Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 05 de xuño de 1995 Páx. 4.137

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de xuño de 1995 pola que se regula o recoñecemento de interese ambiental para actos de carácter educativo ou científico.

Co obxecto de proporcionar un apoio institucional ós labores de educación e investigación ambiental, faise preciso o establecemento dunha canle procedemental para a determinación das diferentes actividades que, programadas no marco xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia, deben considerarse como de interese medioambiental.

Na súa virtude, de acordo coas competencias recoñecidas no artigo 27 nº 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, conforme o disposto no artigo 4 do Decreto 80/1984, do 24 de maio, e Decreto 185/1984, do 27 de decembro, sobre adopción de medidas en materia de medio ambiente, no seu artigo 4, onde se regulan as competencias da Comisión Galega do Medio Ambiente, e de acordo co previsto na súa disposición derradeira primeira, e en uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Comisión Galega de Medio Ambiente poderá recoñecer como de interese medioambiental todos aqueles actos, conferencias, ciclos, reunións, cursos, xornadas ou congresos que, organizados no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia, sexan promovidos por calqueira entidade ou persoa xurídica de natureza pública ou privada que acredite a súa legal constitución, e teñan como finalidade a conciencia

ción, estudio, formación ou especialización en relación coa protección e xestión do medio ambiente.

Artigo 2º

A tramitación administrativa dos expedientes de recoñecemento corresponderá á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, que emitirá informe sobre o obxecto da solicitude e demandará cantos fosen precisos ós departamentos directamente relacionados co mencionado obxecto.

A resolución será competencia do Pleno da Comisión Galega de Medio Ambiente.

Artigo 3º

A solicitude de recoñecemento de interese medioambiental formularase en modelo axustado ó que figura no anexo desta orde, dirixido ó presidente da Comisión Galega de Medio Ambiente, e será subscrita polos representantes legais das entidades organizadoras, e remitirase polo menos dous meses antes do comezo dos actos.

Artigo 4º

A documentación necesaria que se vai presentar xunto coa solicitude consistirá en:

a) Datos referentes a identificación, constitución legal e implantación da entidade promotora.

b) Actos científicos, divulgativos ou educativos que celebrou nos últimos tres anos; e os que o foran con anterioridade, se se considerase conveniente.

c) Memoria-resumo da actividade que se vai desenvolver, cos obxectivos que se persiguen.

d) Persoas ás que se dirixe a actividade e número de participantes previstos.

e) Programa con mención do profesorado ou conferenciantes, materias concretas que vai desenvolver cada un deles, e, se é o caso, breve currículum daqueles.

f) Previsións económicas do acto.

Artigo 5º

O recoñecemento do interese medioambiental terá como consecuencia a posibilidade de utilización da declaración na difusión e documentación do acto.

Artigo 6º

Os organizadores ou promotores remitirán as conclusións, acordos ou documentación obxecto do acto, no prazo de dous meses desde a súa finalización á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, co fin de ser xuntado ó resto do expediente de recoñecemento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA