Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 05 de xuño de 1995 Páx. 4.139

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 30 de maio de 1995 pola que se deixa sen efecto a suspensión temporal a que se refire a disposición adicional segunda do Decreto 144/1994, do 19 de maio, nas concas dos ríos Verdugo e Sor.

Por Decreto 144/1994, do 19 de maio, declarouse prioritaria a realización das actuacións necesarias para o desenvolvemento do Plan Hidrolóxico das Concas Intracomunitarias de Galicia, o que implicou, segundo o establecido na disposición adicional segunda, a suspensión temporal da tramitación administrativa das solicitudes da concesión de aproveitamentos de augas públicas, mentres non se dispuxese dos estudios precisos para o desenvolvemento do plan.

Os estudios para a planifición hidrolóxica realizados engloban distintos campos entre os que se salientan a ordenación e protección do recurso enfocando a devandita planificación de cara a unha caracterización e definición hidrolóxica de cada conca, propiciando en definitiva unha utilización prudente e racional do recurso.

Neste sentido, a auga como recurso fundamental relaciónase tamén cun contorno no que se sitúan zonas de especial protección, nas que se precisa garanti-lo mantemento e o equilibrio da riqueza ecolóxica e paisaxística do medio que se desenvolve ó redor das súas concas fluviais.

Alcanzado nas concas do Verdugo e o Sor o grao de desenvolvemento dos traballos e estudios axeitado para a implantación da planificación hidrolóxica e, en particular, realizadas as actividades técnicas necesarias que posibilitan a defensa, protección, conservación e recuperación dos diferentes ámbitos relacionados co medio fronte ás diversas demandas de usos e aproveitamentos hidráulicos cómpre, de conformidade co previsto no parágrafo segundo da referida disposición adicional, proceder ó levantamento, nelas, da suspensión provisional de que se trata.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Deixar sen efecto, no ámbito xeográfico que abranguen as concas hidrográficas dos ríos Verdugo e Sor, que discorren integramente dentro do territorio de Galicia, a suspensión temporal da tramitación administrativa das solicitudes da concesión de aproveitamentos de augas públicas aprobada polo Decreto 144/1994, do 19 de maio, relativo á adopción de medidas urxentes e provisionais en relación coa utilización do dominio público hidráulico competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-A presente orde terá efectos a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 1995.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda