplitude e efectos dos indultos de sancións disciplinarias regularanse polas disposicións que os concedan.

5.-A prescrición interrompirase polo comezo do procedemento: para este efecto, a resolución de incoacción do expediente disciplinario deberá ser debidamente rexistrada e volverá corre-lo prazo se o expediente permanece paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ó funcionario suxeito ó procedemento.

Artigo 35º.

Os correctivos que se impoñan ós alumnos anotaranse nos seus respectivos expedientes académicos, con indicación das faltas que os motivaron.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No non previsto neste regulamento aplicarase con carácter supletorio o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e normas que a desenvolvan.

Segunda.-Aplicarase, tamén con carácter supletorio, o establecido na Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade e demais normas de aplicación específica en cada caso e, con carácter subsidiario, no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado por Decreto 94/1991, do 20 de marzo.

Terceira.-Este regulamento aplicarase igualmente ás actividades docentes que se desenvolvan nos centros delegados, segundo os convenios de colaboración que se asinen.

Cuarta.-Autorízase o director xeral da Academia Galega de Seguridade para dicta-las instruccións necesarias na aplicación desta orde.

Quinta.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

95-5340