Dentro do marco das actividades anti VIH/SIDA en Galicia débeselle dar prioridade a atende-la demanda e financiamento de proxectos ou actividades de investigación/acción co obxectivo dobre de que ó mesmo tempo que se contribúe directamente á acción global anti-VIH tamén, mediante a ava
liación e valoración desas experiencias, se poidan estender aquelas que aporten resultados positivos e útiles no proceso de renovación sanitaria, aconsellado polas estratexias e directrices da Organización Mundial da Saúde e que teñen a súa xustificación plena no ámbito da infección por VIH/SIDA.
A brusca aparición do virus de inmunodeficiencia humana revélano-las carencias e limitacións no campo da atención social e sanitaria, e as experiencias de máis dunha década de esforzos para facerlles fronte móstranno-la necesidade de deseñar alternativas, así como buscar novas iniciativas que aporten solucións eficientes para a súa implantación no futuro.
Seguindo esta liña marcada anteriormente e cos obxectivos de potenciar e avaliar estas actividades, así como a investigación e formación continuada dos profesionais socio-sanitarios que desenvolvan o seu labor neste campo, convócanse estas axudas.
Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,
DISPOÑO:
Artigo 1º
O obxecto da presente orde é a convocatoria de axudas económicas para proxectos ou accións de investigación/acción, actividades de interese comunitario no campo da vixilancia epidemiolóxica, información, prevención, detección, tratamento e atención do VIH/SIDA.
Estas axudas irán dirixidas a aquelas persoas ou institucións que desenvolvan as anteditas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial consideración das solicitudes presentadas por institucións públicas ou benéfico-privadas sen ánimo de lucro.
Artigo 2º
As actividades a desenvolver que poden ser obxecto das subvencións reguladas na presente orde estarán encadradas dentro das directrices marcadas pola OMS a través do seu programa global anti VIH/SIDA, desenvolto en Galicia pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.
Así, terán consideración preferente aquelas actividades que aborden os seguintes contidos:
a) Realización de campañas sobre colectivos de especial interese para evita-la transmisión do VIH e estudio do impacto no cambio de actividades do colectivo ó que se dirixen. Defínense como colectivos de especial interese ós de prostitución, homosexualidade, usuarios de drogas por vía parenteral (UDVP) e institucións penitenciarias.
b) Recollida, realización e difusión continuada de información relacionada co VIH.
c) Investigación social para evita-la discriminación.
d)Atención e soporte psíquico do afectado e o seu contorno.
e) Actividades de grupos de autoapoio de portadores de VIH.
f) Actividades de formación de persoal que realice a súa actividade no campo do VIH.
g) Todas aquelas actividades que se encadren nas pautas establecidas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais en relación co VIH/SIDA.
Artigo 3º
As axudas concedidas irán destinadas a cubri-la totalidade ou parte dos gastos de financiamento do proxecto ou acción de acordo cos seguintes conceptos:
a) Materiais e recursos necesarios para levalos a cabo.
b) Desprazamentos e actividades de organización relacionadas co seu desenvolvemento.
c) Actividades formativas dos propios membros do grupo de intervención.
Artigo 4º
O importe total das axudas reguladas pola presente orde ascende a 13.000.000 de ptas, que se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 50.01.2020.780.00, na que existe crédito orzamentario suficiente.
Artigo 5º
As solicitudes formularanse de acordo co modelo que figura no anexo I desta convocatoria e irán acompañadas dunha memoria explicativa do proxecto ou acción que se pretende realizar, memoria que se elaborará seguindo o modelo que figura no anexo II cunha extensión máxima de 15 páxinas.
Artigo 6º
As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Saúde Pública, e maila documentación complementaria deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou polos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admi
nistracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 7º
Para a selección das solicitudes formuladas valoraranse as seguintes características:
a) Adecuación de contidos ós recollidos no artigo 2º.
b) Proxectos coordinados entre distintos servicios e/ou institucións dunha mesma zona que teñan incidencia positiva no esforzo global anti VIH/SIDA entre a súa poboación.
c) Previsión dunha acción continuada en anos posteriores.
d) Solidez e coherencia na concepción dos proxectos ou accións, expresadas polo rigor e concreción dos obxectivos, poboación diana, consistencia metodolóxica, tipo e temporalización das actividades, recursos que se mobilizarán e sistema de avaliación deseñados.
e) Axuste entre o custo e o orzamento presentado.
Artigo 8º
Para a selección e aprobación definitiva das axudas constituirase unha comisión integrada por:
-O director xeral de Saúde Pública ou persona en que delegue, que actuará como presidente.
-O subdirector xeral de Promoción da Saúde ou persoa en quen delegue.
-O coordinador do Plan de Prevención e Control da Infección por VIH/SIDA.
-Un técnico do dito plan.
-Un funcionario da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou do Servicio Galego de Saúde, que actuará como secretario.
Artigo 9º
A resolución da presente convocatoria será publicada no DOG, facéndose consta-la contía da axuda concedida.
Se as solicitudes non se resolvesen no prazo de tres meses, contados a partir da data establecida no artigo 6º como prazo máximo para a realización das solicitudes, entenderanse desestimadas.
Artigo 10º
O pagamento das axudas ós proxectos ou accións seleccionados, cando non exceda de 5.000.000 de ptas., poderanse realizar mediante pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os investimentos realizados, sen que estes pagos poidan supera-lo 80% da subvención concedida.
O resto do importe librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida.
En todo caso, de acordo co establecido no artigo 79 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o beneficiario da subvención acreditará, antes de proceder ó seu cobro, que se
atopa ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente o pagamento de ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública na Comunidade Autónoma. Non estarán suxeitos a esta obrigación os beneficiarios das subvencións cando a súa contía sexa inferior a 250.000 ptas., de acordo co sinalado no artigo 35.2º c), apartado e), da Lei 6/1994, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1995.
Artigo 11º
Unha vez realizado o proxecto ou acción, que en ningún caso poderán pasar do 31 de decembro de 1995, deberá remitirse á Dirección Xeral de Saúde Pública no prazo de 30 días unha memoria xustificativa da aplicación definitiva dos fondos recibidos e que conterá as distintas fases de realización así como os resultados e conclusións.
Se o proxecto ou acción non fose realizado na súa totalidade no prazo establecido, ou concorrera algunha das causas establecidas no artigo 78.5º da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia procederase á revogación da axuda concedida e á devolución do diñeiro percibido cos correspondentes xuros de demora.
Disposicións derradeiras
Primeira.-A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación e difusión do proxectos ou accións seleccionados.
Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Saúde Pública para dicta-las instruccións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.
Santiago de Compostela, 23 de maio de 1995
José Manuel Romay Beccaría
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais
ANEXO II
Aspectos que deben considerarse na memoria ó proxecto ou acción para o cal se solicita a subvención:
1. Datos de identificación:
-Título.
-Coordinador/a ou representante.
-Lugar de realización.
-Datos bancarios xuntando certificación.
-Datos persoais, profesionais e funcións dos compoñentes do grupo (se é o caso).
-Outros profesionais, entidades ou colectivos cos que se interactúa.
2. Deseño:
-Xustificación do proxecto.
-Obxectivos que se pretenden.
-Actividades que se realizan para cada obxectivo e temporalización delas.
3. Recursos necesarios:
-Materiais:
Materiais útiles dos que xa se dispón para o proxecto.
Materiais que é necesario adquirir.
-Orzamento:
Gastos materiais.
Gastos de desprazamento e organización.
Outros gastos.
-Outras axudas solicitadas ou dispoñibles.
4. Criterios e modelos deseñados para avalia-los resultados.