Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 25 de maio de 1995 Páx. 3.893

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 138/1995, do 10 de maio, polo que se declara a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola obra de clave CN-04-04-94: aparcamentos e urbanización no porto de Cedeira.

Con data de 4 de abril de 1995 o director xeral de Obras Públicas aprobou o proxecto de aparcamentos e urbanización no Porto de Cedeira.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto, e nas resolucións do 6 de abril de 1995, da Dirección Xeral de Obras Públicas, nas que se aceptan alegacións formuladas no período de información pública, e que se incorporan ó citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia, en virtude do artigo 2 do Decreto 167/1982, do 1 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de portos, e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

En virtude de todo o exposto, e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación, no proxecto das obras de clave CN-04-04-94 aparcamentos e urbanización no Porto de Cedeira.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e

Vivenda