Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 22 de xuño de 1995 Páx. 4.917

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ANUNCIO do 23 de maio de 1995 polo que a Fundación Galicia-Europa fai público o convenio entre a Fundación Galicia-Europa e o Ministerio de Asuntos Exteriores para o desenvolvemento do coñecemento no ámbito das relacións internacionais.

Coa finalidade de facilita-lo coñecemento do convenio asinado o 15 de marzo de 1995 entre a Fundación Galicia-Europa e o Ministerio de Asuntos Exteriores para o desenvolvemento do coñecemento no ámbito das relacións internacionais, faise público o seu contido.

REUNIDOS:

Jesús Ezquerra, subsecretario do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Manuel Fraga Iribarne, presidente da Fundación Galicia-Europa, institución creada mediante carta fundacional outorgada o 15 de febreiro de 1988, ante o notario Antonio Montero Pardo, de Santiago de Compostela e que por ordes do 23 e 24 de maio de 1988, da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, foi clasificada como cultural, privada e declarada de interese galego.

EXPOÑEN:

A Fundación Galicia-Europa ten como obxectivo fundamental a realización de fins xerais de interese galego sen límite xeográfico ningún, entre os que ten unha gran relevancia o acercamento da realidade galega á internacional, polo que ten interese en promover toda clase de accións encamiñadas ó estudio, investigación, formación e, en xeral, calquera forma de promoción do coñecemento e da información en materia de relacións internacionais e, en particular, no que se refire ó proceso de integración europea.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, como órgano de execución da política exterior do Estado, a dirección do cal corresponde ó Goberno e no marco das relacións internacionais, competencia exclusiva do Estado, conforme os artigos 97 e 149.1.3º da Constitución española, ten interese en favorece-lo acceso ó coñecemento especializado en materia de relacións internacionais, fundamentalmente no que se refire á formación de profesionais e funcionarios a través da Escola Diplomática, así como promove-la información sobre asuntos relacionados coa Unión Europea, no proceso de integración e a acción das organizacións rexionais.

Ámbalas dúas partes recoñécense con capacidade xurídica para o asinamento do presente convenio e como tal, en Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1995,

ACORDAN:

CLÁUSULAS:

Primeira.-Obxectivos do convenio de colaboración.

O obxectivo fundamental que perseguen as entidades asinantes consiste en desenvolver accións encamiñadas a favorece-lo estudio, investigación, formación e calquera outra actividade de promoción do coñecemento no ámbito das relacións internacionais e, en particular, no referente ó proceso de integración europea e a participación das rexións neste proceso.

A modo indicativo, no seo do convenio poderán realizarse as seguintes accións:

1. Organización de cursos de formación.

2. Organización de seminarios e conferencias.

3. Programas de investigación e transferencia de información sobre áreas especializadas no marco das disposicións legais.

Segunda.-Órgano de dirección.

O órgano de dirección das actuacións que se desenvolvan no ámbito do convenio será o Consello Rector do convenio, que estará formado polos representantes que designen o Ministerio de Asuntos Exteriores e a Fundación Galicia-Europa.

O consello poderá reunirse indistintamente na sede da Fundación Galicia-Europa ou na do Ministerio de Asuntos Exteriores.

O consello reunirase unha vez ó ano, e será posible a celebración de reunións extraordinarias, por solicitude dunha das partes.

Terceira.-Secretaría do convenio.

A Fundación Galicia-Europa nomeará un secretario, que se encargara da xestión dos acordos do consello e da coordinación de actividades de desenvolvemento do convenio. A secretaría do convenio terá a súa sede na da Fundación Galicia-Europa e contará para o exercicio das súas funcións cos servicios dela.

Cuarta.-Accións obxecto do convenio.

As accións de desenvolvemento do convenio realizaraas a Fundación Galicia-Europa, aínda que en tódalas accións constará a referencia ó convenio coa mención e anagramas das entidades participantes e, en todo caso, as relativas ó Ministerio de Asuntos Exteriores. A sede de referencia para as ditas accións será a da Fundación Galicia-Europa en Santiago de Compostela, sen prexuízo de que se desenvolvan accións en calquera outra localidade.

Quinta.-Financiamento do convenio.

O consello, ó propoñer unha acción, proporá os medios e os recursos financeiros que se empregarán para a súa execución, incluíndo unha porcentaxe para gastos xerais de funcionamento e financiamen

to, así como a contribución económica de cada unha das partes.

O consello proporá á aprobación das partes unha memoria anual explicativa das actividades realizadas na execución do convenio, así como da aplicación e xustificación das contribucións orzamentarias realizadas por cada parte.

Sexta.-Obrigacións que asume o Ministerio de Asuntos Exteriores.

O ministerio, a través da Escola Diplomática, adoptará as medidas precisas para favorece-la dispoñibilidade de recursos humanos especializados para o desenvolvemento das actividades acordadas no ámbito do convenio e facilitará o acceso á información que non teña carácter reservado, sempre no marco da legalidade vixente.

Sétima.-Obrigacións que asume a Fundación Galicia-Europa.

A fundación propiciará a colaboración dos órganos da Xunta de Galicia relacionados coa acción exterior de Galicia, para a súa dispoñibilidade na efectiva execución das accións resultantes do convenio e adoptará as medidas oportunas para a consecución de medios financeiros que permitan o desenvolvemento do convenio, realizando as contribucións económicas que se acorden en cada caso.

Oitava.-Natureza xurídica, vixencia e denuncia do convenio.

O presente convenio ten natureza administrativa e regúlase polas súas normas especiais; aplicaranse os principios da Lei de contratos do Estado para resolve-las dúbidas e lagoas que puidesen xurdir. É competente a xurisdicción contencioso-administrativa para coñecer das súas incidencias, sen prexuízo da competencia, se é o caso, do Tribunal Constitucional.

Aplicaranse ó convenio como normas supletorias as regras de preparación, adxudicación e efectos do contrato de xestión de servicios públicos, ex-artigo 2, derradeiro parágrafo da LCE.

A vixencia do presente convenio comezará o día do seu asinamento e a súa duración será indefinida, ata o acordo de extinción de ámbalas dúas partes.

O presente convenio poderá ser denunciado polas partes, polo menos, con seis meses de antelación; acórdase, se é o caso, a forma de remata-las actuacións en curso para o suposto de extinción, e procédese, se tivese lugar, á liquidación financeira do convenio.

Novena.-Competencias.

O presente convenio non supón renuncia ás competencias propias das partes intervenientes.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E

VIVENDA