Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 31 de maio de 1995 Páx. 4.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 1995, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, pola que se dictan instruccións para o final do curso 1994-1995 nos centros de bacharelato, formación profesional, artes aplicadas e oficios artísticos, escolas de idiomas e conservatorios.

Co obxecto de regula-las actividades de final de curso con criterios uniformes nos institutos de bacharelato, formación profesional, educación secundaria, educación secundaria e profesional, escolas de artes aplicadas e oficios artísticos, escolas oficiais de idiomas, conservatorios e centros privados destes niveis educativos no período final do curso, esta dirección xeral resolveu dicta-las seguintes instruccións:

Primeiro.

1. Os claustros dos institutos de bacharelato, de formación profesional, de educación secundaria, de educación secundaria e profesional, escolas de artes aplicadas e oficios artísticos, escolas oficiais de idiomas, conservatorios e centros privados destes niveis educativos elaborarán un calendario das actividades docentes para o mes de xuño, de acordo coas instruccións recollidas nesta resolución.

2. As direccións dos centros citados no punto anterior enviarán ós servicios provinciais da Inspección, antes do 30 de maio, un resumo do calendario aprobado polo claustro conforme os modelos recollidos no anexo desta resolución. As inspeccións devolveranlles ós centros unha copia do citado resumo, aceptada ou rectificada, para que os directores lla dean a coñecer ó profesorado para o seu cumprimento.

Segundo.

1. O profesorado dos centros de ensino secundario seguirá cumprindo o seu horario lectivo ata o día 16 de xuño. Ademais das actividades docentes lectivas, o calendario aprobado polo claustro deberá contemplar, ata esa data, as actividades docentes referidas a probas de avaliación, sesións de avaliación conxunta, atención a alumnos pendentes de probas de suficiencia, recuperacións, etc.

2. A partir do 19 de xuño ata o 30, inclusive, as direccións dos centros poderán modifica-los horarios dos profesores para adecualos ás actividades establecidas no calendario aprobado polo claustro e aceptado pola Inspección (probas de suficiencia, avaliacións finais, entrega de cualificacións, atención a reclamacións, etc.). En todo caso as direccións dos centros deben garanti-la atención ás reclamacións contra as cualificacións finais, realizadas dentro dos prazos previstos no punto 10.2 da Orde do 24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto).

Terceiro.

1. As datas de avaliación de COU adecuaranse ás das probas da selectividade.

2. Unha vez realizadas as avaliacións poderán continua-las clases de COU nas disciplinas que fose necesario ata a celebración das probas de selectividade e, con este fin, quedan autorizadas as direccións, dos centros para introduciren modificacións nos horarios dos profesores e grupos de alumnos afectados.

Cuarto.

Os alumnos con disciplinas pendentes de cursos anteriores serán convocados a unha proba extraordinaria de suficiencia durante o mes de maio.

Quinto.

As probas de suficiencia do bacharelato unificado e polivalente celebraranse a partir do 19 de xuño. Entre as sesións de avaliación conxunta e as probas de suficiencia deberá transcorrer como mínimo unha semana. A cualificación destas probas realizarase conforme a Resolución do 4 de xullo de 1975 (BOE do 12 de xullo).

Sexto.

Os exames para alumnos libres celebraranse nas datas establecidas no apartado II.3 da Orde do 20 de xuño de 1975 (BOE do 28 de xuño), para o bacharelato unificado e polivalente, e no artigo 6 da Orde do 28 de xaneiro de 1985 (DOG do 15 de febreiro), para a formación profesional de segundo grao.

Sétimo.

As escolas de artes aplicadas e oficios artísticos non poderán celebra-las probas de fin de curso e reválida dos alumnos oficiais antes do 12 de xuño; comunicaranlle, con antelación suficiente, á respectiva delegación provincial as datas das probas correspondentes ós exames por réxime de ensino libre.

Oitavo.

As escolas oficiais de idiomas non lles poderán realiza-las probas finais ós alumnos oficiais antes

de finaliza-lo mes de maio; comunicaranlle, con antelación suficiente, á respectiva delegación provincial as datas das probas correspondentes ós exames por réxime de ensino libre.

Noveno.

Os conservatorios de música non lles podarán realiza-las probas finais ós alumnos oficiais antes de finaliza-lo mes de maio; comunicaranlle, con antelación suficiente, á respectiva delegación provincial as datas das probas correspondentes ós exames de fin de grao dos alumnos oficiais e libres de cada especialidade.

Décimo.

Os secretarios dos centros deberanlle remitir á delegación provincial correspondente, fotocopias autentificadas das actas de avaliación final de tódolos cursos antes do 15 de xullo de 1995.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 1995.

Gerardo Muñoz Sánchez-Brunete

Director xeral de Ordenación Educativa e Centros

ANEXO

RESUMO DO CALENDARIO DE ACTIVIDADES DO MES DE XUÑO CURSO 1994-1995

A Dirección do IB/IFP/IESP/IES

pon no seu coñecemento que o calendario de actividades docentes programadas para o final do curso, aprobado polo claustro recolle o seguinte:

Para a ESO:

O último día de clases normais será o

As datas de avaliación final serán do......ó

Para o BAC:

O último día de clases normais será o

As datas de avaliación final serán do.....ó

Para o BUP:

O último día de clases normais será o

As datas de avaliación conxunta serán do.....ó

As datas de probas de suficiencia serán do.....ó

As datas das probas para alumnos libres serán do... ó ...........nº alumnos libres

As datas de avaliación final serán do......ó

Para COU:

O último día de clases normais será o

As datas de avaliación final serán do ......ó

Para FP:

O último día de clases normais será o

As datas de avaliación conxunta serán do... ó

As datas das probas de recuperación serán do..ó

As datas de probas para alumnos libres serán do

ó.......... nº alumnos libres

As datas de avaliación final serán do.....ó

....................., ................de.............de 1995.

O/A director/a

Visto e prace

O inspector