Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 15 de xuño de 1995 Páx. 4.492

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 18 de maio de 1995 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Cultural da Estrada.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Cultural da Estrada.

Supostos de feito:

Primeiro.-O 7 de outubro de 1994 solicitouse o recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Cultural da Estrada por medio de escrito pre

sentado polo Concello da Estrada, intervindo na súa representación o alcalde, Ramón Campos Durán.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública, outorgada na Estrada, o día 9 de xuño de 1994, ante o notario do Ilustre Colexio de Galicia Nelson Rodicio Rodicio, co número oitocentos sesenta e un do seu protocolo, polo Concello da Estrada, intervindo na súa representación o alcalde, Ramón Campos Durán. O 30 de xaneiro de 1995 outórgase na Estrada escritura de modificación de estatutos ante o mesmo notario e polo mesmo comparecente. Con data do 30 de marzo de 1995 outórgase escritura de cesión polo Concello da Estrada.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías da Xunta de Galicia elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como cultural da Fundación Cultural da Estrada, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundación de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a execución das facultades inherentes a aquel á Consellería de Cultura.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 18 de abril de 1995 (DOG do 15 de maio) clasificouse como cultural a Fundación Cultural da Estrada, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 4º dos seus estatutos, o obxecto da fundación é destinar e afectar un patrimonio á realización, sen ánimo de lucro, de fins xerais de interese galego no ámbito sectorial a que a súa denominación e fins se contraen. En xeral son fins da fundación a promoción de actividades educacionais, culturais e calquera outra que teña por obxecto a promoción e desenvolvemento destas na Estrada. En particular, e con base no sinalado anteriormente, establécese como actividade desta fundación para o cumprimento dos seus fins a xestión da emisora municipal Radio Estrada.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos:

Acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Cultural da Estrada, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído por sete membros, sendo presidente o alcalde e vocais cinco concelleiros respectando a proporcionalidade do Pleno da Corporación. Ademais, un membro en representación de tódalas asociacións que o soliciten

e obteñan o acordo favorable de incorporación. O padroado elixirá, de entre os seus vocais, un vicepresidente.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade compentencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Cultural da Estrada, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó amparo do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dalle nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións, da Consellería de Cultura segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5, e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Cultural da Estrada.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección de Fundacións da Consellería de Cultura.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A devandita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento, das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura