Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 23 de maio de 1995 Páx. 3.837

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 13 de marzo de 1995 pola que se regulan os criterios de admisión de alumnos de formación profesional marítimo-pesqueira, educación secundaria obrigatoria, ciclos formativos de grao medio e superior en acuicultura e formación náutico-pesqueira na modalidade de formación permanente de adultos, nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para o curso académico 1995-1996.

En virtude das atribucións conferidas polo Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, é competencia desta consellería a fixación de normas de admisión de alumnos nos seus centros docentes.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, no seu artigo 26, establece os criterios obxectivos para a admisión dos alumnos, nos centros de ensino propios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Xa que logo,

DISPOÑO:

Primeiro.-Requisitos de idade e académicos.

Artigo 1º

A convocatoria de postos escolares para os centros docentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura comprende os estudios que para cada especialidade e niveis educativos teñen recoñecidos os devanditos centros. O número de prazas, así como a súa distribución por cursos e especialidades, estará en función das vacantes que para cada curso se determinen.

Artigo 2º

Será condición imprescindible para a admisión nun centro docente, reuni-los requisitos de idade e académicos esixidos pola normativa vixente para o nivel educativo e o curso ó que se pretende acceder.

Para os estudios náutico-pesqueiros na modalidade de formación permanente de adultos, só poderán facelo os alumnos, que teñan cumpridos 17 anos antes do 31 de decembro do ano no que soliciten a admisión e estean en posesión das titulacións suficientes para cada nivel educativo.

Segundo.-Iniciación do procedemento.

Artigo 3º

Os directores dos centros e para os estudios de formación profesional marítimo-pesqueira, educación secundaria obrigatoria e ciclos formativos de grao medio e superior en acuicultura, abrirán un período de admisión de solicitudes que abrangue, en período ordinario, a primeira quincena de xullo e, en período extraordinario, a primeira quincena de setembro.

Artigo 4º

As solicitudes dos aspirantes formalizaranse no modelo oficial que para tal fin facilitarán os centros de ensino náutico-pesqueiro de Ferrol, Vigo, A Illa de Arousa e Ribeira e as delegacións territoriais e comarcais desta consellería. Xunto coa solicitude presentarase:

-Fotocopia do DNI do solicitante.

-Fotocopia dalgún documento que acredite reuni-los requisitos académicos necesarios: certificado de estudios, título, libro de escolaridade ou, se é o caso, certificado da actividade profesional.

-Fotocopia da primeira folla da libreta de inscrición marítima (para os alumnos na modalidade de formación permanente de adultos).

-Certificado médico oficial ou fotocopia da folla de recoñecemento médico previo ó embarque.

-Calquera outro xustificante a ter en conta nos criterios prioritarios e complementarios, para a súa posterior valoración pola comisión cualificadora.

Artigo 5º

As solicitudes de admisión presentaranse nos rexistros dos centros docentes da consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura onde se vai formaliza-la matrícula, ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro do prazo establecido no artigo 3º.

Terceiro.-Criterios de admisión.

Artigo 6º

Cando o número de solicitudes supere a dispoñibilidade de postos escolares, os alumnos serán admitidos por orde rigorosa de puntuación e segundo o baremo fixado para os criterios prioritarios e complementarios, que se especifican no anexo da presente orde.

Criterios prioritarios:

a) Rendemento académico.

b) Días de embarque (para formación permanente de adultos).

c) Irmáns do solicitante matriculados no centro.

d) Proximidade do domicilio ó centro docente.

Criterios complementarios:

a) Condición de emigrante retornado do alumno, os seus pais ou titores, nos tres últimos anos.

b) Situación de familia numerosa.

c) Idade (para alumnos de formación permanente de adultos).

d) Renda da unidade familiar.

Cuarto.-Adxudicación de prazas.

Artigo 7º

A valoración das solicitudes efectuaraa unha comisión cualificadora que estará formada por:

-O director do centro, que actuará como presidente.

-O xefe de estudios.

-Un pai de alumnos membro do consello escolar.

-Dous profesores do centro, membros do consello escolar.

-Un representante da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

-O secretario do centro docente, que actuará como secretario da comisión, con voz e voto.

En caso de empate dirimirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 8º

A lista de admitidos farase pública no taboleiro de anuncios dos centros docentes e nas delegacións territoriais e comarcais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a partir do 18 de setembro.

Contra esta lista abrirase un prazo de reclamacións de 3 días naturais que se contará desde a súa publicación. As reclamacións serán resoltas nun prazo de 3 días naturais pola comisión. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no prazo de 30 días.

Artigo 9º

A concesión ou denegación de praza seralles notificada ós interesados de acordo co disposto no artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º

Queda totalmente prohibida a incorporación de alumnos sen reserva mentres non se esgote a relación de alumnos suplentes nas distintas especialidades.

Ós titulados universitarios que opten a prazas para cursa-los ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica tan só se lles admitirá a súa petición se o centro dispón de prazas vacantes despois de cubri-la demanda educativa.

Quinto.-Prazos de matrícula.

Artigo 11º

Os alumnos que renoven matrícula no centro para un curso superior e teñan aprobadas tódalas disciplinas na convocatoria de xuño, formalizarán a súa matrícula na primeira quincena de setembro.

A matrícula dos alumnos admitidos por primeira vez no centro para cursa-las ensinanzas de formación profesional marítimo-pesqueira, educación secundaria obrigatoria e ciclos formativos de grao medio e superior en acuicultura, realizarase do 26 ó 29 de setembro.

O prazo de matrícula correspondente ós alumnos de formación náutico-pesqueira na modalidade de formación permanente de adultos será do 4 ó 22 de setembro, ámbolos dous incluídos.

Artigo 12º

Excepcionalmente, e por motivos xuxtificados, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá prorroga-lo prazo de matrícula na modalidade de formación permanente de adultos e ciclos formativos de formación profesional específica.

Sexto.- Incorporación.

Artigo 13º

1. Os alumnos incorporaranse á praza obtida unicamente para cursa-los estudios que solicitaron.

2. Os alumnos incorporados quedarán suxeitos ás normas de réxime interno do centro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dictar tódalas normas que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

BAREMO

Criterios prioritarios.

-Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

-Nota media de notable: 3 puntos.

-Nota media de ben: 2 puntos.

-Nota media de suficiente: 1 punto.

Embarque (para alumnos de formación permanente de adultos).

-Máis de 700 días: 5 puntos.

-De 500 a 700: 4 puntos.

-De 300 a 500: 3 puntos.

-De 100 a 300: 2 puntos.

-De 50 a 100: 1 punto.

Existencia de irmáns no centro:

Ós aspirantes que teñan irmáns matriculados no centro engadiránselles 2 puntos por cada un deles.

Proximidade do domicilio:

-Alumnos con domicilio na zona de influencia do centro: 4 puntos.

-Alumnos con domicilio nas zonas limítrofes do centro: 3 puntos.

Criterios complementarios:

-Condición de emigrante retornado do alumno, dos seu pais ou titores nos tres últimos anos: 2 puntos.

-Situación de familia numerosa: 2 puntos.

Idade (para alumnos de formación permanente de adultos).

-Maiores de 25 anos: 3 puntos.

-Entre 20 e 25 anos: 2 puntos.

-Menores de 20 anos: 1 punto.

Renda familiar.

(Xuntarase fotocopia da folla de liquidación do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar, correspondente ó último exercicio. Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada, aportarase fotocopia de ámbalas follas de declaración. No caso de estar exento da

declaración, o alumno presentará unha certificación de Facenda onde se acredite tal extremo).

-Rendas iguais ou inferiores ó salario mínimo interprofesional: 2 puntos.

-Rendas superiores ó salario mínimo interprofesional que non supere o dobre deste: 1 punto.

En ningún caso se computarán as circunstancias alegadas e non xustificadas debidamente.