O Concello de Rairíz de Veiga considerou conveniente adopta-lo seu escudo heráldico para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme ás normas da heráldica, os feitos máis relevantes e peculiares do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións vixentes, elevou o correspondente informa e memoria descritiva para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto no artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente instruíuse conforme as normas do procedemento establecias na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Rairiz de Veiga, que quedará organizado do seguinte xeito: de ouro, unha árbore arrincada de sinople; xefe de ouro con tres paus de gules. Ó timbre, coroa real pechada.
Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Juan Miguel Diz Guedes
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
95-4552