Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.203

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 188/1995, do 16 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello do Vicedo (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de accesos á praia de Xilloi, tramos C, D e E, terceira fase.

O Concello do Vicedo (Lugo), en sesión celebrada o día 2 de xuño de 1994, aprobou o proxecto accesos á praia de Xilloi, tramos C, D e E, 3ª fase e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de maio de 1995 baixo o nº 4399.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2 de xuño de 1995 baixo o número 5140.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, pola súa inclusión no Plan ZAES do ano 1995, sendo necesario o seu remate dentro dos prazos preestablecidos, xa que, en caso contrario, perderíase a subvención necesaria para a súa realización, quedando a obra incompleta ó tratarse do último tramo dela.

A competencia para a declaración de urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación polo Concello do Vicedo (Lugo), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto accesos á praia de Xilloi, tramos C, D e E, 3ª fase.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais