Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 18 de xullo de 1995 Páx. 5.748

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de finalización da adhesión da empresa Progreso de la Gestión Empresarial, S.L. ó convenio colectivo da empresa Adia Intergrup Empresa de Trabajo Temporal, S.A.

Vista a solicitude presentada pola representación económica e social da empresa Progreso de la Gestión Empresarial Empresa de Trabajo Temporal, S.L., sobre finalización de adhesión ó convenio colectivo de traballo, procede dictar resolución conforme os seguintes:

Antecedentes de feito.

Único.-Con data 28 de abril do presente ano, a representación económica e social da empresa Progreso de la Gestión Empresarial Empresa de Trabajo Temporal, S.L., presentou nesta delegación provincial solicitude respecto á súa vontade de dar por concluída a adhesión que no seu día fixeran ó convenio colectivo da empresa Adia Intergrup Empresa de Trabajo Temporal, S.A. con base na devandita petición, por unha banda a libre autonomía da vontade das partes, e por outra, por asinarse o I convenio colectivo estatal de empresas de trabajo temporal, cun ámbito de aplicación que rexe igualmente para a devandita empresa, e que por conter melloras substanciais de todo tipo, interésalle que sexa de aplicación.

Fundamentos xurídicos.

Único.-Se ben é certo que con data do 20 de febreiro do presente ano esta delegación provincial dictou resolución na que se acorda a adhesión da empresa Progreso de la Gestión Empresarial, S.L., ó convenio colectivo da empresa Adia Intergrup Empresa de Trabajo Temporal, S.L., con efectos desde o 1-1-1995 ó 30-6-1995, non é menos certo que as partes con capacidade de adhesión poden, en calquera momento, dar por rematada esta, cando non implique unha renuncia de dereito, cal é o presente caso, por canto o convenio colectivo estatal de empresas de trabajo temporal, que queren que lles sexa de aplicación,

contén melloras sustanciais na orde sociolaboral sobre o convenio adherido, ademais do obrigado respecto á libre autonomía dos axentes laborais, partes asinantes da solicitude que se resolve. Por todo o cal, procede acceder á súa petición.

Vistos os preceptos legais de pertinente aplicación, esta delegación provincial, en uso das súas facultades,

ACORDA:

Primeiro: acceder á solicitude formulada pola representación económica e social da empresa Progreso de la Gestión Empresarial Empresa de Trabajo Temporal, S.L., e, en consecuencia, dar por finalizada a adhesión da citada empresa ó convenio colectivo de traballo da Adia Intergrup Empresa de Trabajo Temporal, con efectos desde o 28 de abril de 1995.

Segundo: dispoñe-la publicación da presente resolución no BOP e no Diario Oficial de Galicia, así como a remisión para o seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación, (SMAC).

Vigo, 4 de maio de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

95-03877