Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 1995 Páx. 3.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 1995, da Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio, pola que se dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio de colaboración subscrito entre a devandita consellería e o Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente sobre actuacións en materia de descontaminación de solos.

Visto o texto do convenio de colaboración sobre actuacións de descontaminación de solos no marco do Plan Nacional de Recuperación de Solos Con

taminados 1995-2005, que se suscribía o 27 de febreiro de 1995 entre o Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente e maila Consellería de Industria e Comercio, e de conformidade co disposto na súa cláusula décimo terceira, a Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio resolve, dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 1995.

Manuel Barreiro Barbeito

Secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio

ANEXO

Convenio entre o Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente e a Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia sobre actuacións de descontaminación de solos.

(Plan Nacional de Recuperación de Solos Contaminados 1995-2005)

En Madrid o 27 de febreiro de 1995,

REUNIDOS:

Dunha parte José Borrel Fontelles, ministro de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, cargo para o que foi nomeado polo Real decreto 1175/1993, do 13 de xullo.

Doutra parte Antonio Couceiro Méndez, conselleiro de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia,

EXPOÑEN:

1. A Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Política Ambiental, ten encomendada polo Real decreto 1671/1993, do 24 de setembro, o impulso e coordinación de actuacións integradas para a protección do medio ambiente.

2. A Consellería de Industria e Comercio actúa en virtude da competencia que en materia de medio ambiente asumiu a Comunidade de Galicia, o Estatuto de autonomía da cal, no seu artigo 27.30º sinala que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1º 23 da Constitución.

3. En materia de residuos tóxicos e perigosos, correspóndelle á Administración xeral do Estado formular un Plan Nacional de Residuos Tóxicos e Perigosos (artigo 11 Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos). De acordo co programa 6 do Plan Nacional de Industriais aprobado en 1989, elaborouse o Primeiro Inventario Nacional de Solos Contaminados que puxo de manifesto a necesidade de intervir por parte das administracións

públicas na resolución dos problemas derivados da contaminación dos ditos solos. É por iso polo que o Consello de Ministros de data 17 de febreiro de 1995 aproba o Plan Nacional de Recuperación de Solos Contaminados 1995-2005.

4. A Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda e a Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia coinciden na necesidade de promove-las actuacións no marco do dito plan e acordan conforme o establecido polo artigo 6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, subscribi-lo presente convenio con suxeición ás seguintes,

CLÁUSULAS:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto deste convenio é establece-las condicións básicas para a colaboración entre a Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda e a Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia no financiamento da redacción de proxectos, incluídos os estudios preliminares e os recoñecementos de detalle, e execución de obras de descontaminación de solos contaminados determinadas pola Comunidade Autónoma e que se relacionan no anexo I, segundo establece a cláusula sexta deste convenio. Esta relación ten carácter provisional ata que se culmine o proceso de caracterización e priorización de solos contaminados de conformidade coas comunidades autónomas, segundo o establecido no Plan Nacional de Recuperación de Solos Contaminados 1995-2005 aprobado polo Consello de Ministros na súa reunión do día 17 de febreiro de 1995. Coa información de que dispoña, e que se enviará á Comisión Bilateral de Seguimento, a Comunidade Autónoma poderá efectua-la revisión prevista do anexo I

cada dous anos durante o período de vixencia do plan.

Segunda.-Financiamento.

O importe total asignado ó Plan Nacional de Recuperación de Solos Contaminados 1995-2005 ascende a 132.000 millóns de pesetas.

O Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente financiará o 50% do dito plan con cargo ó seu orzamento, segundo as dispoñibilidades orzamentarias anuais de que dispoña, ou canalizando recursos do Fondo de Cohesión para proxectos das comunidades autónomas.

A Comunidade Autónoma de Galicia financiará o 50% ben con cargo a fondos propios orzamentarios ou incorporando a aportación de fondos privados.

Terceira.-Actuacións previstas para o ano 1995.

No presente ano orzamentario 1995, as actuacións que se asumen polo presente convenio, cofinanciadas ó 50% con cargo ó orzamento do Ministerio de

Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, recóllense no anexo II.

Cuarta.-Acceso ós Fondos de Cohesión.

A Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda, no marco do acordo adoptado polo Consello de Política Fiscal e Financeira do 21 de novembro de 1994, comprométese a presentar ó Fondo de Cohesión proxectos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia que resulten conformes co Plan Nacional de Recuperación de Solos Contaminados e cos requirimentos comprendidos no Regulamento (CE) nº 1164, do consello, do 16 de maio, polo que se crea o dito fondo. Tales proxectos deberán ser presentados polas comunidades autónomas na Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, antes do día 15 de febreiro de cada ano.

Os proxectos da anexo I presentados ó Fondo de Cohesión e elixidos pola Unión Europea para tal financiamento, serán obxecto dun acordo específico entre as partes deste convenio e o Ministerio de Economía e Facenda. O dito acordo ten a finalidade exclusiva de garanti-lo necesario seguimento financeiro e a responsabilidade das administracións perante o Fondo de Cohesión.

A Comunidade Autónoma de Galicia comprométese, para aqueles proxectos que sexan subvencionados polo Fondo de Cohesión, a cumpri-lo preceptuado no Regulamento (CE) nº 1164/1994, do consello, do 16 de maio, polo que se crea o dito fondo e nos anexos á Decisión da Comisión da Unión Europea, e en particular no referente á devolución das cantidades que foran aboadas indebidamente por erro ou incumprimento do estipulado na decisión correspondente.

Quinta.-Requisitos das actuacións.

a) Accesibilidade ós terreos: a obtención das autorizacións ou permisos para acceder ós terreos para a realización dos proxectos e execución das obras, así como o financiamento dos gastos inherentes a iso, será responsabilidade da Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Plusvalías: se a descontaminación de solos levase aparellada unha plusvalía deles (por exemplo, a causa, dunha posterior recualificación de solo industrial en solo urbano), a Comunidade Autónoma de Galicia realizará as oportunas actuacións de forma que se produza unha reversión da mesma ó erario público. Tales recursos serán preferentemente empregados en novas actuacións de descontaminación de solos. Cando o solo sexa de titularidade estatal actuarase de forma similar ó expresado anteriormente.

Sexta.-Criterios para a distribución territorial do financiamento.

Os criterios de referencia para a distribución territorial do financiamento son os recollidos na metodoloxía de xerarquización do Inventario Nacional

de Solos Contaminados, segundo o acordado, pola Conferencia Sectorial de Medio Ambiente do 19 de setembro de 1994 e que se inclúe no anexo III adxunto a este convenio. Non obstante, de acordo coas revisións que se mencionan na cláusula primeira, e por acordo explícito da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, poderán variarse os ditos criterios.

Sétima.-Comisión Bilateral de Seguimento.

Constituirase unha Comisión Bilateral de Seguimento deste convenio, que se reunirá polo menos unha vez ó trimestre e, se é o caso, cando unha das partes o solicite.

A comisión estará formada polos seguintes membros:

Presidentes: o director xeral de Política Ambiental da Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda e o director xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A presidencia exercerase en quendas rotatorias de seis meses de duración cada unha, polos cargos antes indicados. O cargo que non exerza a presidencia ocupará a vicepresidencia.

Vocais: dous representantes da Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda e dous representantes da Consellería de Industria e Comercio, actuando un deles de secretario, de forma rotatoria por períodos de seis meses.

Poderán designarse por cada unha das partes deste convenio suplentes dos membros da comisión cando o seus titulares non poidan asistir ás reunións. Tamén poderán asistir ás reunións da comisión aqueles técnicos que a propia Comisión Bilateral de Seguimento xulgue conveniente.

As funcións da comisión serán as seguintes:

a) Elevar ós órganos superiores as modificacións nos anexos que puideran producirse conforme o establecido na cláusula novena do presente convenio.

b) Ter coñecemento dos lugares contaminados sobre os que a Comunidade Autónoma de Galicia programou actuar prioritariamente, así como definir anualmente, se é o caso, a aportación económica de cada unha das partes.

c) Analiza-los proxectos de descontaminación sobre os que se vai actuar.

d) Interpretar, no caso de dúbida, o contido do presente convenio e, en consecuencia, propoñe-las decisións oportunas acerca das variacións ou cambios aconsellables na execución de cada un dos proxectos ou obras.

e) O seguimento do programa de actuacións do convenio propoñéndolles ás respectivas administracións as variacións que se consideren precisas. Para o efecto, o órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia informará trimestralmente ós membros da comisión da evolución dos proxectos e das obras en execución.

Oitava.-Contratación.

Os órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia contratarán, de acordo coa normativa vixente, as obras de descontaminación dos solos que figuran no anexo I adxunto ó presente convenio.

O anexo I citado no apartado anterior poderá ser ampliado cando se produzan no futuro novas caracterizacións e priorizacións de emprazamentos.

Novena.-Incidencias nas actuacións.

A supresión dalgunha das obras prevista ou a adición doutras distintas ás programadas para cada ano, sempre a iniciativa da Comunidade Autónoma, comunicaráselle á Comisión Bilateral de Seguimento, e en ningún caso poderá supoñer ningunha variación na contía nin na porcentaxe establecida no plan.

Décima.-Natureza do convenio.

O presente convenio posúe natureza administrativa, rexendo na súa interpretación e desenvolvemento o ordenamento xurídico administrativo, con expresa submisión das partes á xurisdicción contencioso-administrativa nos termos que establece o artigo 8.3º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En todo caso, con carácter supletorio, será de aplicación o disposto no vixente texto articulado da Lei de contratos do Estado e o seu regulamento.

Undécima.-Vixencia do convenio.

O presente convenio entrará en vigor a partir da data da súa formalización e rematará na data de finalización do Plan Nacional de Recuperación de Solos Contaminados indicado no primeiro parágrafo da cláusula primeira.

Duodécima.-Causas de extinción.

O presente convenio extinguirase, ademais de pola prevista na cláusula anterior, polas seguintes causas:

a) Se resultase imposible a realización das obras obxecto deste convenio.

b) Se ó longo do seu período de duración se producisen circunstancias que fixesen imposible ou innecesari a realización das actuacións previstas.

Décimo terceira.-Publicación do convenio.

O presente convenio publicarase no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

José Borrell FontellesAntonio Couceiro Méndez

Ministro de Obras Públicas,Conselleiro de Industria

Transportes e Medio Ambientee Comercio

ANEXO II

ACTUACIÓNS PROGRAMADAS PARA O ANO 1995

QUE SE COFINANCIAN ENTRE A

SECRETARÍA DE ESTADO DE MEDIO

AMBIENTE E VIVENDA E A COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

-Recuperación de terreos en Mos (Pontevedra).

Iniciación da actuación: 25,0 MM/ptas.

-Recuperación de terreos no Burgo. Culleredo (A Coruña).

Redacción do proxecto: 12,0 MM/ptas.

-Recuperación de terreos en Sabón. Arteixo (A Coruña).

-Redacción do proxecto: 6,0 MM/ptas.

-Recuperación de terreos en Teixeiro. Curtis (A Coruña).

Redacción do proxecto: 7,0 MM/ptas.

TOTAL ANO 1995: 50,0 MM/ptas.

ANEXO III

CRITERIOS OBXECTIVOS PARA A DISTRIBUCIÓN

TERRITORIAL DO FINANCIAMENTO

METODOLOXÍA DE XERARQUIZACIÓN

DE ESPACIOS CONTAMINADOS

1. Introducción.

O sistema de xerarquización permite clasificar, con criterios uniformes, o risco potencial (relativo á saú

de, ó medio ambiente ou ós recursos naturais) que implican, por unha parte, as actividades industriais que son susceptibles de producir contaminación do solo e, por outra, os espacios potencialmente contaminados.

Os criterios de xerarquización baséanse na prioridade integral ou total de cada espacio contaminado, que se obtén baseándose nos riscos existentes no propio emprazamento (on-site) e na afección que xeran no seu contorno (off-site), todo isto considerando, entre outros parámetros, a hidroxeoloxía, o uso dos terreos e a toxicidade e mobilidade dos contaminantes.

A metodoloxía de xerarquización aplicouse, por primeira vez, en España no primeiro Inventario Nacional de Espacios Contaminados partindo da información obtida dos organismos centrais, comunidades autónomas e provincias, como resposta ás enquisas enviadas ós concellos. A clasificación resultante axudou a selecciona-los lugares nos que posteriormente se procedeu á caracterización en campo.

Realizados os traballos de campo e coa información recollida durante a investigación, efectuouse un novo proceso, obtendo así a xerarquización final do estudio.

2. Metodoloxía para a xerarquización.

2.1. Xerarquización de actividades industriais.

Para clasificar por orde de prioridade actividades que poidan producir contaminación do solo teranse en conta os seguintes factores:

a) Probabilidade real da contaminación, definida a nivel teórico polo tipo de actividade (procedementos e materiais empregados), baseándose na experiencia holandesa sobre as causas da contaminación do solo e as augas subterráneas.

b) Tamaño da actividade, definido polo número de empregados e o seu consumo enerxético baseándose nos datos tomados do rexistro do MINER.

c) Potencial do foco contaminante, resultante de combina-la probabilidade de contaminación e o tamaño da actividade.

d) Toxicidade das posibles substancias contaminantes, que se combina co potencial do foco contaminante para deduci-la puntuación definitiva.

e) Prioridade do foco contaminante (no lugar), que se obtén da combinación do potencial do foco contaminante e a puntuación da toxicidade.

2.2. Xerarquización de espacios potencialmente contaminados.

A xerarquización dos espacios fúndase principalmente no informe obtido especificamente na caracterización (a través dos datos reflectidos na ficha tipo) e utiliza avaliacións teóricas só en caso de que non se dispoña de información.

A prioridade total dun espacio vén definida polo grao de contaminación que se presente, tanto dentro como fóra del, isto é, da prioridade do risco «on site» e «off site».

Así, para levar a cabo as priorizacións cómpre formula-los seguintes criterios:

-Potencial de contaminación: tipo e concentración de contaminantes, potencial de dispersión e efectos sinérxicos e antagónicos que poidan presentarse entre eles e con respecto a terceiros (denuncias ou protestas).

-Tipo de sistema físico (auga superficial e subterránea, solo, aire e vulnerabilidade que presenta):

Hidroxeoloxía superficial

* Rede de drenaxe, canles e distancia a canles.

* Usos da auga e afeccións.

* Conca e subconca nas que se atopa o espacio.

* Lixiviacións.

Hidroxeoloxía subterránea:

* Tipo de acuífero, permeabilidade e superficie de alimentación.

* Dirección do fluxo da auga subterránea.

* Sistema acuífero.

Uso do solo:

* Clasificación/reclasificación urbanística.

* Distancia ó núcleo urbano.

* Uso do terreo.

Tipo de sistema biolóxico e, en definitiva, de ecosistema atendendo en particular á fraxilidade das formacións naturais.

Sistemas antrópicos productivos, considerando de forma especial os usos do solo, os abastecementos de auga e outros posibles efectos tóxicos sobre a saúde pública.

2.2.1. Prioridade do risco «on site».

O risco on-site avalíase mediante a combinación da contaminación ou fonte e a prioridade das afeccións, polo seu dano ás persoas ou ó contorno medioambiental.

A prioridade da fonte «on site» obtense combinando os valores da extensión da contaminación real coa toxicidade dos contaminantes presentes, considerándose como indicadores directos da extensión da fonte a área de solo realmente contaminado ou a superficie da zona onde se verteron e como indirectos, a superficie do emprazamento industrial.

Pola súa vez, a prioridade das afeccións «on site» establécese combinando o uso do terreo no emprazamento e o tipo de acceso a el.

2.2.2. Prioridade do risco «off site».

O risco off-site baséase, na combinación das prioridades relativas á emisión, potencial de migración dos contaminantes ou ruta e afeccións.

A prioridade da emisión está baseada na priorización da extensión da contaminación, definida polas superficies e profundidades reais da auga subterránea contaminada e a toxicidade dos contaminantes. Cando non se especifica o volume de auga afectada, a avaliación baséase na extensión da fonte «on site».

A prioridade con respecto ó transporte de contaminantes desde o emprazamento vén dada pola mobilidade dos mesmos e as características do terreo e hidroxeolóxicas da zona (balance hídrico, permeabilidade e transmisividade).

Da combinación entre as prioridades da emisión e da ruta obtense a prioridade da fonte «off site».

En canto á prioridade das afeccións «off site» obtense sobre a base das prioridades correspondentes ó uso das augas e ó uso da área circundante.

Combinando as prioridades dos riscos «on site» e «off site» obtense a prioridade integral dun emprazamento, como se observa no gráfico adxunto.

Segundo a metodoloxía anteriormente enunciada defínense as prioridades de actuación a curto, medio e longo prazo:

-Actuacións a curto prazo:

Risco alto.

Prioridade alta.

-Actuacións a medio prazo:

Risco alto/medio.

Prioridade media.

-Actuacións a longo prazo:

Risco baixo.

Prioridade baixa.