Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 1995 Páx. 3.909

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 139/1995, do 10 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Muxía (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de abastecentento de auga na parroquia de Caberta.

O Concello de Muxía (A Coruña), en sesión celebrada o día 12 de setembro de 1990, aprobou o proxecto de abastecemento de auga na parroquia de Caberta, e na sesión do día 20 de decembro de 1991 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a solicitude de declaración de urxente ocupación o 15-1-1992, nº 1432, e o expediente coa documentación básica o día 8-3-1994, nº 1694, documentación que foi completada na súa totalidade polo concello remitíndoa en diferentes datas ó longo do ano 1994, e finalmente o 10-4-1995, nº 3352.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de abril de 1994 baixo o nº 2675.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto sinalado, porque se trata dunha obra de abastecemento de auga a unha parroquia que carece dela.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Muxía (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para e execución das obras do proxecto abastecemento de auga na parroquia de Caberta.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais