Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 1995 Páx. 3.894

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de abril de 1995 pola que se dictan normas para a regulación de programas de garantía social durante o curso 1995/1996, con carácter experimental, en centros públicos ou privados homologados de formación profesional de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, ó amparo das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

Vista a necesidade de desenvolve-la Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo no referente a programas de garantía social, e para efectos de que o alumnado que non posúa ningunha titulación académica superior á de graduado escolar, nin ningunha de carácter profesional, poida adquirir unha formación básica e profesional que permita a quen o curse incorporarse á vida activa ou proseguir estudios nas ensinanzas regradas.

Tendo en conta, ademais, a necesidade de revisar periodicamente a oferta educativa dos centros para adaptala ás necesidades de cada momento. Neste sentido, durante os próximos cursos acometerase a substitución das actuais ensinanzas de formación profesional polos novos ciclos formativos, en proceso de elaboración dentro do calendario previsto, e a procura-la ampliación da oferta de acordo cos obxectivos sinalados polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo para Galicia 1994-1999.

Na súa virtude, visto o Decreto 232/1994, do 14 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica e competencial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-A impartición experimental de programas de garantía social no curso 1995/1996 levarase a cabo na Comunidade Autónoma de Galicia en centros públicos ou privados homologados, autorizados segundo disposto na presente orde.

Para estes efectos, enténdese como programas de garantía social aqueles estudios específicos que, sen seren regrados, teñan como fin proporcionar unha formación básica e profesional que permita a quen os curse incorporarse á vida activa ou proseguir estudios nas ensinanzas regradas, mediante o procedemento que se instrumente en cada caso.

Segundo.-Os programas deberán ter unha estructura flexible, que se desenvolva arredor a dúas áreas fundamentais:

2.1. Formación básica que posibilite ó alumnado afianza-los coñecementos e capacidades xerais básicos, relacionados cos obxectivos do ensino obrigatorio.

2.2. Formación técnico-profesional que comprenda as actividades prácticas e os coñecementos necesarios para adquiri-las capacidades que permitan ó alumnado desempeñar postos de traballo que non requiran a cualificación dos cielos formativos de grao medio.

Terceiro.-Os referidos programas durarán a totalidade do curso académico, abarcando entre vinte e trinta horas semanais, repartidas de luns a venres, distribuídas con carácter xeral segundo a seguinte estructura horaria:

3.1. Área de formación básica: entre seis e dez horas semanais.

3.2. Área técnico-profesional: entre quince e dezaoito horas semanais.

3.3. Área de formación e orientación laboral: entre dúas e tres horas semanais.

3.4. Titoría: entre unha e dúas horas semanais.

3.5. Así mesmo poderán incluírse outros contidos e/ou actividades de carácter complementario: ata 3 horas.

Non obstante, autorizaranse horarios distintos do anterior, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

Cuarto.-O número de alumnos/as por grupo, con carácter xeral, estará comprendido entre dez e vinte.

Quinto.-Os centros públicos de formación profesional interesados en implantar programas de garantía social deberán presentar na correspondente delegación provincial, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha memoria na que se inclúan os seguintes aspectos:

5.1. Denominación do programa, contidos básicos de cada unha das áreas e o seu horario semanal. No caso de que este horario se aparte das marxes básicas especificadas no punto terceiro, indicaranse as razóns que aconsellen esta modificación. En ningún caso o programa poderá denominarse de forma idéntica ós ciclos formativos, módulos profesionais ou calquera das ramas, profesións ou especialidades da formación profesional regrada.

5.2. Profesorado con dispoñibilidade no centro.

5.3. Material didáctico requirido.

5.4. Xustificación da existencia de espacio físico e instalacións adecuadas.

5.5. Metodoloxía e estratexias de avalación.

5.6. Aprobación do claustro e do consello escolar.

5.7. Outros que consideren oportuno indicar.

Sexto.-Os centros privados homologados para formación profesional interesados en implantar programas de garantía social deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha memoria na que se inclúan os seguintes aspectos:

6.1. Denominación do programa, contidos básicos de cada unha das áreas e o seu horario semanal. No caso de que este horario sexa diferente do especificado no punto terceiro, indicarase as razóns que aconsellen esta modificación. En ningún caso o programa poderá denominarse de forma idéntica ós ciclos formativos, módulos profesionais ou calquera das ramas, profesións ou especialidades da formación profesional regrada.

6.2. Relación nominal do profesorado que impartirá o programa e fotocopia compulsada das titulacións dos mesmos.

6.3. Material didáctico que se empregará.

6.4. Xustificación da existencia de espacio físico e instalacións adecuadas, acreditando que coas novas ensinanzas non se supera o número de postos escolares autorizados para o centro.

6.5. Metodoloxía e estratexias de avaliación.

6.6. Nos centros privados concertados, aprobación do claustro e do consello escolar.

6.7. Outros que consideren oportuno indicar.

Os programas de garantía social son ensinanzas non regradas polo que no son susceptibles de acollerse ó réxime de concertos educativos.

Sétimo.-Aprobación das ensinanzas:

7.1. As delegacións provinciais remitirán as correspondentes solicitudes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acompañadas dun informe dos servicios provinciais de Inspección relativo á oportunidade e interese da autorización e cantos outros extremos xulguen oportunos.

7.2. A aprobación ou denegación das ensinanzas previstas nesta orde corresponderalle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, logo de informe da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses desde o remate do prazo de presentación daquelas.

7.3. Contra esa resolución cabe o recurso ordinario previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico común, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Oitavo.-Os alumnos ós que van dirixidos os programas de garantía social terán as idades comprendidas entre 16 e 21 anos e non poderán posuír ningunha titulación académica superior á de graduado escolar, nin ningunha de carácter profesional.

Noveno.-Para impartir docencia nos programas de garantía social serán necesarios os requisitos seguintes:

9.1. Centros públicos: pertencer ós corpos de profesores de ensinanza secundaria e profesores técnicos de formación profesional.

9.2. Centros privados homologados: titulación mínima de técnico especialista ou equivalente para o área técnico-profesional e de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto para a área de formación básica e a de formación e orientación laboral.

Décimo.-A inspección educativa supervisará as memorias indicadas nos puntos 5 e 6 e velará pola boa marcha do proceso educativo.

Décimo primeiro.-Ó final dun programa de garantía social dos autorizados ó amparo de esta orde, o alumno recibirá unha certificación acreditativa do mesmo, expedida pola Administración educativa, na que se farán consta-las liñas básicas dos contidos, as cualificacións obtidas e o número de horas das distintas áreas. Este certificado será expedido polos seguintes órganos:

11.1. No caso de centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, polo director do centro.

11.2. Nos demais centros, polo director do centro público ó que estean adscritos.

Décimo segundo.-As cualificacións expresaranse mediante unha escala numérica de cero a dez, sen decimais. Son positivas as cualificacións a partir do cinco inclusive.

A certificación poderá ir acompañada dunha orientación sobre o futuro académico e profesional do alumno, confidencial e non prescritiva.

Décimo terceiro.-Estas cualificacións serán tidas en conta nas probas de acceso ós ciclos formativos de grao medio e módulos profesionais de nivel 2, nas condicións que oportunamente se determinen.

Décimo cuarto.-As autorizacións de ensinanzas derivadas desta orde teñen validez durante el curso 1995/1996.

Disposición transitoria

Ós alumnos que estean realizando programas de garantía social no curso 1994/1995 seranlles de aplicación os artigos 11, 12 e 13 de esta orde.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros

Sr. Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos