Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 26 de xuño de 1995 Páx. 4.989

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Hermanos Rodríguez Gómez, S.A. (Hermasa).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Hermanos Rodríguez Gómez, S.A. (Hermasa), situada na provincia de Pontevedra, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-5-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polos delegados de persoal, con data 21-3-1995, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a súa notificación as representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de maio de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo regulará a partir da súa entrada en vigor as relacións laborais e económicas entre a empresa Hermanos Rodríguez Gómez, S.A. (Hermasa), situada no barrio Angorén, s/n, Chapela (Redondela), e o seu persoal.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio será de aplicación a todo o persoal técnico, administrativo, obreiro e subalterno que actualmente e durante a vixencia deste convenio preste os seus servicios na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia e denuncia.

Este convenio terá unha duración de un ano, entrará en vigor o día da súa sinatura e finalizará a súa vixencia o 31 de decembro de 1995. Non obstante, os seus efectos económicos serán a partir do 1 de xaneiro de 1995.

A denuncia do convenio será automática á súa finalización.

Artigo 4º.-Compensación de melloras.

As condicións establecidas neste convenio forman un todo orgánico. Polo tanto, calquera disposición legal obrigatoria que no seu futuro se estableza só será de aplicación se no seu conxunto e en cómputo anual resultase superior ás condicións laborais aquí pactadas.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que antes do convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás que aquí se establecen deberá conservalas, ata a absorción total das melloras que por convenios sucesivos se vaían producindo, co fin de lograr unha equiparación entre os traballadores.

Artigo 6º.-Xornada de traballo. Horario de traballo.

A xornada laboral será de 1.792 horas anuais de traballo efectivo ou a inferior que se poida acordar no convenio colectivo provincial do sector ou establecerse por disposición legal.

A xornada de traballo distribuirase de luns a venres; o horario de taller será de 7 a 15 horas e o administrativo de 9 a 14 horas pola mañá e de 15.15 a 18 horas pola tarde.

O horario de traballo sinalado e outros que poidan establecerse quedarán recollidos no correspondente cadro horario, onde figurarán tamén os festivos de carácter nacional e local. O calendario laboral e mailo cadro horario exporanse no taboleiro de anuncios da empresa á vista de todo o persoal. Para modificalos será preceptivo o informe previo e por escrito do comité de empresa. Dentro da xornada de traballo estarán incluídos os 15 minutos correspondentes ó tempo de descanso e dentro da factoría.

A xornada laboral será computada desde a iniciación do labor no posto de traballo ata a finalización desta e non desde a entrada e saída da factoría.

Artigo 7º.-Vacacións.

Todo o persoal terá dereito a 30 días naturais de vacacións anuais retribuídos e ininterrompidos. O período de vacacións desfrutarase nos meses de verán e será fixado de acordo cos representantes legais dos traballadores, tres meses antes delas.

Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de incapacidade laboral transitoria ou baixa por accidente terá dereito a desfrutar delas ou da parte pendente sempre que cause alta antes do termo do ano natural.

Artigo 8º.-Recoñecemento médico.

A empresa estará obrigada a solicitar do Gabinete Técnico Provincial, Servicio Social de Hixiene e Seguridade no Traballo de Rande, un recoñecemento anual, como mínimo, para todo o persoal. O día empregado no recoñecemento será aboado pola empresa.

Artigo 9º.-Seguridade e hixiene.

A empresa obrígase ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, duchas, etc., de conformidade coa ordenanza xeral de seguridade e hixiene vixente. Cumprirase o que establece o artigo 9 da devandita ordenanza xeral, para o cal se nomeará un vixilante de seguridade e hixiene na empresa, por acordo do empresario e dos representantes dos traballadores.

En caso de desacordo aplicarase estrictamente o disposto no indicado artigo 9, que lle confire a designación do vixilante de seguridade exclusivamente ó empresario.

Artigo 10º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará a cada traballador de dúas fundas e unhas botas de seguridade, que serán entregadas dentro do primeiro mes do ano. O persoal que realice traballos especiais será dotado da roupa que sexa necesaria, segundo determinación do vixilante de seguridade e hixiene.

Cando a condición nociva da actividade dos traballadores así o requira, cumpriranse estrictamente as esixencias que ó respecto determina a ordenanza laboral de seguridade e hixiene.

Artigo 11º.-Licencias.

O traballador, avisando e xustificándoo previamente, terá dereito a permisos con dereito a remuneración durante o tempo e os supostos seguintes:

1. Permisos retribuídos:

a) 18 días naturais en caso de casamento do traballador/a

b) 3 días laborais en caso de nacemento dun fillo

c) 5 días naturais no suposto de falecemento de cónxuxe, pais, fillos ou pais políticos.

d) 3 días naturais no suposto de falecemento de irmáns, netos, avós, fillos políticos ou irmáns políticos.

e) 3 días naturais no suposto de enfermidade grave de cónxuxe, pais e fillos. No caso de avós, irmáns, netos ou pais políticos deberá xustificarse a gravidade do feito.

f) 1 día no suposto de cambio de domicilio.

Nos supostos d) e e), se o traballador necesita facer desprazamentos fóra da provincia, concederánselle 2 días máis.

g) O tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica dos especialistas da Seguridade Social, cando coincidindo o horario de consulta co de traballo a consulta sexa prescrita polo facultativo de medicina xeral. O traballador deberá presentarlle ó empresario o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos demais casos, ata o límite de 22 horas ó ano.

2. Permisos non retribuídos:

h) 1 día natural por falecemento de tíos ou sobriños.

i) En caso de necesidade, avisando e xustificándoo, previamente, a empresa deberá conceder un permiso sen retribuír ata un período de dez días naturais por razón de desprazamento en caso de enfermidade grave de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Para o suposto do presente artigo, será de aplicación o establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que por accidente de traballo, enfermidade profesional ou común de longa duración, con reducción das súas facultades físicas ou intelectuais, sufran unha diminución da súa capacidade, terán preferencia para ocupa-los postos máis aptos en relación coas súas condicións que existan na empresa, sempre que teñan aptitude ou idoneidade para o novo posto.

Artigo 13º.-Pago de nóminas.

Realizarase os días 28 de cada mes, 1 exceptuando o mes de febreiro que se pagará dous días antes da súa finalización. En canto á forma de pagamento, aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 14º.-Antigüidade.

O persoal comprendido neste convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio, consistente no aboamento de quinquenios na contía que figura na táboa anexa.

Computarase para efectos de antigüidade o tempo prestado na empresa a título de aprendizaxe.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

As pagas extraordinarias de xullo e Nadal aboaranse nas contías de 30 días cada unha delas para todo o persoal e serán calculadas de acordo coa táboa salarial anexa, máis outras 8.000 pesetas de gastos de locomoción en cada unha das pagas.

A paga correspondente ó primeiro semestre aboarase do día 10 ó 15 de xullo e a correspondente ó segundo, do 10 ó 15 de decembro.

Artigo 16º.-Plus de traballos especiais.

A remuneración dos postos de traballo que teñan un plus de penosidade, toxicidade ou perigosidade, establécese da seguinte forma:

-Cando se produce un só posto: 53 pesetas/hora

-Cando se produce dous ou máis postos: 83 pesetas/hora

Artigo 17º.-Salarios.

O incremento salarial para 1995 será de 5.500 pesetas lineais. O salario de cada traballador será o acordado en convenio, de acordo coa súa categoría.

O salario base de cada categoría devengarase por día natural e salario/día.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias reduciranse ó mínimo indispensable. A súa realización suxeitarase ós seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias habituais: serán negociadas entre a empresa e o comité de empresa.

b) Horas extraordinarias motivas por forza maior: entenderanse por tales as que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios urxentes. No caso de risco de perda de materias primas a empresa poderá impoñe-la súa realización.

c) Horas extraordinarias estructurais: entenderanse como tales as necesarias por períodos punta de producción, pedidos imprevistos, cambios de quenda, ausencias imprevistas e outras circunstancias de carácter estructural, derivadas da natureza da actividade de que se trate, ou mantemento. A súa realización queda a discreción da empresa sempre que non poidan ser substituídas por contratacións temporais ou a tempo parcial previstas na lei.

A dirección da empresa informará mensualmente o comité de empresa sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e, se e o caso, a distribución por seccións. Así mesmo, en función desta información e dos criterios sinalados anteriomente, a empresa e os representantes legais dos traballadores determinarán o carácter e natureza das horas extraordinarias.

A súa realización, conforme, establece o artigo 35.5º do Estatuto dos traballadores, rexistrarase día a día e totalizaranse mensualmente, entregándolle copia do resumo mensual ó traballador no parte correspondente e ó comité de empresa.

Tódolos traballadores que realicen traballos comprendidos entre as 24 horas e as 6 horas, terán dereito a permiso retribuído da xornada seguinte. Así mesmo, tódalas horas extraordinarias comprendidas entre as 22 e as 6 horas pagaranse ó dobre do establecido nas normais.

O traballador que realice horas no horario mencionado anteriormente terá dereito a cea. Tamén se

considerarán dobres as horas traballadas os sábados, domingos e festivos.

As horas motivadas por causa de forza maior e as estructurais non terán recargo nas cotizacións á Seguridade Social a que se refiren os reais decretos 1858/1981, do 20 de agosto, e 1/1985, do 5 de xaneiro. Para iso notificaráselle así mensualmente á autoridade laboral conxuntamente pola empresa e o comité.

As horas extraordinarias son de libre aceptación por parte do traballador.

A retribución das horas extraordinarias terá un incremento de 50 pesetas lineais para o ano 1995.

Artigo 19º.-Saídas, axudas de custo e viaxes.

Cando o persoal, por necesidade da empresa, teña que efectuar viaxes ou desprazamentos que lle impidan realizar comidas ou pernoctacións no seu domicilio habitual, a empresa farase cargos dos gastos de locomoción, estadía e mantenza.

Se o desprazamento tivese unha duración inferior a 5 días (4 noites) o persoal desprazado percibirá ademais da remuneración que lle corresponda polas horas extraordinarias efectivamente traballadas, unha axuda de custo de 1.300 pesetas se o desprazamento se efectúa en territorio nacional, e de 2.500 pesetas se é no estranxeiro.

Se o desprazamento durase máis de 5 días (5 ou máis noites) non se devengará nada polas horas extraordinarias aínda que se realicen, pero si se devengará unha axuda de custo de 6.500 pesetas se o desprazamento é no estranxeiro, ou de 5.300 se é no territorio nacional.

En ámbolos casos a axuda de custo correspondente ó día de regreso só se devengará se este se efectúa en día non laborable, ou, sendo laborable, se a chegada a Vigo é posterior ás 15 horas.

Artigo 20º.-Gastos mínimos de locomoción.

Percibirase durante todo o ano 1995 en concepto de gastos de locomoción a cantidade de 658 pesetas por día efectivamente traballado. Para estes efectos exceptúase o período de vacacións, en que se percibirá polo dito concepto a contía fixa e única de 5.000 pesetas.

Aboaráselle-la parte proporcional correspondente á cantidade de 200 pesetas diarias por día laboral a tódolos traballadores que se atopen na situación de ILT tanto por enfermidade ou accidente, así como nos permisos retribuídos, de conformidade co artigo 20 deste convenio.

Artigo 21º.-Quilometraxe.

Cando o traballador por necesidade da empresa e a requirimento desta, aceptado voluntariamente por aquel, tivese que desprazarse do lugar do traballo utilizando o seu propio vehículo, aboaráselle a cantidade de 36 pesetas por quilómetro.

Artigo 22º-Gratificación por 25 años de servicio.

Todo o persoal que durante o período de vixencia do presente convenio cumpra 25 anos de perma

nencia na empresa recibirá un premio en metálico polo importe do seu salario mensual e demais complementos fixos.

Artigo 23º.-Seguro colectivo.

Con vixencia desde a sinatura do convenio e ata a entrada en vigor do convenio que o substitúa, a empresa deberá concertar un seguro colectivo de accidente, con primas íntegras ó seu cargo, mediante póliza que cubra as seguintes indemnizacións:

-Accidente laboral ou común con resultado de morte: 2.500.000 pesetas.

-Accidente laboral ou común, con resultado de invalidez permanente,total, absoluta ou gran invalidez: 3.500.000 pesetas.

Artigo 24º.-Xubilación.

A empresa e os seus traballadores poderán pactar xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 2705/1981, do 19 de outubro, debendo cubri-la empresa as vacantes producidas por cada traballador que se xubile ou pase a longa enfermidade con outra persoa, tendo preferencia en tal caso os fillos dos traballadores.

Artigo 25º.-Ausencia por servicio militar.

O persoal que se incorpore a filas con carácter oficial ou voluntario, polo tempo mínimo de duración deste, terá reservado o seu posto de traballo durante o tempo que permaneza cumprindo o servicio militar, e dous meses máis, computándose todo este tempo para efectos de antigüidade na empresa. Durante o tempo da súa permanencia no servicio militar, o traballador terá dereito a percibi-las gratificacións extraordinarias sinaladas neste convenio.

O persoal fixo que ocupe vacante temporal dun compañeiro no servicio militar, ó regreso deste volverá ó seu antigo posto de traballo.

A non reincorporación do traballador fixo no servicio militar dentro do prazo de reserva, dará lugar á rescisión do seu contrato.

Artigo 26º.-Categorías.

As categorías serán negociadas a primeiros de cada ano pola dirección da empresa e o comité, co informe previo dos mandos que correspondan en cada caso.

Artigo 27º-Acción sindical.

Dereitos sindicais:

-O comité será informado das novas contratacións.

-Disposicións dun taboleiro de anuncios para inserción de propaganda.

-Disposición dun local para reunións informativas fóra da xornada laboral e durante dúas horas ó mes.

-Crédito de 15 horas mensuais para cada membro do comité de empresa destinadas a asistir a convocatorias sindicais. En todo caso, deberán ser correctamente realizadas.

Os membros do comité de empresa pertencentes a un mesmo sindicato poderán ceder determinado número de horas mensuais que lles correspondan legalmente a favor dun ou máis membros do comité afiliados ó mesmo sindicato.

Para iso os cedentes porano en coñecemento da dirección da empresa mensualmente.

Artigo 28º.-Incapacidade laboral transitoria.

A prestación de incapacidade laboral transitoria derivada de accidente laboral ocorrido no centro de traballo ou en desprazamentos a outros centros ou lugares de traballo dentro da xornada laboral, aboarase o 100% a partir do primeiro día.

Artigo 29º.-Productividade.

A productividade será fixada pola folla de ruta que teña cada traballo co obxecto de mellorala e ter un mellor control sobre os traballos.

Artigo 30º.-Absentismo.

Crearase unha comisión entre a empresa e o comité para estudia-la evolución das baixas por ILT co fin de erradica-lo absentismo e evita-la fraude tanto á empresa como á Seguridade Social. Esta comisión será fixada unha vez asinado o convenio.

Artigo 31º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado neste convenio, será de aplicación o previsto no Estatuto dos traballadores e na derrogada ordenanza laboral siderometalúrxica, que se asume en toda a súa integridade como norma subsidiaria polos asinantes, así como as disposicións legais vixentes ou que poidan promulgarse durante a súa vixencia.

Artigo 32º.-Comisión paritaria de vixilancia.

Establécese a comisión mixta e paritaria do convenio como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do seu cumprimento.

A comisión estará formada por dous representantes da empresa e dous representantes dos traballadores.

Dsiposición adicional

Primeira.-Os atrasos do convenio colectivo correspondente ó ano 1995 aboaranse a 31 de maio.

Segunda.-Para o presente ano 1995 establécese o calendario laboral que figura anexo a este convenio.

Asinan este convenio en Vigo o 20 de marzo de 1995.

Polos traballadores: o comité de empresa, composto polos seguintes membros:

Modesto Riveiro Otero. DNI: 36.035.460.

Constantino Rodríguez Cruz. DNI: 35.972.772.

Eugenio Dominguez Álvarez. DNI: 36.009.219.

José Ángel Martínez Álvarez. DNI: 36.021.338.

Ángel Otero Lorenzo. DNI: 35.988.198.

Pola empresa:

José Manuel Gómez Ferreira. DNI: 35.987.110.