Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 23 de maio de 1995 Páx. 3.840

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de maio de 1995 pola que se convocan prazas de educadores-bolseiros para centros de atención a menores dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas económicas a persoas físicas, de acordo cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade esixidos polos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1995.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, que establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, no seu artigo 1 asígnalle as competencias sobre protección de menores á citada consellería.

Coa realización da presente convocatoria preténdese favorece-lo acceso ó ensino universitario dos estudiantes con escasos recursos, ó mesmo tempo que se dota de persoal de apoio no eido educativo e asistencial ós centros de atención de menores que se relacionan no anexo II desta orde.

Para este fin, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995, na aplicación económica 14.02.212B.228 existe crédito axeitado e suficiente para sufraga-lo gasto ocasionado.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-la cobertura de 14 prazas de educadores-bolseiros para o curso escolar 1995-1996 nos centros de internado de menores dependentes da

Consellería de Familia, Muller e Xuventude, segundo o número e distribución que figura no anexo II desta orde.

Artigo 2º

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

a) Ser español/a e residente en Galicia.

b) Ter unha idade comprendida entre os dezaoito e os vintecinco anos, ámbolos dous incluídos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudios superiores nunha facultade ou nun colexio universitario e ter aprobado integramente dous cursos dos devanditos estudios.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de educador-bolseiro por causa imputable ó solicitante.

e) Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.

Artigo 3º

Os interesados deberán cubri-la solicitude que figura no anexo I, podendo optar soamente por centro/s dunha mesma provincia, remitila e presentala na delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que corresponda, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir da data en que entre en vigor a presente orde.

Artigo 4º

A concesión da bolsa comporta:

a) Aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro de 1995 ata o 30 de xuño de 1996. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ó bolseiro a normal realización dos seus estudios.

b) O pagamento por parte do centro de ata 23.329 ptas. para gastos de matrícula, logo da xustificación do correspondente gasto.

c) O pagamento por parte do centro de ata 11.165 ptas. Para adquisición de libros relacionados cos estudios cursados polos bolseiros, logo de xustificación do gasto.

d) O pagamento por parte do centro da contía de 8.165 ptas/mes durante dez meses.

e) Ó remata-la estadía no centro, seralles entregado pola delegación provincial da consellería e logo do informe favorable do director do centro, un diploma acreditativo das prácticas realizadas.

Artigo 5º

A condición de educador-bolseiro obriga a este a realiza-las tarefas que a dirección do centro lle

encomende en relación coa atención ós acollidos nel, en horario de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.

Artigo 6º

Para a adxudicación de prazas procederase da seguinte maneira:

a) Constituirase unha comisión por cada provincia donde estean os centros, presidida polo respectivo xefe de Servicio de Familia, Infancia e Menores e actuando como vocais un funcionario designado polo delegado e os directores dos centros que deban recibi-los bolseiros. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes datos por orde de preferencia:

-Expediente académico.

-Experiencia en animación sociocultural e coñecementos específicos en actividades deportivas.

-Motivo da solicitude.

-Situación económica da unidade familiar.

-Ter sido educador-bolseiro dalgún centro de atención a menores dependente na actualidade desta consellería.

Terán prioridade os solicitantes con estudios en facultades de psicoloxía, ciencias da educación, psicopedagoxía e escolas universitarias de formación do profesorado de EXB.

b) A comisión competente confeccionará unha lista, por orde de preferencia, das solicitudes recibidas para cada centro, elevando a correspondente proposta de resolución ó delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude no prazo máximo de quince días, contados a partir do remate do prazo de presentación das instancias.

c) A resolución corresponde ó delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, logo da fiscalización da Intervención, e comunicarase tanto ós centros como a tódolos solicitantes. O prazo máximo, para resolver será de 2 meses, contado a partir do día seguinte á data de peche da respectiva convocatoria. Se no dito prazo non se dictase resolución expresa entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

Artigo 7º

Os seleccionados terán un prazo de 10 días desde a notificación da concesión da bolsa para presenta-la seguinte documentación:

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico.

-Acreditación da experiencia na área de animación socio-cultural ou actividades deportivas.

-Fotocopia compulsada da declaración da renda familiar do ano 1994, ou declaración xurada de ingresos e gastos.

-Acreditación, se é o caso, da condición de educador-bolseiro en anos anteriores dalgún centro de menores dependente na actualidade desta consellería.

-Acreditación da domiciliación bancaria, para efectos de pagamento.

A non presentación en prazo da documentación referida ou a non suficiente acreditación dos méritos alegados na solicitude suporá a perda do dereito á bolsa, procedéndose a adxudicarlla ó seguinte solicitante que figura por orde de puntuación na lista confeccionada inicialmente. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se producira algunha vacante nas prazas ofertadas.

No caso de non haber solicitudes para determinado centro ou as que houbera fosen valoradas negativamente, a praza de educador-bolseiro será considerada deserta.

Artigo 8º

A concesión da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Administración e o beneficiario.

Artigo 9º

A condición de bolseiro extínguese ó remata-lo curso académico na data fixada no artigo 4º a) desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.

O incumprimento por parte do bolseiro das súas obrigas, a ausencia inxustificada ou o non cumprimento da disciplina do centro, serán causas da perda da condición de bolseiro para tódolos efectos, por resolución do delegado.

Artigo 10º

Procederase á revogación da axuda e ó conseguinte reintegro dela, mailos xuros de demora no caso de incumprimento das obrigas de xustificación a que se refire a presente orde, a non utilización coa finalidade para a que foi concedida, así como o incumprimento por parte dos educadores-bolseiros de calquera dos requisitos esixidos no articulado desta orde e demais disposicións aplicables.

Disposición adicional

A concesión das bolsas regulada nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral da Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

Relación de centros e prazas de educadores-bolseiros