Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 07 de xuño de 1995 Páx. 4.222

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Promotora de Recursos Marítimos, S.A. (Prodemar).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Promotora de Recursos Marítimos, S.A. (Prodemnar) (código 1502982) que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 22-3-1995 subscrito en representación da parte económica pola empresa e,

da parte social, polo comité de empresa o día 14-3-1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 23 de marzo de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Condicións laborais específicas da empresa Promotora de Recursos Marítimos, S.A.

Primeiro.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo rexe, regula e actualiza as relacións laborais entre a empresa Promotora de Recursos Marítimos, S.A. (Prodemar) e os seus traballadores en tódolos seus centros de traballo con excepción dos membros de dirección.

Segundo.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor, para tódolos efectos, o 1 de xaneiro de 1995; desde esa data producirá plenos efectos. A súa duración será ata o 31 de decembro de 1996.

Tódalas condicións pactadas no presente convenio terán a consideración de norma laboral, polo cal as posteriores negociacións faranse partindo delas.

Terceiro-Revisión, rescisión e prórroga.

O preaviso de denuncia do convenio terá que se facer cunha antelación mínima de un mes, respecto á data do seu vencemento. De non ser denunciado entenderase prorrogado de forma automática ata a negociación dun novo convenio.

Cuarto.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións persoais que con carácter global excedan do acordado no presente convenio, manténdose os que no seu cómputo anual sexan máis beneficiosas para o traballador.

Quinto.-Carácter das condicións pactadas.

As condicións pactadas forman, para efectos da súa aplicación práctica, un todo orgánico e indivisible.

Sexto.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do pactado no presente convenio. As súas funcións serán:

a) Interpretación auténtica do convenio.

b) Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ámbalas partes de común acordo, en asuntos derivados deste convenio.

c) Conciliación facultativa nos problemas colectivos con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponderlles ós organismos legais correspondentes.

d) Vixilancia do pactado e o seu cumprimento.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade pola comisión terán carácter vinculante.

En caso de dúbida ou discrepancia, a comisión pode acudir en consulta á autoridade laboral competente.

A comisión comporase dun presidente, que será o presidente do comité de empresa, quen actuará como mediador, con voz pero non con voto, e de vocais por cada parte, preferentemente dos que actuaron na deliberación do convenio.

Sétimo-Clasificación segundo a función

O persoal clasifícase tendo en conta as funcións que realizan nos seguintes grupos:

ProducciónAdministración

SubalternoAuxiliar

Oficial de 3ªOficial de 3ª

Oficial de 2ªOficial de 2ª

Oficial de 1ªOficial de 1ª

Encargado de 2ªTécnico superior

Encargado de 1ª

Vixilante

Técnico

Técnico superior

Oitavo.-Ingresos.

O ingreso dos traballadores axustarase ás normas legais xerais sobre colocación.

Terán dereito preferentemente para o ingreso, en igualdade de méritos, os que desempeñasen ou desempeñen funcións na empresa con carácter eventual, interino ou contratados por tempo determinado.

A empresa comunicaralles ós delegados de persoal o posto ou os postos que pensan cubrir, as condicións que deben reuni-los aspirantes e as características das probas de selección, se as houber.

Noveno.-Traballos de categoría inferior.

Por necesidades circunstanciais, transitorias, e imprevisibles para a empresa, poderá destinarse un traballador a realizar misións de categoría profesional inferior a aquelas ás que está adscrito. En ningún caso o cambio poderá implicar menoscabo da dignidade humana. En tal sentido, a empresa

evitará reitera-lo traballo de inferior categoría co mesmo traballador.

Esta situación non poderá prolongarse máis de dous meses consecutivos e a retribución durante ela será a que corresponda segundo a categoría do traballador.

Décimo.-Sistema retributivo.

As retribucións do persoal estarán constituídas polo salario base e os complementos del.

Décimo primeiro.-Pagamento de salarios.

O pagamento de salarios realizarase dentro da xornada laboral, por meses, en efectivo, ou ben mediante cheque, talón ou transferencia bancaria e a empresa deberá asegurarse de que o aboamento en conta corrente ou libreta do traballador se produza na data habitual de pagamento.

Décimo segundo.-Cláusula de revisión salarial.

A táboa salarial será obxecto de revisión por primeira vez a partir do 1 de xaneiro de 1996, no caso e tan pronto se constate oficialmente que o IPC anual establecido polo INE, rexistrase no 31 de decembro de 1995 un incremento superior ó 4,0% (catro por cento). Esta revisión será a diferencial entre o 4,0% (catro por cento) e o IPC real.

Esta revisión aplicarase con efectos desde o 1 de xaneiro de 1995 sobre tódolos conceptos de carácter salarial (incluíndo os domingos e festivos).

A táboa salarial será revisada por segunda vez o 1 de xaneiro de 1997, unha vez coñecido o IPC do ano 1996. A porcentaxe da revisión será o diferencial entre o IPC previsto polo Goberno ó inicio de 1996 e o real constatado oficialmente o 31 de decembro de 1996.

Décimo terceiro.-Salario base.

Será o que figura nas táboas salariais anexas ó presente convenio e devengarase por día natural. Anexo I.

Décimo cuarto.-Antigüidade.

Aboarase un complemento persoal de antigüidade consistente en 2 bienios ó 3% seguidos de cuadrienios ó 6%, porcentaxes referidas ó salario base reflectido no anexo I. O importe de cada período comezará a devengarse desde o día 1 do mes seguinte ó do seu cumprimento.

Décimo quinto.-Pagas extras.

Os traballadores cubertos polo presente convenio terán dereito a dúas (2) pagas extras completas anuais, que lles serán pagadas, unha na primeira quincena do mes de xullo e a outra, na primeira quincena do mes de decembro.

As devanditas pagas consistirán no valor do salario base máis o do complemento de antigüidade exclusivamente.

Décimo sexto.-Incentivos.

A empresa pagaralles ós seus traballadores un incentivo para o período correspondente ó ano 1995 do 75% dunha paga completa.

Este incentivo consistirá no 75% do valor do salario base máis o 75% do complemento por antigüidade, ámbolos valores corresponderanlles ós vixentes por aplicación deste convenio. O dito incentivo pagarase na primeira quincena do mes de marzo de 1996.

A partir do ano 1996 este incentivo consistirá no 100% do valor do salario base máis o 100% do complemento por antigüidade.

Este incentivo pagarase na primeira quincena do mes de marzo de 1997.

Décimo sétimo.-Xornada de traballo.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán unha xornada laboral máxima de 40 horas semanais, distribuídas de luns a venres coa facultade para a empresa de estendela ó sábado en concepto de gardas única e exclusivamente. Dentro da citada xornada entenderanse comprendidos os descansos establecidos pola empresa.

En ningún caso a xornada excederá do cómputo anual de 1.784 (mil setecentas oitenta e catro) horas. Xúntase calendario laboral (anexo II).

Décimo oitavo.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias serán liquidadas e pagadas aplicando un incremento do 75% (setenta e cinco por cento) sobre o valor da hora ordinaria.

Décimo noveno.-Calendario laboral.

No prazo de un mes, a partir da publicación do calendario oficial no Diario Oficial de Galicia, a empresa sinalará con intervención dos delegados do persoal, o calendario para o ano vixente.

Vinte.-Domingos e festivos.

Para o ano 1995, ós traballadores que teñan que traballa-los citados días aboaráselles 3.675 pts. (tres mil seiscentas setenta e cinco pesetas, en concepto de prima por cada domingo ou festivo traballado, sen perda do correspondente descanso. Para o ano 1996 este valor será revisado na mesma porcentaxe cá da táboa salarial.

Vinteún.-Vacacións.

O réxime de vacacións anuais retribuídas do persoal será de 30 días naturais, segundo o artigo 38 do Estatuto dos traballadores. As vacacións poderanse dividir, en dous períodos de 15 días.

O cadro de vacacións exporase cunha antelación de 2 meses, como mínimo, no taboleiro de anuncios, para coñecemento do persoal. As vacacións serán retribuídas a razón dunha mensualidade completa. A vacación anual non poderá ser compensada en metálico.

Vintedous-Asistencia a consultorio médico.

Cando por razón de enfermidade o traballador precise a asistencia a consultorio médico en horas coincidentes coas da súa xornada laboral, a empresa concederá sen perda de retribución o permiso necesario e polo tempo preciso para o efecto, debendo xustificarse o traballador co correspondente volante visado polo facultativo.

Vintetrés-Enfermidade e accidente de traballo.

Con independencia da prestación económica que, con cargo á Seguridade Social, perciba o traballador en situación de baixa por enfermidade ou accidente, incluíndo a maternidade, a empresa aboará un complemento equivalente á contía necesaria para que, sumado a aquela, acade a totalidade do salario que percibía no momento de caer de baixa. Este complemento aboarase durante un período máximo de 6 (seis) meses, no caso de enfermidade e de 18 (dezaoito) meses en caso de accidente de traballo.

Vintecatro.-Fundas de traballo.

A empresa proverá, con carácter obrigatorio e gratuíto, o persoal, segundo o necesite o seu traballo, da roupa:

1 funda.

1 par de botas.

1 par de botas-pantalón.

1 traxe de augas (pantalón e chaqueta impermeable).

1 mandilón

1 par de protectores antebrazo

1 par de luvas de goma

O primeiro ano entregaranse 2 fundas para permitirlle ó traballador o lavado e coidado rutineiro deles.

Os períodos de reposición da funda, botas-pantalón e botas fíxanse nun ano como norma xeral, obrigándose a empresa a repoñe-lo dito material, se con antelación a este período fose necesario, por deterioración ou desgaste, debéndose entrega-lo material estragado para a recollida do novo.

Vintecinco.-Póliza de seguros.

A empresa subscribirá para tódolos traballadores unha póliza que cubra os riscos de morte ou de invalidez total ou parcial por accidente, por unha cantidade máxima de 3.000.000 de ptas. (tres millóns de pesetas).

Vinteseis.-Mobilidade xeográfica.

Cando por necesidades da empresa, esta precise trasladar un ou máis traballadores do centro de traballo no que presta servicios a outro lugar, este traslado seralles comunicado ós representantes dos traballadores, con indicación das causas que o motivan.

O transporte dos traballadores afectados será subministrado por Prodemar ou reembolsado segundo o valor determinado polas disposicións legais vixentes. As axudas de custo serán acordadas coa empresa, caso por caso, con intervención dos representantes dos traballadores.

Vintesete.-Táboas salariais.

As táboas salariais serán revisadas cun aumento do 5,0% (cinco por cento) para o período comprendido desde o 1-1-1995 ó 31-12-1995 e con efecto desde o 1 de xaneiro de 1995.

Para o ano 1996 estas serán revisadas co aumento do IPC previsto para este ano polo Goberno, máis o 1% (un por cento).

Este valor poderá ser revisado ó 31 de decembro de 1996, segundo o establecido no artigo 12 deste convenio.

Vinteoito.-Función dos delegados sindicais

Segundo a lexislación vixente.