Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 13 de xullo de 1995 Páx. 5.632

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo.

Conforme o artigo 27.3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía para Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda, no marco do propio Estatuto e do artigo 148.1.3 da Constitución española.

Sen embargo, o cabal entendemento desta atribución competencial debe arrincar dunha premisa previa: a proclamación polo artigo 137 da Constitución do prin

cipio de autonomía dos municipios para a xestión dos seus propios intereses.

Neste sentido, a Constitución de 1978 e a promulgación da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, supuxeron un punto de apoio importante no noso marco institucional.

O urbanismo non pode deixarse á marxe de tódolos principios institucionais que cada vez o sitúan con máis forza no seo dos concellos, porque social e institucionalmente o urbanismo aparece claramente enraizado nas entrañas municipais; é un feito tan natural coma inaprazable que os concellos asuman o protagonismo que lles corresponde neste proceso e que se acuda a técnicas que reafirmen as súas competencias naturais na orde urbanística, as consoliden e as doten da necesaria operatividade.

O principio de subsidiariedade e a concepción da Administración que postula evitar duplicidades de administracións no mesmo territorio, en claro reforzamento do ente titular da competencia na súa propia demarcación territorial, responden á cuestión formulada, pero son dificilmente compatibles coa súa execución por fases, e non sería menor a dificultade para a súa posible aplicación mediante lexislación sectorial.

Sen embargo, a dimensión do urbanismo como consubstancial á esfera local aconsella establece-las bases que xuridicamente fagan viable que a actuación autonómica nos concellos poida ter lugar a través da propia Administración municipal; a técnica que esta lei articula para o efecto é a da delegación de competencias nos concellos, no marco establecido polo artigo 27 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, para a aprobación definitiva do seu planeamento municipal. Así mesmo, considerouse axeitado estende-la delegación á autorización de vivendas unifamiliares no noso medio rural. En canto á cobertura de medios para o exercicio das competencias delegadas, ó non ser apreciable a existencia de cargas conexas á delegación, non resulta necesaria a transferencia de medios financeiros.

Ó tratarse de funcións ou potestades delegadas -das que segue sendo titular, por ende, a Comunidade Autónoma de Galicia- é evidente que en todo caso esta retén as correspondentes facultades de supervisión e coordinación, e que exercitará a través do instrumento de colaboración administrativa que de seu implica a emisión de informe previo, preceptivo e vinculante, cun ámbito que será exactamente o mesmo que define a xurisprudencia do Tribunal Supremo en relación coa intervención autonómica na aprobación do planeamento.

Esta delegación de competencias a favor dos concellos implica necesariamente que a lei aborde acto seguido unha nova definición dos órganos urbanísticos da Xunta de Galicia e das súas funcións.

Exclúense como tales as comisións provinciais de urbanismo, concibidas e estructuradas pola lexislación preconstitucional como órganos de estricta natureza local, e a permanencia das cales faise hoxe dificilmente explicable; exclusión que así mesmo o novo papel que na lei se lle asigna á Administración municipal explicaría por si só.

A lei ocúpase tamén de establece-lo mínimo de normas de procedemento consideradas como imprescindibles para adecuar a ela e ó novo réxime de distribución de competencias os procedementos existentes de aprobación dos instrumentos de planeamento, que se alixeiran do trámite de aprobación provisional sen mingua ningunha do principio democrático da participación cidadá, ó reducir substancialmente o prazo que a lei lle outorgaba á intervención autonómica.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de delegación de competencias en materia de urbanismo.

Capítulo I

Obxecto

Artigo 1

A presente lei ten por obxecto regular, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o réxime de delegación de competencias urbanísticas nos concellos, a determinación dos órganos urbanísticos da Xunta de Galicia e as súas competencias, así como o establecemento das normas de procedemento necesarias para adecua-los existentes a esta distribución competencial.

Capítulo II

Delegación de competencias

Artigo 2

A competencia para a aprobación definitiva dos proxectos, plans, normas ou programas de ámbito municipal que a lexislación urbanística vixente lle atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia queda asignada, en réxime de competencia delegada, ós concellos respectivos.

En ningún caso se entenderá incluída na delegación prevista no apartado anterior a competencia para a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento que afecten a máis de un termo municipal.

Artigo 3

Correspóndelle así mesmo ó Concello respectivo, en réxime de competencia delegada, o outorgamento da autorización para a construcción de vivendas unifamiliares prevista no artigo 42 da Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia, que se outorgará con suxeición ó procedemento que nel se establece.

Artigo 4

O exercicio das competencias delegadas axustarase ó disposto na lexislación urbanística vixente en Galicia.

Artigo 5

1. De conformidade co disposto na lexislación de réxime local, no réxime de delegación de competencias urbanísticas nos concellos, correspóndenlle á Xunta de Galicia, en todo caso, as seguintes facultades.

a) Establecer directrices xerais que orienten a redacción e tramitación do planeamento urbanístico municipal.

b) Solicitar, en calquera momento, información sobre a xestión municipal en materia de urbanismo, en canto ás competencias delegadas.

c) Formularlle os requirimentos pertinentes ó Concello para que sexan reparadas as deficiencias observadas no exercicio das competencias delegadas e, se é o caso, para que anule os actos ou acordos municipais que incorran en infracción do ordenamento xurídico vixente.

2. No caso de incumprimento das directrices, denegación das informacións solicitadas ou inobservancia dos requirimentos formulados, o Consello da Xunta, logo de audiencia da Corporación afectada, poderá revogar, en todo ou en parte, a delegación outorgada.

Artigo 6

Os actos e acordos dos concellos adoptados en exercicio das competencias delegadas pola presente lei poñerán fin á vía administrativa, polo que serán directamente recorribles perante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Capítulo III

Procedemento de aprobación do planeamento

Artigo 7

1. A aprobación definitiva do planeamento que a presente lei lles atribúe ós concellos en réxime de competencia delegada requirirá informe previo favorable da Consellería competente en materia urbanística.

Así mesmo, o mencionado informe poderá aludir soamente a aspectos concretos, e poderase, neste caso, proceder á aprobación parcial de todas aquelas cuestións non afectadas polo informe e que deben constar nel.

2. Para estes efectos, concluída a tramitación do plan e inmediatamente antes da aprobación definitiva, o Concello daralle traslado á Consellería competente en materia urbanística do contido íntegro daquel xunto co expediente completo tramitado, para que no prazo de tres meses se pronuncie sobre el. Entenderase emitido o informe en sentido favorable se non se emite no prazo de tres meses a partir da recepción do expediente completo no citado organismo.

Artigo 8

Ademais do disposto no artigo anterior, a tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico previstos na presente lei axustarase ó procedemento sinalado na lexislación urbanística vixente, coas seguintes particularidades.

a) Concluída a fase de formulación do planeamento e antes da súa aprobación inicial, o expediente completo seralle remitido para o seu informe á Consellería competente en materia urbanística, que deberá emitilo no prazo de un mes, pasado o cal poderá o Concello segui-lo procedemento.

b) Non estarán suxeitos á aprobación provisional e procederase directamente á aprobación definitiva unha vez realizado o informe preceptivo e vinculante previsto no artigo 7 desta lei.

c) En ningún caso se entenderá aprobado o plan ou norma por aplicación do silencio administrativo positivo.

d) O acto de aprobación definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e comunicaráselle á Consellería competente en materia urbanística á vez que se lle dará traslado dunha copia adverada do expe

diente administrativo completo e dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente con tódolos planos e documentos que integran o plan sobre os que recaese o acordo de aprobación definitiva, debidamente dilixenciados polo secretario do Concello e nos que se fará consta-lo dito extremo.

A eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan ou norma aprobados quedan condicionadas á recepción do expediente completo na Consellería competente en materia urbanística e á publicación das súas normas e ordenanzas conforme o establecido na lexislación do réxime local.

Capítulo IV

Competencias da Comunidade Autónoma

Artigo 9

As competencias que en materia de urbanismo lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do seu Estatuto de autonomía exerceranas o Consello da Xunta, o conselleiro competente en materia urbanística e a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

Os órganos urbanísticos da Xunta de Galicia poderán delega-lo exercicio das súas competencias nos termos previstos nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Artigo 10

Correspóndelle ó Consello da Xunta.

a) Acorda-la declaración de urxencia na tramitación de plans parciais ou especiais que desenvolvan o planeamento xeral, promovidos por administracións urbanísticas ou empresas con capital exclusivo ou maioritariamente público que teñan como fin principal a urbanización, a creación de solo ou a construcción de vivendas de protección oficial.

b) Acorda-la entrada en vigor de normas complementarias e subsidiarias do planeamento sen necesidade de segui-la tramitación ordinaria.

c) Suspender para a súa revisión, en todo ou en parte do ámbito ó que se refiran, a vixencia dos plans e normas urbanísticas, nos termos establecidos na lexislación urbanística vixente.

d) Resolver sobre a procedencia da execución dos proxectos a que se refire o artigo 244 do Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño, cando os promovesen órganos ou entidades de dereito público da Comunidade Autónoma, no caso de desconformidade ó que se refire o apartado 2 do dito precepto.

e) A imposición de multas por infraccións urbanísticas a partir de cen millóns de pesetas.

f) A revogación total ou parcial da delegación de competencias urbanísticas nun concello, nos supostos previstos no artigo 5.2 da presente lei.

Artigo 11

Correspóndelle ó conselleiro competente en materia urbanística o exercicio das competencias que en mate

ria de urbanismo lle corresponden á Comunidade Autónoma e que pola presente lei non se atribúan expresamente a outros órganos urbanísticos.

Así mesmo, en canto á aprobación definitiva do planeamento que en réxime de competencia delegada a presente lei lles asigna ós concellos, correspóndelle emiti-lo informe preceptivo e vinculante ó que se refire o artigo 7 desta lei.

Artigo 12

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, como órgano colexiado de carácter consultivo en materia de urbanismo, emitirá informe con carácter preceptivo sobre os asuntos que de acordo coa presente lei deba coñece-lo Consello da Xunta e sobre os proxectos de modificación de plans, normas complementarias e subsidiarias e programas de actuación que teñan por obxecto unha diferente zonificación ou uso urbanísticos das zonas verdes ou espacios libres previstos no plan. Igualmente, emitirá informe en cantos asuntos, dentro da súa competencia, lle someta a consulta o conselleiro competente en materia urbanística.

A Comisión, por propia iniciativa, poderá elevarlle ó conselleiro cantas mocións, estudios, suxerencias e propostas estime oportunas en materia urbanística.

Disposición adicional primeira

A aprobación definitiva do planeamento que a lexislación urbanística lles atribúe, como competencia propia, ós concellos requirirá informe previo do órgano urbanístico competente da Comunidade Autónoma, nos mesmos termos establecidos no artigo 7 da presente lei.

Disposición adicional segunda

Quedan suprimidas como órganos urbanísticos da Xunta de Galicia as comisións provinciais de urbanismo. O exercicio das competencias urbanísticas que lle corresponden á Comunidade Autónoma queda remitido ós órganos urbanísticos previstos nesta lei.

Disposición transitoria primeira

Os plans, proxectos, normas ou programas de ámbito municipal en tramitación á entrada en vigor da presente lei aprobaraos definitivamente o Concello respectivo, logo do informe preceptivo e vinculante previsto no artigo 7 desta lei.

Disposición transitoria segunda

As solicitudes de autorización para a construcción de vivendas unifamiliares no medio rural previstas no artigo 42 da Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia, que se atopen en tramitación á entrada en vigor da presente lei outorgaranas os concellos respectivos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os correspondentes artigos da Lei 11/1985, do 22 de agosto, en canto se opoñan ó contido na presente lei, así como as demais dis

posicións de igual ou inferior rango que contradigan esta.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o Consello da Xunta para dicta-las disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira segunda

A presente lei entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

95-4209