Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 01 de xuño de 1995 Páx. 4.046

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Explotaciones Turísticas de Galicia, S.A. (código 1503172)

Visto o expediente do convenio colectivo de empresa Explotaciones Turísticas de Galicia, S.A. (código 1503172), que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 6-4-1995, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, pola parte social, polo comité de empresa o día 31-3-1995, e de con

formidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro de depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982 do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación Arbitraxe e Concilación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 10 de abril de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo entre a empresa

Explotaciones Turísticas de Galicia, S.A.

e o seu establecemento Hotel María Pita.

Capítulo primeiro

Disposicións Xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional e de aplicación.

O presente convenio afecta e obriga a empresa Explotaciones Turísticas de Galicia, S.A. e ós traballadores que presten os seus servicios no Hotel María Pita ou aqueles que durante a vixencia deste convenio se incorporen a el.

Artigo 2º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes deste convenio a empresa Explotaciones Turísticas de Galicia, S.A., representada por César Pérez Araque e o comité de empresa, integrado por Ana Isabel Román Martínez, Eva Liso Alvero, Fernando Arribas García, Juan Ramón Uña Acedo, Miguel Ángel Fernández Rubio.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O convenio terá unha duración de tres anos, desde o 1 de xaneiro de 1994 ata o 31 de decembro de 1996.

Con independencia da data en que apareza publicado este convenio no Diario Oficial de Galicia, terá efectos retroactivos ó día 1 de xaneiro de 1994. Sen embargo, non terá efectos retroactivos o contido establecido baixo os artigos 10º, 11º, 14º, 15º, 16º e 21º deste convenio, que empezará a rexer desde a súa publicación.

Salvo denuncia expresa e válida, o convenio prorrogarase automaticamente por prazos iguais ó da súa duración inicial. Enténdese por denuncia válida a efectuada por escrito certificado dirixido á outra parte

cunha antelación mínima de dous meses á data de expiración do convenio ou prórroga, se é o caso.

Artigo 4º.-Absorcións e compensacións.

As condicións establecidas neste convenio, consideradas en cómputo anual e globalizadamente, poderán ser compensadas coas xa existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa orixe, procedencia, causa ou natureza.

Igualmente, as condicións establecidas neste convenio poderán ser absorbidas por outras condicións superiores fixadas por disposición legal, contrato individual, concesións voluntarias, etc., que puidesen aplicarse no sucesivo, calquera que sexa a súa orixe, procedencia, causa ou natureza.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, en consecuencia, a nulidade ou invalidez dalgunha das súas cláusulas ou condicións levará consigo a nulidade da totalidade do convenio, que deberá ser negociado de novo.

Artigo 6º.-Suspensión de porcentaxe de servicio.

A aceptación deste convenio supón a renuncia expresa ó sistema retributivo de salario inicial ou fixo máis porcentaxe de servicio previsto no capítulo 9 da ordenanza laboral de hostelería.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

As partes asinantes acordan establecer unha comisión paritaria, como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do cumprimento do convenio e do desenvolvemento e regulación das relacións laborais.

A dita comisión estará formada por dúas persoas designadas pola empresa e por dous membros da representación dos traballadores, debéndose constituír no prazo de trinta días a partir do asinamento do presente convenio.

Capítulo segundo

Contratación. Cesamentos. Mobilidade. Ascensos

Artigo 8º.-Organización do traballo.

A organización do traballo, de conformidade coa lexislación vixente, correspóndelle á dirección da empresa.

As relacións laborais enténdense en todo momento na mutua confianza e respecto entre empresa e traballadores.

Artigo 9º.-Normas comúns de contratación.

A empresa poderá contratar traballadores de acordo coas modalidades previstas na lexislación vixente, ou coas que en calquera momento poidan existir.

Os contratos de traballo que se subscriban por escrito serán rexistrados na oficina de emprego do INEM no prazo máximo de 20 días desde o inicio da relación laboral. Unha copia do contrato rexistrado deberá entregarselle ó traballador no prazo máximo de 15 días desde o día seguinte ó do seu rexistro.

De acordo co previsto na lexislación vixente, a empresa entregaralle unha copia básica do contrato á representación legal dos traballadores, agás dos contratos de dirección.

Artigo 10º.-Contratos formativos.

Os aprendices que se contraten a partir da data percibirán unha retribución bruta de 65.000 ptas. (sesenta e cinco mil pesetas) mensuais. En caso de incapacidade laboral transitoria, a empresa non aboará as cantidades recollidas no artigo 30, posto que non percibe compensación ningunha.

Respecto dos contratos en prácticas, a súa retribución será do 60% e do 75% para o primeiro e segundo anos, respectivamente, da retribución que para cada categoría profesional estea fixada neste convenio.

Artigo 11º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba que non excederá de 90 días laborables para os xefes ou 2º xefes de departamento nin de 30 días laborables para o resto de categorías profesionais, calquera que sexa a modalidade da contratación utilizada.

Durante este período calquera das partes poderá resolve-lo contrato de traballo sen aviso previo e sen dereito a indemnización ningunha.

Artigo 12.-Cesamento voluntario. Prazo de aviso previo.

Cando un traballador cese na empresa voluntariamente, deberá comunicalo por escrito, de acordo cos seguintes prazos de aviso previo:

a) 30 días para xefe e 2º xefe de departamento.

b) 15 días para o resto do persoal.

O incumprimento por parte do traballador da obrigación de avisar previamente coa abrigada antelación, daralle dereito á empresa a descontar na liquidación do mesmo o importe do salario dun día por cada día de atraso no aviso.

Recibido o aviso coa antelación referida, a empresa estará obrigada a liquidar ó finaliza-lo prazo os conceptos fixos que poidan ser calculados ata ese momento. O resto deles seranlle aboados no momento habitual do pagamento.

O incumprimento desta obrigación imputable á empresa levará aparellado o dereito do traballador a ser indemnizado co importe dun día de salario por cada un de atraso ata o límite máximo dos días de aviso previo.

Artigo 13º.-Ascensos.

Os ascensos de categoría produciranse tendo en conta a formación e capacidade, dentro das facultades organizativas da empresa. A categoría de xefe ou 2º xefe de departamento será de libre designación da empresa. Para o resto de categorías pedirase informe previo da representación dos traballadores.

Artigo 14º.-Polivalencia funcional.

O traballador poderá ser contratado coa condición de polivalente, dentro ou fóra do mesmo grupo profesional, respectando a súa dignidade e capacidade técnica para desempeñalo.

Páctase a polivalencia de funcións que se describen a seguir. A anterior polivalencia funcional non xerará o dereito a reclama-la categoría profesional superior nin a diferencia retributiva.

En todo caso, ademais das funcións que son propias de cada categoría ou departamento asumiranse as seguintes funcións:

-Recepción, teléfonos e conserxería: ademais das funcións propias asumiranse a reclamación de créditos, apoio a comercial, mozo de equipaxes, etc.

-Mozo de equipaxes, mozo de cuarto, porteiro, axudante de camareiro: ademais das propias asumirán as funcións de atende-lo teléfono e a conserxería, realizar xestións fóra do hotel, vixilancia de noite, pequenos traballos de mantemento, axudaran ó departamento correspondente á montaxe de salóns, etc.

-Camareira de pisos, limpadora, lenceira, fregadora: ademais das propias, realizarán as de cada unha das respectivas categorías, retirar e leva-las bandexas ó oficio da planta, subir e baixa-la roupa, saca-lo lixo, etc.

-Restaurante e bar: realizarán, ademais das propias, as de montaxe de salóns, retirar pedidos do almacén, Room Service, montaxe de buffet de almorzos, atende-la cafetería, preparación de sobremesas, etc.

-Cafetería: realizará, ademais das súas propias, as de axudar na cociña, saca-lo lixo, retira-los pedidos do almacén, axudar a monta-lo buffet de almorzos, etc.

-Cociña: páctase a polivalencia dentro dela, cubrindo ademais o office e a pratería.

-Servicio técnico: realizarán tódalas funcións inherentes a fontanería, electricidade, calefacción, pintura, carpintería, etc. Incluso as de mozos de equipaxes cando iso sexa necesario.

Capítulo terceiro

Xornada. Descanso semanal. Vacacións.

Excedencias. Horas extraordinarias

Artigo 15º.-Xornada.

Durante a vixencia deste convenio a xornada máxima anual será de 1.824 horas de traballo efectivo, equivalente a aplicar en cómputo anual a xornada de 40 horas semanais de media, polo tanto, o seu cómputo, distribución e control será anual.

Por traballo efectivo entenderase que o traballador deberá encontrarse, tanto ó comezo como ó final da xornada laboral, no seu posto de traballo en condicións de realiza-las súas funcións profesionais.

Nas xornadas continuadas que excedan de 5 horas de duración haberá un descanso de 20 minutos que se considerará tempo de traballo efectivo. Se este tem

po de descanso se destinase á toma dalgunha comida poderá ampliarse en 10 minutos, entendéndose que cando supere os 20 minutos irá a cargo do traballador, e deberá recuperalo dentro da mesma xornada.

En caso de necesidades do servicio por grupos, banquetes, vacacións, incapacidade temporal, contratacións non previstas, etc., por petición da empresa prolongarase a xornada.

As prolongacións virán compensadas con reduccións de xornada ou a súa equivalencia en períodos de descanso.

Polas necesidades a que fai referencia o apartado anterior, a empresa poderá cambia-las súas quendas e días de libranza. Igualmente, e polas citadas necesidades, a empresa poderá parti-las referidas quendas de traballo.

Artigo 16º.-Descanso semanal.

Polas necesidades do servicio citadas anteriormente poderanse acumula-las dúas festas de descanso semanal en períodos de dúas semanas.

Artigo 17º.-Calendario laboral.

A elaboración e fixación do calendario laboral anual é facultade da dirección da empresa, en función das súas situacións económicas, técnicas, organizativas e de producción, que o elaborará nos trinta primeiros días hábiles de cada ano. Establecerase co comité de empresa.

En caso de desacordo, a empresa e os representantes dos traballadores someterano á arbitraxe da autoridade laboral.

Artigo 18º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará de 30 días naturais de vacacións ó ano, dentro do ano natural. Poderase desfrutar en bloque ou fraccionado en dous períodos segundo necesidades do traballo. Aqueles que non leven un ano de traballo efectivo terán dereito a desfruta-la parte proporcional, computando para estes efectos o ano natural.

Poderanse excluí-los meses de maio, xullo, agosto, setembro e outubro, por seren os de maior ocupación do hotel.

A situación de incapacidade laboral transitoria ou accidente de traballo non interromperá o desfrute do período vacacional unha vez que estea establecido previamente o calendario.

Con independencia das vacacións, os traballadores desfrutarán dos días non laborables legalmente establecidos.

Artigo 19º.-Permisos retribuídos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Catro días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe, fillos, fillos políticos, irmáns, irmáns políticos, pais, pais

políticos e avós. Cando por tal motivo o traballador necesitase facer un desprazemento fóra da provincia o permiso será de cinco días.

c) Un día para vodas de fillos, irmáns, irmáns políticos, pais ou pais políticos.

d) Un día por cambio de domicilio habitual.

e) O tempo indispensable para a asistencia a exames, quedando o traballador obrigado a xustifica-la súa asistencia ás probas.

f) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia ó traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

Artigo 20º.-Excedencias.

Os traballadores con polo menos dous anos de antigüidade na empresa terán dereito a solicitar excedencia voluntaria non inferior a seis meses nin superior a dous anos, causando baixa definitiva o excedente que non solicite o seu reingreso cunha antelación mínima de trinta días na data de vencemento.

Os traballadores afectados polo presente convenio, que sexan fixos no cadro de persoal, poderán solicitar excedencia voluntaria no caso de enfermidade grave de pais, cónxuxe ou fillos ó seu cargo, sempre que o xustifiquen debidamente e polo prazo indispensable.

Para acollerse a outro período de excedencia voluntaria, o traballador deberá cubrir un novo período de catro anos ó servicio da empresa.

Aqueles traballadores que resulten elixidos a cargos de representación sindical, de nivel comarcal, provincial ou nacional, poderán solicitar excedencia polo tempo que dure o período de elección para o dito cargo.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

Terán esta consideración todas aquelas horas de traballo que se realicen sobre a duración máxima da xornada irregular pactada no artigo 15º e que non sexan compensadas segundo o establecido nel.

Tódalas horas extraordinarias que se realicen, tanto as voluntarias como as obrigatorias ou as estructurais, compensaranse con períodos equivalentes de descanso.

No caso de non ser posible a compensación en tempo de descanso, as horas extraordinarias aboaranse ó mesmo prezo que a hora ordinaria.

Capítulo cuarto

Condicións económicas

Artigo 22º.-Condicións salariais.

O réxime salarial aplicable a tódolos traballadores afectados polo presente convenio estará formado unicamente e na súa totalidade polos seguintes conceptos retributivos (salario base, diferencia de convenio, gratificacións extraordinarias e complemento salarial de manutención), recollidos expresamente neste artigo:

22.1. Salario base.

É o reflectivo no anexo I do presente convenio na columna encabezada baixo o título «salario base».

22.2. Diferencia de convenio.

É o reflectivo no anexo I do presente convenio na columna encabezada baixo o título diferencia de convenio.

22.3. Gratificacións extraordinarias.

A empresa aboaralles ós traballadores dúas pagas extraordinarias, que se farán efectivas os días 20 de xullo e 20 de decembro, e estarán formadas polo salario da táboa salarial anexa.

No mes de setembro aboarase unha paga extraordinaria, consistente en 15 días do citado salario base máis o 50% do complemento de manutención.

Os que ingresen ou cesen no transcurso do ano percibirán estas gratificacións en contía proporcional ó tempo traballado.

22.4. Complemento salarial de manutención.

O complemento salarial de manutención en especie fíxase en 4.760 ptas. (catro mil setecientas sesenta pesetas) mensuais. A súa compensación será en metálico para todo aquel traballador que non o perciba en especie. O dito complemento encóntrase incluído na diferencia de convenio da táboa salarial.

Capítulo quinto

Condicións sociais

Artigo 23. Roupa de traballo

Cando a empresa esixa para o traballo determinada modalidade de roupa, terá a obrigación de facilitarlla ó seu cargo. Non obstante, a empresa poderá substituír esta obrigación pola entrega anual en metálico do seu valor equitativo.

En todo caso a non esixencia pola dirección de determinada modalidade de roupa non excusará a obrigación do traballador de realiza-las súas funcións de acordo coas normas usuais de hixiene.

Artigo 24º.-Xubilación.

A idade obrigatoria de xubilación establécese en 65 anos, sempre e cando o traballador reúna os requisitos legalmente establecidos para acceder á prestación por este concepto.

Ó se produci-la xubilación do traballador, que leve como mínimo 10 anos ó servicio da empresa ou sufra unha incapacidade total ou absoluta, percibirá desta o importe de tres mensualidades, que estarán integradas polo salario base da táboa salarial anexa. Cada cinco anos máis que exceda ós dez terá dereito a unha mensualidade máis.

Artigo 25º.-Xubilación especial ós 64 anos.

As partes acordan a posibilidade de xubilación ós 64 anos na forma articulada polo Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

Artigo 26º.-Enfermidade e accidente.

Na primeira situación de incapacidade temporal que se produza no ano natural non se efectuará ningún desconto aínda que sexa derivado de enfermidade común e aboarase o 100% ata un máximo de doce meses.

Na segunda situación de incapacidade temporal haberá que aterse ó seguinte:

-Desde o 1º ó 4º día non se percibirá salario.

-Desde o 5º ó 16º, o 60% da base de cotización do mes anterior.

-Desde o 17º ó 30º, o 75% dos mesmos importes do punto anterior.

-A partir do 31 día e ata un período máximo de doce meses, o 100% do salario.

Se a empresa substitúe o traballador en ILT ou accidente por outro traballador con contrato de interinidade, o traballador substituído percibirá exclusivamente o subsidio que corresponda desde o mesmo momento en que fose substituído. Igualmente, nos períodos de ILT ou accidente superiores ós doce meses, o traballador percibirá o subsidio que corresponda de acordo coa Seguridade Social.

Artigo 27º.-Auxilio de defunción.

En caso de falecemento do traballador ou traballadora concederaselle á viuva, viúvo, ou fillos un auxilio de defunción na seguinte contía e forma:

1. Por 5 anos de servicio: 1 mensualidade.

2. Por 10 anos de servicio: 2 mensualidades.

3. Por 20 anos de servicio: 3 mensualidades.

4. Por 25 anos de servicio: 4 mensualidades.

Ó persoal que non leve os 5 anos de servicio na empresa pagaráselle a parte proporcional ó tempo traballado na contía de seis días por ano de servicio.

Artigo 28º.-Póliza de seguro de accidentes.

A empresa contratará para todo o persoal afectado por este convenio un seguro de accidente durante a prestación de traballo ou «in itinere», de morte ou invalidez permanente nos graos de total, absoluta ou gran invalidez, pola cantidade de dous millóns e medio de pesetas para cada un dos dous casos mencionados anteriormente.

Capítulo sexto

Servicios extraordinarios

Artigo 29º.-Servicios extraordinarios.

A contía que se aboará por este concepto para tódolos traballadores pactarase de mutuo acordo en función do tipo de servicio extraordinario e do seu número de horas.

Capítulo sétimo

Seguridade e hixiene

Artigo 30º.-Seguridade e hixiene no traballo.

Os representantes dos traballadores, xunto cos da empresa, velarán para que se cumpran tódalas disposicións legais en materia de seguridade e hixiene no traballo, así como potencia-las accións técnico-preventivas en favor da saúde dos traballadores, que tendan a diminuí-los riscos laborais, accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

Anualmente, a empresa facilitará os medios necesarios para que todo o persoal poida facer un recoñecemento médico.

Capítulo oitavo

Dereitos sindicais

Artigo 31º.-Dereitos sindicais e de representación dos traballadores na empresa.

Nesta materia haberá que aterse ó disposto na Lei orgánica da liberdade sindical, Estatuto dos traballadores e demais normas.

Os representantes dos traballadores terán un crédito de horas sindicais para o exercicio da súa representación de 15 horas mensuais, o uso das cales deberán avisar previamente por escrito cunha antelación mínima de 24 horas. Posteriormente, teranse que xustificar.

Cláusula adicional única.

Revisión salarial.

A única revisión salarial que haberá que facer durante a vixencia deste convenio, será a partir do 1 de xaneiro de 1996, incrementándose as táboas salariais e os seus pluses na porcentaxe que o Goberno fixe como previsión de inflación para ese ano.

Cláusulas derradeiras.

Primeira.-Dereito supletorio.

No non previsto neste convenio haberá que aterse ó establecido na lexislación vixente.

Segunda.-Resolución de conflictos.

As partes asinantes do presente convenio acordan no caso de conflictos xurdidos como consecuencia da aplicación e interpretación deste convenio colectivo, someterse ós procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo establecidos no acordo interprofesional galego (AGA).

Terceira.-Paz laboral.

As partes comprométense a respecta-la paz laboral durante o período de vixencia deste convenio no que ó seu contido se refire.

A Coruña, trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco.