Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 1995 Páx. 3.619

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 1995, da Dirección Xerencia do Hospital do Meixoeiro de Vigo, pola que se anuncia concurso público para a contratación dun esterilizador de baixa temperatura.

A Dirección Xerencia do Hospital do Meixoeiro de Vigo en virtude das atribucións que lle foron delegadas conforme o establecido na orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 15 de setembro de 1994 (DOG do 3-10), convoca o seguinte concurso público nº 3/95 para a contratación da subministración dun esterilizador de baixa temperatura.

Obxecto e orzamento: a contratación da subministración dun esterilizador de baixa temperatura, por un orzamento de 12.000.000 de ptas. (doce millóns de pesetas) (IVE incluído).

Os bens obxecto do presente concurso público deberán ser entregados no prazo dunha semana, contado partir da data de notificación da adxudicación.

O prego das cláusulas administrativas particulares e demais documentación complementaria poden ser solicitadas no Servicio de Subministracións do Hospital do Meixoeiro de Vigo. Teléfono (986) 81 11 26.

Fianzas:

-Fianza, provisional: 2% do orzamento de licitación (240.000 ptas.), que se constituirá segundo o

disposto no artigo 112 de la Lei de contratos do Estado e 340 do seu regulamento.

-Fianza definitiva: os licitadores que resulten adxudicatarios deberán presentar unha fianza do 4% do orzamento de adxudicación.

Presentación e apertura de proposicións: as proposicións deberanse presentar en man, en sobres pechados, no rexistro xeral do Hospital do Meixoeiro de Vigo, antes das 14 horas do vixésimo día hábil contado a partir do seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou por correo na forma indicada no artigo 100 do Regulamento xeral de contratos do Estado.

A apertura das proposicións admitidas será realizada pola Mesa de Contratación, reunida en acto público na sala de xuntas do Hospital do Meixoeiro de Vigo, ás 10 horas do décimo primeiro día natural contado a partir do seguinte a aquel no que finalice o prazo de presentación de ofertas. No caso de que o dito día coincida en sábado ou festivo, a apertura das proposicións terá lugar o día hábil seguinte.

Documentos que deben presenta-los licitadores: os que figuran no prego de cláusulas administrativas particulares.

Anuncios: serán por conta do adxudicatario do contrato.

Vigo, 2 de maio de 1995.

José Manuel González Álvarez

Director xerente do Hospital do Meixoeiro de Vigo