Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 05 de xuño de 1995 Páx. 4.139

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de xuño de 1995 de convocatoria dos premios da Xunta de Galicia de Medio Ambiente e Conservación da Natureza.

O día 31 de xaneiro do ano que corre a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa decidiu declarar 1995 como Ano Europeo para a Conservación da Natureza. Os obxectivos da citada celebración son a preservación do medio ambiente de forma global, non só nas zonas protexidas e, en xeral, a difusión da conciencia medioambiental entre as persoas.

Con tal motivo, a Consellería da Presidencia e Administración Pública, como consecuencia do acordo da Comisión Galega do Medio Ambiente, do 16-3-1995, decidiu crea-los premios Xunta de Galicia de Medio Ambiente e Conservación da Natureza, cos que se pretende fomenta-la participación cidadá no ámbito comentado, e a calidade da producción científica e académica nel.

En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. A Consellería da Presidencia e Administración Pública, en conmemoración do Ano Europeo da Conservación da Natureza, convoca os premios da Xunta de Galicia de Medio Ambiente e Conservación da Natureza, nas súas modalidades de:

a) Traballos xornalísticos nos medios de comunicación de Galicia.

b) Traballos académicos ou científicos.

c) Traballos escolares.

As citadas modalidades concretaranse en:

a) Traballos xornalísticos.

Estes traballos terán como finalidade a difusión xornalística da problemática ambiental en calquera dos seus aspectos, e a divulgación das actuacións ou solucións en relación con estes.

b) Traballos académicos ou científicos.

Os ditos traballos referiranse ás diferentes liñas de investigación que procuren resultados que poidan beneficia-lo progreso e potenciación na xestión do medio ambiente nos seus diferentes aspectos (tecnolóxicos, xurídicos, organizativos, etc.).

c) Traballos escolares.

Os ditos traballos consistirán no resultado da acción divulgativa da problemática ambiental nun centro educativo da Comunidade Autónoma, e poderán acreditarse a través dunha memoria das actividades celebradas, ou da remisión do resultado dunha sesión dedicada ó medio ambiente no colexio e concretada no exercicio seleccionado e realizado por un alumno ou clase do centro docente.

2. O importe dos premios convocados imputarase ás aplicacións orzamentarias 04.07.361A.227.06, 04.09.121A.226.06 e 07.01.321A.226.06 do orzamento vixente.

3. Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Os premios citados rexeranse polas seguintes

BASES

1. O tema versará sobre a problemática ambiental nos seus diferentes ámbitos territoriais (planetario, rexional e local) e en todos ou en calquera dos sectores implicados (residuos, augas, contaminación atmosférica...).

2. Poderán optar a estes premios os galegos que teñan a condición de xornalistas, profesionais académicos ou investigadores, ou os centros docentes radicados en Galicia, segundo a respectiva modalidade.

3. Os orixinais deberán ser presentados en calquera das linguas oficiais de Galicia.

4. A presentación dos traballos dirixirase á Secretaria Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, e presentaranse en calquera rexistro general antes do día 30 de outubro de 1995.

5. Os traballos remitiranse en sobre lacrado, no que constará un lema ou pseudónimo. Noutro sobre, tamén lacrado, figurará no exterior o mesmo lema ou pseudónimo e no interior o nome e os demais datos identificativos do autor ou autores do traballo.

6. A contía dos premios nas súas diferentes modalidades é:

-Xornalistas: 200.000 ptas. e placa acreditativa.

-Académicos e investigadores: 200.000 ptas. e placa acreditativa.

-Escolares: o financiamento, ata un importe de 200.000 ptas. dunha actividade de educación ambiental para o centro docente gañador, e placa acreditativa.

O xurado estará composto por:

-Presidente: o conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

-Vocais:

-Os membros e secretario da Comisión Galega do Medio Ambiente.

-O secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o secretario xeral de Comunicación, dada a súa vinculación ás modalidades do premio.

-Secretario: o subdirector xeral de Protección Ambiental.

7. A presentación dos traballos supón a plena aceptación de tódalas bases da convocatoria.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública