Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 24 de xullo de 1995 Páx. 5.876

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 213/1995, do 20 de xullo, polo que se modifica o Decreto 121/1992, do 14 de maio, polo que se regula a estructura orgánica e as funcións da Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

O Decreto 121/1992, do 14 de maio (DOG nº 96 do 21 de maio), regulou a estructura orgánica e as funcións da Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia e Administración Pública configurándoa como un órgano central para o impulso do proceso de reforma administrativa da Xunta de Galicia con carácter único e competencia global sobre tódalas súas consellerías e tódolos seus organismos, ó tempo que lle asigna as funcións clásicas das inspeccións xerais de servicios que se concretan no control da legalidade vixente no funcionamento dos servicios.

Posteriormente, o Decreto 262/1994, do 29 de xullo, (DOG nº 158, do 18 de agosto) polo que se establece a estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública asignoulle no seu artigo 11 á Inspección Xeral de Servicios, ademais das competencias atribuídas polo Decreto 121/1992, o exercicio de novas funcións en materia de análise de estructuras orgánicas, métodos de traballo, procedementos administrativos e burocráticos, análise, avaliación, confección e seguimento das relacións de postos de traballo.

Por outra parte e en virtude do establecido polo artigo 63 bis da Lei 3/1995, do 10 de abril, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia (DOG nº 76, de 20 de abril) a Inspección Xeral de Servicios deberá desenvolve-los traballos precisos para avalia-lo rendemento das unidades e centros da Xunta de Galicia.

Os anteriores cambios normativos esixen, dun lado, integrar no Decreto 121/1992, tódalas funcións asignadas á Inspección Xeral de Servicios e doutro, dimensionar adecuadamente, en relación con elas, o cadro de inspectores e subinspectores de servicios co obxecto de garantir un eficaz exercicio das súas competencias no ámbito de toda a Administración autonómica.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, co informe previo da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O apartado 2 do artigo 3 do Decreto 121/1992, do 21 de maio, terá a seguinte redacción:

«2. De racionalización e mellora de procedementos, métodos de traballo e organización administrativa.

2.1 Elevar á Comisión Central de Racionalización:

a) A proposta de cantas medidas afecten á mellora dos procedementos administrativos que se seguen no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma.

b) A elaboración e desenvolvemento de programas de simplificación de trámite e métodos de traballo administrativo e normalización e racionalización da xestión burocrática.

c) A confección de manuais sobre a normativa e tramitación de procedementos, así como a normalización de documentos relativos a eles.

2.2 A realización de estudios sobre o dimensionamento de cadros de persoal propondo para o efecto as medidas necesarias sobre a reasignación de efectivos en función das cargas de traballo soportadas polas distintas unidades administrativas para conseguir un mellor funcionamento dos servicios.

2.3 A emisión do informe preceptivo e previo sobre os proxectos de disposicións relativas á estructura orgánica, métodos de traballo e procedementos administrativos e burocráticos, ó que se refire o número 2 do artigo 7 do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia.

2.4 Análises e avaliación da adecuación á política de persoal da Xunta de Galicia das propostas iniciais de elaboración e modificación das relacións de postos de traballo que emanen das distintas consellerías e os organismos autónomos dependentes delas.

2.5 Elaboración da proposta de relación de postos de traballo ou das súas modificacións que irá acompañada dun informe emitido conxuntamente co órgano correspondente da Consellería de Economía e Facenda.

2.6 Elevación ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública da proposta de elaboración ou modificación da relación de postos de traballo.

2.7 Seguimento e actualización permanente do persoal ó servicio da Xunta de Galicia, excluído o docente e o sanitario».

Artigo 2º

O artigo 9 do Decreto 121/1992, de 21 de maio, terá a seguinte redacción:

«Dependerán da Inspección Xeral de Servicios seis inspectores de servicios que terán nivel orgánico de subdirector xeral.

Os inspectores de servicios terán competencia en todo o ámbito da Comunidade Autónoma.

Para o exercicio das súas funcións, os inspectores de servicios contarán con subinspectores, con nivel orgánico de xefe de servicio, en número igual ó de aqueles.

Para a provisión dos postos de traballo de inspector de servicios e subinspector será necesario ter prestado servicios polo menos durante un periodo de tres anos na Administración Pública, en corpos dos grupos A ou B, segundo proceda, así como cumpri-los requisitos que para cada caso se sinalan nas relacións de postos de traballo».

Disposición adicional única

O artigo 11.2º do Decreto 262/1994, do 29 de xullo, quedará redactado co seguinte teor:

«Para o cumprimento das súas funcións, a Inspección Xeral de Servicios contará coas unidades administrativas expresadas nos artigos 9 e 10 do Decreto 121/1992, do 14 de maio, que realizarán os cometidos que na dita disposición se establecen».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

4999