Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 23 de maio de 1995 Páx. 3.836

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 135/1995, do 10 de maio, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación das liñas eléctricas aéreas a 20 kV ó C. T. proxectado en Pereiras, e ó C. T. proxectado en Outeiro, ámbalas dúas no concello da Cañiza (Pontevedra). (Expediente número 153/1989).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificación na rúa Fernando Macías, número 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción das liñas eléctricas aéreas a 20 kV, conductor LA-30 de 31,1 mm de sección total, apoios de formigón e metálicos e tomas de terra, a primeira de 450 metros de lonxitude, con orixe na L.M.T. A Cañiza-Prado e remate no C.T. proxectado en Pereiras, e a segunda de 549 metros con orixe na anterior liña en remate no C.T. que se proxecta en Outeiro; ámbalas dúas no concello da Cañiza (Pontevedra); expediente número 153/1989.

As ditas instalacións autorizáronse, declaráronse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 21-11-1989, a cal foi obxecto de publicación inseríndose no DOG do 9-3-1990, no BOP de Pontevedra do 16-2-1990, e no BOE do 15-12-1989.

A solicitude de urxente ocupación fíxose segundo o disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coas relacións de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no xornal El Faro de Vigo, do 22-7-1993, no BOP de Pontevedra do 12-8-1993, no DOG do 3-3-1994, e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello da Cañiza e nos da delegación provincial referida; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran nas ditas relacións, agás ó titular do predio número: 15 da liña ó C.T. de Pereiras, e ós dos predios números: 1, 5 e 19 da L.M.T. ó C.T. de Outeiro, que por resultaren descoñecidos, déuselle traslado das actuacións efectuadas ó Ministerio Fiscal, segundo o artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966,

do 20 de outubro; durante o período no que se someteu a trámite de información pública non se formularon alegacións nin se produciu incidente de ningún tipo.

Unha vez efectuada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación destas liñas, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os ques se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Cóidase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con estas liñas se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo ás constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-las instalacións proxectadas e propostas por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., das liñas eléctricas aéreas a 20 kV ó C.T. de Pereiras e ó C.T. de Outeiro.

Os bens e dereitos que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal da Cañiza (Pontevedra) e son tódolos que figuran nas relacións presentadas pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio