Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 21 de xullo de 1995 Páx. 5.852

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 17 de xullo de 1995 pola que se regula a concesión de axudas económicas á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e ás fiscalías das audiencias provinciais, para equipamento e obras de mellora e acondicionamento de locais.

A Xunta de Galicia, tendo en conta as necesidades de equipamento, mellora e acondicionamento de locais que afectan á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e ás fiscalías das audiencias provinciais radicadas no ámbito territorial e dependentes do devandito tribunal, e no exercicio da función cola

boradora coa administración de xustiza, inclúe nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995 un crédito para facer fronte a obras e equipamento nos órganos xudiciais.

Por outra banda a Lei 6/1994, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, no seu artigo 35 regula a posibilidade da Administración autonómica de conceder subvencións e axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Neste sentido, faise necesario dicta-la norma oportuna que permita, a través de dito mecanismo de axuda, paliar esas carencias, establecendo os criterios e procedementos que, de acordo coa normativa aplicable, fagan posible esa colaboración entre a Administración autónomica e a de xustiza.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Xustiza e Interior, destinará a cantidade de vintecinco millóns de pesetas (25.000.000 de ptas.) para colaborar coa Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e as fiscalías das audiencias provinciais radicadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, por medio de subvencións que teñan por obxecto o equipamento e obras de mellora e acondicionamento.

As subvencións que se concedan ó amparo da presente orde corresponden á partida 13.02.123A.740.00 «Subvención obras e equipamento nos órganos xudiciais», do vixente orzamento de gastos da Comunidade Autónoma.

Poderán solicita-la subvención as fiscalías a que se refire esta disposición, así como os destacamentos fiscais dependentes de cada unha delas. Estes últimos farano a través da respectiva fiscalía a que pertenzan.

Artigo 2º

As solicitudes de subvención presentaranse, conforme o modelo que figura no anexo desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, nas súas delegacións provinciais ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Equipamento:

-Solicitude conforme anexo desta orde, debidamente cuberto.

-Proposta razoada de necesidades.

-Orzamento detallado do material para o que se solicita a subvención.

b) Obras de reparación ou reforma:

-Solicitude conforme anexo desta orde, debidamente cuberto.

-Memoria descriptiva e orzamento valorado da obra, ámbolos dous asinados por técnico competente.

-Proxecto redactado por técnico competente -cando o carácter da obra o requira-, quedando incluído na cantidade a subvencionar o importe dos honorarios do técnico autor do proxecto, de se-lo caso.

As solicitudes deberán presentarse acompañadas de certificación expedida pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme exista necesidade e oportunidade do contido delas.

Artigo 4º

As solicitudes serán cualificadas por unha comisión avaliadora constituída para o efecto, presidida polo director xeral de Xustiza e Interior da que formarán parte o subdirector xeral de Xustiza, dous funcionarios en representación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, un representante da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e outro por cada unha das fiscalías das audiencias provinciais, actuando como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Xustiza e Interior.

A dita comisión tomará como criterios de cualificación as razóns das necesidades de urxencia e oportunidade e elevará unha proposta de concesión de subvencións ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais quen, logo da fiscalización da Intervención Delegada, resolverá.

Artigo 5º

A resolución da consellería respecto da presente liña de subvencións seralles notificada a tódalas fiscalías solicitantes transcorrido un mes desde o remate do prazo de presentación das solicitutes de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente, segundo o establecido no Decreto 273/1994, do 29 de xullo.

Artigo 6º

As fiscalías beneficiarias quedarán obrigadas a destina-los fondos adxudicados para o obxecto concreto para o que foron concedidos, agás en casos expresamente autorizados polo titular desta consellería por proposta da comisión avaliadora.

Artigo 7º

Os beneficiarios da subvención presentarán xustificantes orixinais do gasto conformados polo fiscal xefe

respectivo por triplicado, antes do 30 de outubro de 1995. A Dirección Xeral de Xustiza e Interior, de atopa-los conformes, proporá o libramento dos fondos.

Disposicions derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no artigo 35 da Lei 6/1994, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1995, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Interior para dicta-las instruccións que conveñan para o desenvolvemento da presente orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da sua publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

95-5137