Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.204

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 189/1995, do 16 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello do Vicedo (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de accesos á praia de Xilloi, tramos C e D, segunda fase.

O Concello do Vicedo (Lugo), en sesión celebrada o día 29 de abril de 1993, aprobou o proxecto de accesos á praia de Xilloi; tramos C e D, 2ª fase e na sesión do día 2 de xuño de 1994 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiacion forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de abril de 1995, baixo o número 3767.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2 de xuño de 1995 baixo o número 5141.

Consideráse necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, por estar incluída no Plan ZAES do ano 1994, o cal leva consigo remata-la obra durante o ano en curso, xa que, en caso contrario, perderíase a subvención necesaria para a súa realización quedando a obra incompleta ó tratarse do penúltimo tramo dela.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello do Vicedo (Lugo), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de accesos á praia de Xilloi, tramos C e D, 2ª fase.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais