Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 22 de maio de 1995 Páx. 3.802

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de maio de 1995 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións de formación ocupacional cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio de 1995.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da DirecciÓn Xeral de Formación e Emprego, o exercicio das competencias e funcións de que dispón a Xunta de Galicia, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional.

Así, o Decreto 52/1994, do 4 de marzo, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da antedita consellería en materia de formación, promoción de emprego e fomento da economía social, contempla, no seu Art. 5, as axudas á formación ocupacional e orientación profesional e preconiza a necesidade de que a concesión delas se efectúe de conformidade cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, en aplicación do disposto no Art. 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, á que se axusta a presente convocatoria.

Pola súa banda, o Regulamento (CEE) nº 2084/1993, do 20 de xullo de 1993, polo que se modifica o número 4255/1988, polo que se aproban as disposicións de aplicación, no relativo ó Fondo Social Europeo, no seu Art. 1 e dentro do obxectivo 3 dos Fondos Estructurais (combate-lo paro de longa duración e facilita-la inserción profesional dos xoves e das persoas expostas á exclusión do mercado laboral), sinala como unha das accións prioritarias a formación ocupacional, así como a creación de estructuras axeitadas de formación.

Esta orde pretende concreta-los principios xerais contidos no antedito decreto no relativo ás axudas dirixidas ós cursos de formación ocupacional para os traballadores desempregados, así como darlles un carácter continuista e complementario a estas accións formativas respecto daquelas xa impartidas en exercicios anteriores co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, ou das que se vaian establecer no marco do Plan de Emprego Xuvenil.

O financiamento destas axudas realizarase con cargo ós creditos dos programas 14.04.222A.473 e 14.04.222A.480, que figuran na Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1995.

Consecuentemente con todo o anterior, e facendo uso da autorización expresa contida na disposición derradeira primeira do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, consultada a Comisión da Unión Europea, o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-profesionais, o

Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego da Xuventude, en exercicio das facultades que me confire o Art. 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas que se rexerá a convocatoria pública para a execución de accións de formación ocupacional cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Artigo 2º.-Xestión e execución.

1. A xestión das accións previstas na presente orde correspóndelle á Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Formación e Emprego, e a súa impartición realizarase nos centros de formación profesional de titularidade da Xunta de Galicia.

2. Poderán colaborar na impartición das accións previstas no presente programa e, consecuentemente, solicita-la súa inclusión na programación:

a) As centrais sindicais e organizacións empresariais legalmente constituídas, ben por si mesmas ou conxuntamente.

b) As entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As asociacións e outras entidades de carácter social que carezan de ánimo de lucro.

d) As empresas, exclusivamente para a formación de activos.

3. As entidades sinaladas no parágrafo anterior que

obteñan a concesión de axudas para a impartición de accións previstas na presente orde non poderán subcontratar ou ceder a un terceiro a súa impartición.

Artigo 3º.-Colectivos beneficiarios.

Poderán participar nas accións previstas na presente orde os seguintes colectivos:

a) Desempregados maiores de vintecinco anos, en especial os que leven inscritos máis de un ano como parados, e desempregados menores de vintecinco anos.

b) Técnicos de xestión para pequenas e medianas empresas e empresas agrarias e outros traballadores en activo.

Artigo 4º.-Seleción de alumnos.

1. Con carácter xeral, o número de alumnos participantes en cada curso será de 15, non podendo iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12.

2. A entidade que vaia imparti-lo curso realizará unha convocatoria pública mediante modelo normalizado, na que necesariamente deberá facerse consta-lo financiamento da acción por parte da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, polo menos a través dun dos xornais de maior tirada da provincia, e efectuará a selección entre os que acudan á mesma de

conformidade cos criterios predeterminados na memoria e que deberá poñer en coñecemento dos candidatos antes da súa realización, tendo en conta que os alumnos seleccionados deben ser, se é o caso, desempregados inscritos nalgunha das oficinas de emprego do INEM con anterioridade á data de inicio do curso, levantando a correspondente acta que deberá remitirse á Dirección Xeral de Formación e Emprego ou á respectiva delegación provincial, con 7 días de antelación ó comezo dos cursos.

Os anuncios, antes da súa publicación, deberán remitirse ós servicios de formación e emprego das anteditas delegacións, para a comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos no presente artigo. Sen o visto e prace dos xefes de servicio non poderá publicarse ningún anuncio.

3. De conformidade cos obxectivos establecidos no Plan de Emprego Xuvenil, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 21 de abril de 1994, procurarase que, como mínimo, o 60 por 100 dos alumnos das accións formativas de cada entidade teñan menos de 30 anos.

4. Os alumnos deberán incorporarse ás clases na data de iniciación do curso. De non se incorporar dentro dos sete primeiros días ou de producirse baixas dentro do primeiro cuarto del, poderán substituírse por alumnos procedentes da convocatoria pública, sempre que teñan o nivel de acceso correspondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso a persoa responsable deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do alumno.

5. Os cursos nos que a pesar de que se intentase completa-lo número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50 por 100 do número programado, poderán ser suspendidos polo órgano en cada caso competente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude. Neste suposto a entidade terá dereito a unha indemnización que será proposta pola comisión de avaliación prevista no artigo 12 e será aprobada pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou polo respectivo delegado provincial, calculada en función das circunstancias concorrentes en cada caso.

6. Os alumnos que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente, nin causar baixa nun para poder acceder a outro.

Artigo 5º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e desenvolveranse, agás no caso de activos, preferentemente en horario de mañá, e a parte práctica do correspondente programa deberá realizarse, cando a natureza da especialidade así o esixa, en aulas-taller axeitadas ou en empresas.

2. Con carácter xeral as accións formativas deberán estar comprendidas no ficheiro de especialidades e terán un mínimo de 200 horas, non podendo ter unha duración superior a 900, agás aquelas accións que leven implícito un compromiso de contratación, caso

no que poderá reducirse o número mínimo sinalado anteriormente.

Artigo 6º.-Formación de formadores.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, co fin de mellora-la calidade da formación profesional ocupacional, establecerá actuacións encamiñadas a complementa-la formación inicial, subministrar unha formación inicial didáctica ou facilita-la actualización técnico-pedagóxica do profesorado e dos expertos docentes.

Artigo 7º.-Iniciación e remate.

As accións formativas deberán iniciarse, necesariamente, antes do 30 de novembro de 1995 e rematarse como data límite o 28 de febreiro de 1996, debendo estar xustificados os custos inherentes a elas, mediante certificación do xefe do Servicio Administrativo de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Emprego, nos servicios centrais, e do xefe de Servicio de Formación e Emprego nas respectivas delegacións provinciais, o 15 de marzo de 1996.

Artigo 8º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente orde serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. As anteditas subvencións terán unha contía máxima por cada curso que se concretará no producto do número de horas do mesmo polo importe do módulo que lle corresponda ó propio curso. Os módulos, que se fixarán por resolución do director xeral de Formación e Emprego, asignaranse a cada curso segundo a súa clasificación en función do seu nivel formativo do grao de dificultade da técnica utilizada.

3. Computaranse como alumnos que remataron o curso aqueles que precisen abandonalo antes da súa finalización por atoparen un emprego ou ocupación productiva, sempre que se acredite documentalmente tal dato e o número de alumnos que o rematen non supere o do previsto para o mesmo.

4. Sobre as partes «A» e «B» do módulo efectivamente gastadas e xustificadas poderá calcularse un 10 por 100 correspondente ós gastos de difícil xustificación. Este importe deberá imputarse, en todo caso, á parte «A» do módulo.

A cantidade global resultante, despois de efectuada a antedita aplicación, non poderá ser superior ó importe da subvención máxima deducido segundo as regras do parágrafo segundo do presente artigo.

5. A percepción da subvención prevista no presente artigo, que financia o 100 por 100 dos custos xerados pola impartición da acción formativa, será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.

Artigo 9º.-Módulos subvencionables.

1. O módulo correspondente a cada curso constará de tres partes: «A» referida ós custos de persoal, «B» referida ó resto dos custos aboables do curso e «C» referida ás bolsas e axudas ós alumnos. A cada unha

destas partes fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual á do módulo completo.

2. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «A» do módulo, os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de profesorado, comprendendo os soldos ou honorarios do persoal docente incluíndo os gastos de Seguridade Social. Cando a totalidade do curso sexa impartido por un único docente acudirase preferentemente a unha contratación laboral, permitíndose a utilización de contratos civís ou mercantís para os profesores que impartan partes del.

b) Gastos de preparación, seguimento e control do curso e, en xeral, das actividades de coordinación sen que poida superarse, en ningún caso, o 10 por 100 da parte «A» do módulo.

c) Gastos de persoal directivo e administrativo estrictamente necesario, sen que poidan superar, en ningún caso, o 10 por 100 desta parte «A» do módulo.

3. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «B» do módulo, os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos, comprendendo o importe das pólizas ou primas correspondentes a tódolos alumnos asistentes, polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso e/ou das prácticas non laborais en empresas.

b) Gastos de medios e materiais didácticos como textos e materiais dun só uso polo alumno, e os materiais de traballo funxible utilizados durante as actividades de formación.

c) Gastos de amortización de equipos e ferramentas de duración superior a un exercicio anual.

En ningún caso os gastos de amortización dos bens, que terán unha relación directa coa actividade docente da entidade ou das prácticas nas empresas, poderá superar unha imputación do 25 por 100 da parte «B» do módulo.

A Dirección Xeral de Formación e Emprego ou a respectiva delegación provincial, poderán esixi-la xustificación das avaliacións.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos xerais, comprendendo aqueles gastos que, sen estaren incluídos nas alíneas anteriores, deban imputarse ou teñan a súa orixe na actividade do curso: alugueiros e seguros, tanto de instalacións coma de maquinaria; teléfonos e comunicacións; gastos de administración da entidade necesarios para a posta en funcionamento e permanencia dos cursos; e publicidade expresamente demandada para a execución dos cursos aprobados e programados.

4. A parte «C» do módulo estará constituída polas bolsas, cando se trate de desempregados minusválidos,

e as axudas de transporte, manutención e aloxamento ós alumnos, ás que terán dereito de conformidade coas normas que en desenvolvemento da presente orde dicte a Dirección Xeral de Formación e Emprego e sempre que a partir do comezo do curso correspondente, poidan acreditar, de modo suficiente, atoparse nos supostos de concesión, e a duración do curso sexa superior a catro horas diarias e vinte semanais.

Artigo 10º.-Solicitudes.

1. As entidades que, estando incluídas no artigo 2, desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas na presente orde, deberán formaliza-la correspondente solicitude por triplicado no modelo normalizado que se publica como anexo I á presente orde e que se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Emprego ou en calquera das oficinas administrativas de información ó cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado, e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado segundo o anexo II.

b) Memoria detallada xustificativa da acción no modelo normalizado que se publica como anexo III á presente orde, na que se farán consta-los criterios a utilizar para a selección dos alumnos.

c) Se é o caso, compromiso de contratación asumido pola entidade impartidora ou por aquela que vaia contrata-los alumnos formados.

d) Declaración expresa subscrita polo titular ou polo representante legal da entidade, de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

e) Declaración pola que se expresa a aceptación das actuacións de comprobación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

f) No caso de ter impartido cursos incluídos na programación da consellería correspondentes ós exercicios de 1993 e 1994 deberán informar sobre o grao de inserción laboral acadado polos alumnos formados.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de un mes, a contar desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación aportada conteña erros ou sexa insuficiente, procederase, da forma prevista no artigo 10.2º do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 12º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no artigo 9 e seguintes do antedito decreto coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados nos parágrafos 1º e 2º do artigo 10 do antedito decreto, os expedientes remitiránselle á comisión de avaliación para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos previstos no presente artigo a comisión de avaliación estará composta:

a) Nas delegacións provinciais, polo xefe do Servicio de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o xefe de sección competente en materia de programación de formación ocupacional, que actuará como secretario, e un funcionario designado polo delegado da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de entre o persoal adscrito á mesma.

b) Nos servicios centrais, polo director xeral de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o subdirector xeral de Formación Ocupacional e os xefes dos servicios técnicos, que actuarán como secretario, e administrativo de Formación Ocupacional.

4. A comisión de avaliación á hora de barema-las solicitudes terá en conta, como prioritarios, os seguintes criterios:

a) A existencia de compromiso de contratación.

b) A impartición de accións formativas en exercicios anteriores cun grao de cumprimento, de calidade da formación impartida e de colocación de alumnos satisfactorio a xuízo da Dirección Xeral de Formación e Emprego.

c) A adecuación ás necesidades de formación detectadas no territorio para o que se solicitan as accións formativas.

d) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais en empresas, axeitadas ós coñecementos impartidos.

e) A realización de cursos modulares integrados nun itinerario formativo.

f) A inclusión de módulos de orientación e información profesional, contendo información sobre as posibilidades de emprego abertas trala formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

g) A realización, acreditada, de actuacións previas tendentes a detecta-las necesidades de formación nas especialidades a impartir entre as empresas do sector co fin de acada-la promoción ou inserción laboral dos alumnos no mercado de traballo.

h) A inclusión de accións que se leven a cabo en comarcas que teñan actuacións especiais en desenvolvemento do Plan de Comarcalización.

i) A realización de accións dirixidas ós colectivos máis desfavorecidos no emprego.

j) A poboación e o número de desempregados do territorio para o que se solicitan os cursos.

k) A existencia doutros recursos formativos na zona.

Artigo 13º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da comisión de avaliación, e do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle á conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou ós respectivos delegados provinciais, segundo se subscriba ou non convenio de colaboración ou cooperación, e deberán de ser notificadas ós interesados.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de catro meses a contar desde o día seguinte ó de remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaera resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderán efectuarse resolucións, complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro do mesmo ou cando existisen fondos provenintes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas.

Artigo 14º.-Obrigas.

Ademais das obrigas establecidas no artigo 14 do antedito decreto e no artigo 11 do Real decreto 631/1993, do 3 de maio, os beneficiarios das axudas deberán:

a) Cando se trate de entidades con ánimo de lucro acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ó cobramento das subvencións, que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Remitir, dentro dos 7 días anteriores ó comezo dos cursos, á respectiva delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude o programa docente completo, estructurado por módulos, indicando o tempo en horas de cada un deles, así como os contidos teórico-prácticos do mesmo. Deberán remitirse así mesmo as datas de inicio dos cursos, de clausura e o horario así como o profesorado, cando non coincidan coas sinaladas na solicitude, así como o resultado da selección dos alumnos.

Toda esta documentación será devolta pola delegación co visto e prace do xefe de servicio de formación e emprego e deberá expoñerse no taboleiro de anuncios do centro. Calquera modificación posterior destas circunstancias deberá ser autorizada previamente pola delegación provincial correspondente.

c) Remitir, no, prazo de 10 días a partir do inicio dos cursos, as fichas do sistema informático de formación ocupacional (SIFO) así como unha relación

dos alumnos que teñan dereito á bolsa ou ás axudas previstas no artigo 9, así como a documentación xustificativa de atoparse nos supostos de concesión.

d) Aboarlles mensualmente ós alumnos que teñan dereito a algunha das axudas previstas no artigo 9 o importe delas, así como ós profesores a súa remuneración, aínda que non percibiran o 80 por 100 da axuda en concepto de anticipo.

e) Realizar un informe da situación laboral dos alumnos formados, unha vez transcorridos 6 meses e un ano desde a finalización do curso, co fin de coñece-la súa porcentaxe de colocación.

f) Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, tanto no relativo ó desenvolvemento da acción formativa como á súa xestión e tramitación administrativa e documental.

g) Contratar un seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso ou das prácticas non laborais en empresas.

h) Realizar unha memoria, descritiva do desenvolvemento dos cursos unha vez finalizados.

Artigo 15º.-Pagamento.

O aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata un 80 por 100 do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, unha vez deducido, se procede, o importe correspondente ás bolsas e ás axudas por desprazamento e/ou manutención daqueles alumnos que non teñan dereito a ela, no momento no que a delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou a Dirección Xeral de Formación e Emprego, reciban comunicación da entidade impartidora notificando o inicio de tódolos cursos, así como a documentación sinalada nas alíneas a) e c) do artigo anterior.

b) O resto, unha vez rematada a acción formativa e recibida a certificación, en modelo normalizado, do responsable da entidade por conceptos orzamentarios dos gastos realmente efectuados.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das subvencións contempladas na presente orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento no que as comisións de avaliación teñan que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o respectivo delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou o director xeral de Formación e Emprego, segundo proceda, e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Terceira.-A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá financia-la elaboración do diagnóstico de necesidades e de plans de formación ocupacional e de reciclaxe profesional naqueles sectores productivos que coide oportuno, nos ámbitos local, comarcal e autonómico.

Cuarta.-Tódalas entidades públicas ou privadas que subscriban un convenio de colaboración ou cooperación coa Consellería de Familia, Muller e Xuventude para o desenvolvemento de accións incluídas na programación de 1994, deberán presenta-la correspondente solicitude, de conformidade coas disposicións contidas na presente orde, para poder desenvolver accións da programación de 1995.

Quinta.-A Dirección Xeral de Formación e Emprego poderá impartir cursos correspondentes á súa programación de medios propios en instalacións alugadas, sempre que reúnan as condicións que permitan garantir un mínimo de calidade e non dispoña de medios materiais e dotacións nos centros da súa titularidade para acometer actuacións urxentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude