Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 26 de xullo de 1995 Páx. 5.916

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 220/1995, do 13 de xullo, polo que se derroga o Decreto 412/1986, do 18 de decembro, polo que se regula a utilización de autoestradas nos servicios regulares de transporte de viaxeiros por estrada.

A utilización de autoestradas nos servicios regulares de transporte de viaxeiros por estrada foi obxecto de regulación pola Xunta de Galicia mediante o Decreto 412/1986, do 18 de decembro (DOG do 22 de xaneiro), condicionando o outorgamento da correspondente

autorización ó cumprimento, por parte do concesionario interesado dos requisitos preceptuados polo antedito decreto.

Promulgado o Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, en execución da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, recóllese no artigo 78.4º desa norma a utilización de infraestructuras distintas ós itinerarios inicialmente autorizados no título concesional, cando son idénticos os tráficos de ambos itinerarios, sendo suficiente para a pertinente autorización, a comunicación á Administración cunha antelación mínima de 30 días.

Resulta, pois, perfectamente encadrable no artigo mencionado o uso de autoestradas en canto novas infraestructuras dentro dos títulos concesionais, tratándose dun réxime máis flexible para as empresas concesionarias de transporte que o establecido polo Decreto 412/1986, polo que, en consecuencia, resulta procedente a derrogación desta norma, tendo en conta a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma nesta materia conferida polo artigo 27.8º do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, de conformidade co artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, oído o Consello Galego de Transportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda derrogado o Decreto 412/1986, do 18 de decembro, polo que se regula a utilización de autoestradas nos servicios regulares de transporte de viaxeiros por estrada, sendo de plena aplicación nos supostos recollidos por aquel, o artigo 78.4º do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres.

Santiago de Compostela, trece de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

4186