Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 18 de xullo de 1995 Páx. 5.745

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 209/1995, do 6 de xullo polo que se acepta a cesión temporal, a título gratuíto, de terreos no monte Quilma, feita pola xunta de montes veciñais en man común da Illa de Arousa, para a construcción dun criadeiro de moluscos.

A xunta de montes en man común da Illa de Arousa acordou, na asemblea xeral de comuneiros celebrada o 13 de xullo de 1991, a cesión temporal, a título gratuíto, á Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, dos terreos sitos no monte Quilma para a construcción dunha hatcherye ou criadeiro de ameixas.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/89, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que a xunta de montes en man común da Illa de Arousa acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la cesión gratuíta polo prazo de vintecinco anos prorrogables, dun terreo de dez mil metros cuadrados aproximadamente de extensión superficial, sito no monte Quilma, integrante do monte veciñal en man común denominado montes da Illa de Arousa, propiedade da xunta de montes da Illa de Arousa, do termo municipal de Vilanova de Arousa (Pontevedra). A parcela queda delimitada ó norte, co camiño veciñal; ó sur e ó leste, coa costa da ensenada de Quilma e ó oeste, co alto do monte de Quilma.

Artigo 2º

A parcela cedida destinarase á construcción pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura dun criadeiro de moluscos.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, seis de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

95-5052