Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 07 de xuño de 1995 Páx. 4.228

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Envases de la Estrella, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Envases de la Estrella, S.L. (código 1502842), que tivo entrada nesta delegación provincial, o día 9 de marzo, sendo completado o expediente o día 4 de abril seguinte, subscrito pola empresa e o delegado de persoal, de conformidade co disposto do xa citado corpo legal, artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delagación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Convenios Colectivos de traballo, obrante nesta dele

gación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 6 de abril de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio Envases de la Estrella, S.L.

Convenio para a empresa Envases de la Estrella, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio será de aplicación á empresa Envases de la Estrella, S.L., dedicada á distribución e alugueiro de envases para o peixe.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será de un ano, iniciando a súa vixencia e en toda a súa totalidade o primeiro de xaneiro de 1995.

Artigo 3º.-Prórroga e denuncia do convenio.

O presente convenio será prorrogado tacitamente ó seu vencemento, por sucesivos períodos dunha anualidade, a non ser que se denuncie para a súa revisión cun mínimo de tres meses antes do seu vencemento ou do dalgunha das súas prórrogas.

A denuncia deberá comunicarse á outra parte por escrito e, se é o caso, ó organismo competente da Administración.

Artigo 4º.-Gratificacións extraordinarias.

Estableceranse dúas pagas extraordinarias ó ano que se farán efectivas o 15 de xuño e o 22 de decembro.

As dúas pagas aboaranse cunha mensualidade do salario base.

Artigo 5º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte de 7.043 pesetas mensuais.

Artigo 6º.-Festivos e nocturnidade.

Por ser esta unha empresa dun sector moi peculiar, no salario base que se pacta no presente convenio inclúese o labor de servir caixas ós barcos en domingos e festivos, labor este que se efectuará por quendas rotativas, tal e como se vén efectuando ata a data e o servicio nocturno ós barcos. O salario dos traballadores será o pactado neste convenio sexa cal sexa a súa xornada, sempre que non se superen as 40 horas semanais marcadas pola lei.

Artigo 7º.-Xubilación.

A xubilación será obrigatoria para tódolos traballadores ós 65 anos, agás pacto entre empresa e traballador, sempre que teña dereito a percibir unha

pensión. De non ser así, poderá continuar na empresa ata que se xere o dereito á prestación.

Este artigo negociarase no caso de que por disposición de rango superior se reducise a idade da xubilación.

Os traballadores, por pacto de empresa, poderanse acoller á xubilación especial ós 64 anos, segundo o disposto no real decreto.

Artigo 8º.-Plus de antigüidade.

Consistirá na percepción do 5% do salario base por cada quinquenio e empezará a contar, a dita antigüidade, a partir do 1 de xaneiro de 1992 ou no momento de ingresar na empresa para tódolos traballadores que entren a partir do 1 de xaneiro de 1992.

Artigo 9º.-Seguro de invalidez ou morte.

A empresa contratará un seguro colectivo de invalidez ou morte en accidente de traballo para tódolos traballadores cunha contía de 1.000.000 de pesetas.

Artigo 10º.-Xeira laboral.

A xeira laboral será de 40 horas semanais, agas que por norma de rango superior se cambiase a dita xeira.

Artigo 11º.-Vacacións.

Os traballadores desfrutarán dun período de trinta días naturais de vacacións.

Artigo 12º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguintes:

a) Dezasete días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días nos casos de nacementos de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

Artigo 13º.-Garantías sindicais.

A empresa respectará o dereito dos traballadores a se sindicaren libremente.

Os traballadores afiliados a un sindicato ou asociación legalmente constituídos, poderán distribuír información e recadar cotas fóra das horas de traballo, sen perturba-la actividade normal da empresa.

As horas retribuídas dos membros do comité de empresa de máis de trinta traballadores poderanse acumular para seren desfrutadas por un ou varios de entre os interesados, notificando á dirección da empresa, con oito días de antelación o comezo do mes de que se trate e sempre que non supoña alteración grave do réxime laboral dela.

Táboas salariais para 1995:

-Salario base: 70.425 pesetas mensuais.

-Plus de transporte: 7.043 pesetas mensuais.

-Salario anual: 1.070.454 pesetas anuais.

Disposicións adicionais

1. O convenio terá un ámbito de empresa, que afecta ó centro que a empresa ten na localidade da Coruña.

2. A comisión paritaria estará composta por un representante da empresa e outro representante por parte dos traballadores, para a interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio.

3. Formación profesional. O traballador terá dereito ó desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, así como unha preferencia a elixir quenda de traballo, se tal é o réxime instaurado na empresa, cando curse con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional.

Terá dereito á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia a cursos de formación profesional ou a concesión do permiso oportuno de formación ou perfeccionamento profesional con reserva do posto de traballo.

As empresas poderán organizar cursos de perfeccionamento do persoal cos fins de capacitación e necesariamente para formación profesional. Estes cursos impartiranse fóra da xeira laboral e para aqueles traballadores ou colectivos nos cales se requira un perfeccionamento superior dos coñecementos para a realización do seu traballo diario ou para a posibilidade constatada dunha promoción interna dentro da empresa. Estes cursos serán facilitados de forma totalmente gratuíta polas empresas e con cargo ós seus orzamentos xerais de tipo social. Para a realización destes cursos, a empresa informará do plan de formación ó delegado de persoal.