Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 20 de xullo de 1995 Páx. 5.816

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 3 de xullo de 1995 pola que se modifica a composición do Consello Regulador da denominación de orixe Monterei.

Por Orde do 3 de decembro de 1992, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes recoñeceu a denominación de orixe Monterrei para os viños producidos nesta comarca vitivinícola e nomeouse o seu consello regulador provisional, ó que, entre outras misións, se lle encomendou a redacción do regulamento particular da denominación.

O devandito regulamento particular, aprobado por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 25 de novembro de 1994, no seu artigo 31.1º, establece que o consello regulador estará constituído por un presidente, un vicepresidente, cinco vocais en representación do sector vitícola e cinco vocais en representación do sector vinícola.

Tendo en conta que na Orde do 3 de decembro se nomean catro vocais polo sector vitícola e catro vocais polo sector vinícola, procede nomear un novo vocal en cada un dos dous sectores.

En consecuencia, por proposta do consello regulador e logo consulta ós sectores interesados, e en virtude das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Proceder ó nomeamento como vovais do consello regulador de José Pedro Santana e Luciano Estévez Estévez.

Artigo 2º

Ditos vocais tomarán posesión nos prazos sinalados no artigo 31.6º do anexo da Orde do 25 de novembro de 1994, pola que se aproba o regulamento da denominación de orixe Monterrei.

Os devanditos prazos contaranse a partir da data de publicación da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

4935