Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.178

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 31 de maio de 1995 pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exerce-la actividade pesqueira e marisqueira.

En desenvolvemento do disposto nos artigos 28 a 42 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refundía a normativa vixente sobre permisos de explotación para exerce-la actividade pesqueira marisqueira, con data 27 de abril de 1994, publícase a orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura pola que se regula a obtención do permiso de explotación para exerce-la actividade pesqueira e marisqueira.

Finalizada a primeira campaña de expedición dos permisos de explotación, cómpre agora regula-lo proceso de revalidación dos mesmos, así como fixa-los criterios para a concesión de novos permisos, razón pola cal,

DISPOÑO:

Capítulo I

Do permiso de explotación para embarcacións

Artigo 1º.-Da prórroga do permiso de explotación.

1. En cumprimento do disposto no artigo 32 da Lei de pesca de Galicia, a validez do permiso de explotación para embarcacións será de cinco anos, prorrogable por períodos iguais, cun máximo de trinta anos.

2. A prórroga do permiso de explotación requirirá a acreditación de ter realizado unha actividade extractiva suficiente, entendendo como tal aquela que, desenvolta durante un período superior a 6 meses ó ano, lle garanta como mínimo a percepción duns ingresos equivalentes ó salario mínimo interprofesional a cada un dos tripulantes.

3. A solicitude de prórroga presentarase segundo o modelo recollido no anexo I, acompañada da seguinte documentación:

a) Xustificantes de vendas en lonxa ou puntos de venda autorizados, realizadas nos anos anteriores.

b) Certificado expedido pola autoridade competente comprensivo dos despachos realizados nos anos naturais anteriores e dos tripulantes enrolados, ou, no seu defecto, fotocopia compulsada do rol da embarcación onde consten estes datos.

c) Fotocopia compulsada dos resumos anuais da declaración do IVE.

d) Xustificante de ter realizada a liquidación da taxa correspondente.

4. As embarcacións que faenen fóra das aulas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en lugar dos xustificantes a que fai referencia o apartado a) do parágrafo 3, presentarán certificación emitida pola asociación de armadores na que estean integrados, na que se acrediten as capturas obtidas

durante o período de vixencia do permiso de explotación do que se solicita a prórroga.

Artigo 2º.-Dos novos permisos.

1. Con independencia do disposto no artigo anterior, seguirán a tramitarse novas solicitudes para as embarcacións que pretendan exerce-la actividade extractiva dos recursos mariños en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as rexistradas nela.

2. O modelo de solicitude será o que figura como anexo II da presente orde, debendo ir acompañado da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI do solicitante.

b) Declaración xurada na que se reflicta que se cumpre a normativa vixente en materia de seguridade e salvamento, así como que o armador da embarcación non é titular de concesións ou autorizacións administrativas para a explotación dos recursos mariños nas zonas marítimas e marítimo-terrestres.

c) Fotocopia compulsada do rol da embarcación, incluíndo dotación e despachos, referida ós 3 últimos anos de actividade.

d) Xustificante de ter realizada a liquidación da taxa correspondente.

3. As solicitudes presentaranse nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, directamente polos armadores ou representantes ou a través das correspondentes confrarías de pescadores, organizacións de productores pesqueiros ou calquera outra entidade asociativa do sector debidamente constituída.

Artigo 3º.-Do traslado do permiso de explotación.

1. Poderá trasladarse o permiso de explotación a outra embarcación nos supostos de perda, despezamento ou substitución de nova embarcación, sempre que a substitución se faga no período de un ano ou, se fose de nova construcción, esta se inicie dentro do prazo de un ano desde a perda ou despezamento.

2. A solicitude de traslado será presentada polo interesado na correspondente delegación territorial ou comarcal da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, de acordo o modelo que figura como anexo III desta orde, no prazo de un ano, contado desde a perda, despezamento ou substitución.

3. Á solicitude xuntaráselle documentación acreditativa da perda, despezamento ou substitución, ou se é o caso, do contrato de nova construcción e da iniciación desta.

Artigo 4º.-Da venda da embarcación.

A solicitude de transmisión do permiso de explotación no suposto de venda da embarcación presentarase na correspondente delegación territorial ou comarcal da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura con anterioridade á venda e coa sinatura das partes contratantes, de acordo o modelo que figura como anexo IV a esta orde.

Artigo 5º.-Das resolucións.

1. A resolución das solicitudes a que se refiren os artigos anteriores corresponderalles ós delegados

territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do ámbito correspondente.

Tratándose da solicitude do permiso de explotación, a falta de notificación da resolución no prazo de dous meses contados desde a presentación daquela determinará a súa desestimación presunta.

Contra a resolución caberá recurso ordinario diante do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. Corresponderalle ó director xeral de Marisqueo e Acuicultura resolve-lo outorgamento de permisos de explotación para augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en favor de armadores de embarcación con base en portos doutras comunidades autónomas, logo de solicitude acompañada dos documentos descritos no artigo 2º 2 da presente orde, sempre que se dean os supostos previstos no artigo 13 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro.

Entenderase desestimada a solicitude se non se notifica a resolución no prazo de dous meses desde a súa presentación.

Contra a citada resolución caberá recurso ordinario diante do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 6º.-Das zonas.

1. O permiso de explotación para embarcacións que faenen coas artes definidas nas seccións 3ª, 4ª, 5ª, 6ª e 7ª do capítulo X do Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, só permitirá exerce-la actividade extractiva nunha das zonas das augas sinaladas no anexo V.

2. Non obstante o anterior, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá autorizar, a través de plans de explotación, e para os recursos que se dispoñan, que embarcacións con permiso de explotación para unha das zonas definidas no artigo anterior poidan acceder a faenar noutras zonas.

3. Nas zonas suxeitas a plans de explotación para determinadas especies ou artes só poderán faena-las embarcacións autorizadas nos ditos plans.

4. Con respecto ás embarcacións que pretendan faenar con artes específicas (boliche, racú, butrón, endeño remolcado, bou de man, bou de vara, etc.), deberán figurar incluídas no censo do plan que para a respectiva arte aprobe anualmente a delegación territorial correspondente.

Capítulo II

Do permiso de explotación para o marisqueo a pé

Artigo 7º.-Da revalidación.

1. A revalidación do permiso de explotación para o marisqueo a pé levarase a cabo ordenadamente por áreas xeográficas, segundo o calendario que para cada provincia e entidade asociativa do sector se estableza anualmente por resolución do delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Na resolución farase consta-lo prazo para presenta-la solicitude e os lugares de presentación delas.

2. A revalidación do permiso requirirá a acreditación de ter realizado actividode extractiva suficiente, entendendo como tal aquela que se realiza de modo efectivo durante un mínimo dun 70% dos días autorizados dentro do marco previsto no plan de explotación para a súa confraría. Se non existe plan, deberá xustifica-lo 70% dos días autorizados para o libre marisqueo na súa zona. Para os efectos de calcula-la referida porcentaxe descontarase do período autorizado o tempo durante o cal permanecese inactivo o mariscador por causa de forza maior debidamente xustificada.

3. Á solicitude de revalidación, que se axustará ó modelo que figura como anexo VI desta orde, xuntarase a seguinte documentación:

a) Xustificantes de vendas en lonxa ou punto de venda autorizado, realizadas durante o ano natural anterior.

b) Certificado do Instituto Social da Mariña comprensivo do tempo que o solicitante estivo dado de alta como autónomo durante o último ano.

c) Xustificante de que se efectuará a liquidación da taxa correspondente.

d) 2 fotografias tamaño carné.

4. Cada cinco anos será necesario presentar ademais os certificados que acrediten que se reúnen os requisitos previstos nos apartados f) e g) do artigo 17 do Decreto 425/1993.

Artigo 8º.-Do proceso de selección para ter acceso ó permiso de explotación.

Vistas as solicitudes de revalidación de cada zona, cando a evolución da campaña extractiva, a situación social do sector e os estudios biolóxicos sobre o estado dos recursos mariños así o permitan, os delegados territoriais da consellería, consultada a confraría afectada, poderán inicia-lo proceso de selección de candidatos que estarán en condicións de acceder ó novo permiso de explotación, de acordo o seguinte procedemento:

a) Por resolución do delegado territorial comunicaráselle á confraría correspondente a apertura dun prazo de 15 días para a presentación polos interesados das solicitudes que figuran como anexo VII desta orde, as cales irán acompañadas da declaración xurada que figura como anexo VIII. A resolución será exposta no taboleiro de anuncios da confraría, así como nos das delegacións territoriais e comarcais da consellería da provincia de que se trate.

Os solicitantes a que se refire o parágrafo anterior deberán reuni-los seguinte requisitos:

-Non ser titular de concesións ou autorizacións administrativas para a explotación dos recursos mariños nas zonas marítimas e marítimo-terrestres.

-Estar empadroado nun municipio do litoral de Galicia.

-Ser maior de 18 anos ou menor emancipado e non ter cumpridos os 65 anos.

-Non ser perceptor de pensión de xubilación, invalidez permanente, absoluta ou total para calquera profesión ou de pensión en favor de familiares.

Nembargantes, os perceptores da pensión da renda de integración social en Galicia poderán acceder ó proceso de selección, debendo renunciar a ela no momento da concesión de permiso de explotación.

-Non estar incapacitado para exerce-los labores de marisqueo.

b) Por resolución da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura elaborarase un baremo que permitirá a valoración das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos no apartado anterior, baremo que terá en conta os seguintes criterios:

-Estar en posesión da tarxeta de demanda de emprego e presentar certificado do INEM ou do ISM de non percibir subsidio ou prestación económica.

-Experiencia profesional no sector marítimo-pesqueiro.

-Formación en materia de marisqueo e acuicultura.

-Ter estado en posesión do carné de mariscador ou permiso de explotación con anterioridade.

d) Finalizado o prazo de presentación das solicitudes, o persoal das delegacións territoriais procederá á súa baremación.

Unha vez baremadas, farase pública unha relación provisional de seleccionados, dándoselle publicidade nos mesmos lugares que se indicaban no apartado 8 a).

e) Para os efectos previstos neste artigo, o delegado territorial, motivada e excepcionalmente, poderá reservar, ata un máximo do 10% das prazas de que se dispón, co fin de promove-la incorporación de xoves ó sector, así como incentivar plans de desenvolvemento asociativo de interese social para o sector.

f) Contra a relación provisional poderán presentarse reclamacións no mesmo prazo de 15 días, diante do delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

g) Finalizado o prazo de presentación de reclamacións e vistas estas, por resolución do delegado territorial elevarase a definitiva a relación de admitidos que se fará pública nos lugares indicados anteriormente. Os solicitantes seleccionados deberán presentar, no prazo de 15 días contados desde o seguinte ó da exposición da relación, documentación acreditativa que xustifique os extremos recollidos na declaración xurada. De non facerse así neste prazo, entenderase que decae do seu dereito.

h) Os solicitantes seleccionados e que presenten en prazo a documentación a que se refire o apartado anterior terán acceso os cursos que para a obtención do certificado de mariscador organice a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

A cada solicitante seleccionado notificaráselle a resolución, indicándoselle que deben estar en posesión do certificado de mariscador para obte-lo permiso de explotación para o marisqueo a pé.

Artigo 9º.-Das resolucións.

1. A resolución das solicitudes a que se refiren os artigos anteriores corresponderalles ós delegados territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do ámbito territorial correspondente.

2. Tratándose da solicitude do permiso de explotación, a falta de notificación da resolución no prazo de dous meses contados desde a presentación daquela determinará a súa desestimación presunta.

3. Contra a dita resolución caberá recurso ordinario diante do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 10º.-Das zonas.

1. Con carácter xeral, o permiso de explotación para o marisqueo a pé habilitará a exerce-la actividade nas zonas marisqueiras marítimo-terrestres, de acordo coa distribución xeográfica especificada no anexo V.

2. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá autorizar, a través de plans de explotacións e para determinados recursos, que persoas autorizadas a mariscar nunha das zonas definidas no anexo V poidan mariscar noutras zonas.

Capítulo III

Do permiso de explotación a pé con utilización dunha embarcación auxiliar

Artigo 11º.-Da revalidación.

1. A revalidación do permiso de explotación a pé con utilización dunha embarcación auxiliar realizarase anualmente, dentro do prazo comprendido entre o 1 e o 31 de maio.

2. A solicitude, que se axustará ó modelo figura como anexo IX desta orde, deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa de ter realizado actividade extractiva suficiente, entendendo como tal aquela que se realiza de modo efectivo durante un mínimo dun 70% dos días autorizados dentro do marco previsto no plan de explotación para a súa confraría. Se non existe plan, deberá xustifica-lo 70% dos días autorizados para o libre marisqueo na súa zona. Para os efectos de calcula-la referida porcentaxe descontarase do período autorizado o tempo durante o cal permanecese inactivo o mariscador por causa de forza maior debidamente xustificada.

b) Certificado do Instituto Social da Mariña comprensivo do tempo que estivo dado de alta como autónomo durante o último ano.

c) Xustificante de ter liquidada a taxa correspondente.

d) 2 fotografías tamaño carné.

e) Documentación acreditativa de que a embarcación estea inscrita na lista cuarta do rexistro de buques, así como de que o motor con que consta non supere os catro CV.

Artigo 12º.-Do proceso de selección para ter acceso ó permiso de explotación.

Vistas as solicitudes de renovación de cada zona, cando a evolución de campaña extractiva, a situación social do sector e os estudios biolóxicos sobre o estado dos recursos mariños así o permitan, o director xeral de Marisqueo e Acuicultura, consultada a confraría afectada, poderá inicia-lo proceso de selección

de candidatos para a obtención de novo permiso de explotación, de acordo co seguinte procedemento:

a) Por resolución do director xeral comunicaráselle á confraría correspondente a apertura dun prazo de 15 días para a presentación polos interesados da solicitude de novo permiso de explotación, que figura como anexo X desta orde, a cal irá acompañada da declaración xurada que figura como anexo XI. A este prazo daráselle publicidade, mediante exposición pública da resolución no taboleiro de anuncios da confraría, así como nos das delegacións territoriais e comarcais da consellería na provincia de que se trate.

b) Os solicitantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

-Non ser titular de concesións ou autorizacións administrativas para a explotación dos recursos mariños nas zonas marítimas e marítimo-terrestres.

-Estar empadroado nun municipio do litoral de Galicia.

-Ser maior de 18 anos ou menor emancipado e non ter cumpridos os 65 anos.

-Non ser pensionista de xubilación, invalidez permanente, absoluta ou total para calquera profesión ou en favor de familiares.

Os perceptores da pensión da renda de integración social en Galicia poderán acceder ó proceso de selección, debendo renunciar a ela no momento da concesión de permiso de explotación.

-Non estar incapacitado para exerce-los labores de marisqueo.

c) Por resolución da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura elaborarase un baremo que permitirá a valoración das solicitudes recibidas e que cumpren os requisitos establecidos no apartado anterior, baremo que terá en conta os seguintes criterios:

-Estar en posesión da tarxeta de demanda de emprego e presentar certificado do INEM ou do ISM de non percibir subsidio ou prestación económica.

-Experiencia profesional no sector marítimo-pesqueiro.

-Formación en materia de marisqueo e acuicultura.

-Ter estado en posesión de carné de mariscador ou permiso de explotación con anterioridade.

-Estar en posesión da tarxeta de competencia de mariñeiro.

d) Finalizado o prazo de presentación das solicitudes, o persoal das delegacións territoriais procederá á súa baremación.

Unha vez baremadas, farase pública unha relación provisional de seleccionados, á que se lle dá publicidade nos mesmos lugares que se indicaban no apartado 8 a).

e) Para os efectos previstos neste artigo, o delegado territorial, motivada e excepcionalmente, poderá reservar ata un máximo do 10% das prazas de que se dispón, co fin de promove-la incorporación de xoves ó sector, así como incentivar plans de desenvolvemento asociativo de interese social para o sector.

f) Contra a relación provisional poderán presentarse reclamacións no mesmo prazo de 15 días, diante do delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

g) Finalizado o prazo de presentación de reclamacións e vistas estas, por resolución do delegado territorial elevarase a definitiva a relación de admitidos, que se fará pública nos lugares indicados anteriormente. Os solicitantes seleccionados deberán presentar, no prazo de 15 días contados desde o seguinte ó da exposición da relación, documentación acreditativa que xustifique os extremos recollidos na declaración xurada. De non facerse así neste prazo, entenderase que decae do seu dereito.

h) Os solicitantes seleccionados e que presenten en prazo a documentación a que se refire o apartado anterior terán acceso ós cursos que para a obtención do certificado de mariscador organice a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 13º.-Das resolucións.

1. Correspóndelle ó director xeral de Marisqueo e Acuicultura resolve-lo outorgamento e revalidación de permisos de explotación a pé con utilización dunha embarcación auxiliar.

2. Contra a dita resolución caberá recurso ordinario diante do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Capítulo IV

Do permiso de explotación para recursos específicos

Artigo 14º.-Da compatibilidade e plans de explotación.

1. De acordo co previsto no artigo 22 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, o permiso de explotación para recursos específicos poderá ser compatible coa explotación doutros recursos, sempre e cando os períodos de explotación duns e outros non sexan coincidentes.

2. Será requisito indispensable para exerce-la actividade extractiva dun recurso específico estar en posesión do correspondente permiso de explotación, entendendo como tales os recollidos nos capítulos I, II e III desta orde, así como figurar inscrito no plan de explotación autorizado para o efecto.

Artigo 15º.-Do percebe, como recurso específico.

1. A explotación do percebe será incompatible coa actividade do marisqueo a pé. O exercicio desta actividade virá amparada pola expedición dun título habilitante específico.

2. O permiso específico para a explotación do percebe concederase anualmente, coincidindo coa aprobación do correspondente plan de explotación.

Con tal fin as embarcacións ou mariscadores que pretendan acollerse a el, deberán vir relacionados no plan elaborado pola confraría ou entidade asociativa correspondente.

3. Para a concesión do permiso de explotación para o percebe, as embarcacións ou mariscadores deberán xustificar, no momento de presentación do plan de explotación, o que para cada uns deles se require no artigo 1º e 7º 4 desta orde.

Disposicións transitorias

Primeira.-En canto non se desenvolva a normativa a que fai referencia o artigo 10 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, pola que se regula a alternancia de artes, os permisos de explotación para embarcación só se outorgarán para aquelas artes e/ou especies para as que habitualmente viñan sendo despachados.

Segunda.-Con independencia do disposto no título I da presente orde, sobre a prórroga do permiso de explotación para embarcación, aquelas embarcacións afectadas pola disposición transitoria terceira do Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, que estean en posesión dun permiso de explotación no que se recollan datos anteriores á adaptación, deberán notifica-los cambios que esta supuxo, e expediráselles un novo permiso no que se recollan estas novas circunstancias. O prazo para comunicar esta circunstancia será de dous meses a partir da efectiva materialización desta.

Disposicións adicionais

Primeira.-As persoas que cumpran 65 anos ó longo do ano de validez do permiso de explotación serán dadas de baixa no censo de mariscadores correspondente, o mesmo día que alcancen esa idade, coa única excepción prevista na disposición transitoria quinta do Decreto 425/1993, do 17 de decembro.

Segunda.-De conformidade co disposto na orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 26 de marzo de 1993 (DOG nº 76, do 23 de abril), para ter acceso a calquera dos permisos previstos na presente orde, será requisito imprescindible, que o peticionario non teña pendentes de aboamento débedas por sancións impostas ó amparo das leis 5/1985, do 11 de xuño, e 6/1991, do 15 de maio, por resolución que esgote a vía administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Marisqueo e Acuicultura para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 8 de abril de 1994, e do 26 de xullo de 1994, pola que se regulaban a obtención do permiso de explotación para exerce-la actividade pesqueira e marisqueira.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura