Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 1995 Páx. 3.476

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 122/1995, do 20 de abril, polo que se modifica o Decreto 53/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento sanitario de piscinas de uso colectivo.

O Regulamento de piscinas de uso colectivo, aprobado polo Decreto 53/1989, do 9 de marzo, e modificado polo Decreto 173/1992, do 18 de xuño, se ben supuxo un importante paso na nosa normativa sanitaria, ó adecua-los avances tecnolóxicos ó establecemento de normas de obrigado cumprimento no control hixiénico-sanitario destas instalacións, presenta na súa redacción certas deficiencias que se considera conveniente corrixir.

Estas modificacións impóñense nuns casos por motivos técnicos; así, na esixencia de potabilización da auga das instalacións xerais mediante a adición dun desinfectante de acción residual cando non proceda da rede xeral de subministración (artigo 29); ou na modificación do período necesario para recirculación da auga en piscinas recreativas, pola dificultade técnica de consegui-la dita recirculación nun período de dúas horas (artigo 34); ou na substitución dun contador de auga por un caudalímetro (artigo 35). Ou tamén na posibilidade de substitución do escoadoiro perimetral por «skimmers» ou «escumadeiras», a razón, como mínimo, dun por cada 25 metros cadrados de lámina de auga para piscinas de superficie laminar igual ou inferior a 250 metros cadrados (artigo 8.3 e 4).

Noutros, son razóns de técnica xurídica as que esixen unha nova redacción; o artigo 21, no seu apartado 1, esixía nas piscinas colectivas un socorrista titulado en salvamento e primeiros auxilios, mentres que no seu apartado 3 contradicía, aparentemente, polo menos, esta regra xeral.

Por outra parte, procedeuse a lles dar unha nova redacción ós apartados b) e c) do artigo 42, que establece a tipificación de sancións basicamente para segui-los criterios do artigo 129.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na pretensión de obter unha máis correcta identificación das conductas e máis precisa determinación das sancións.

Procurouse, por outra banda, darlles unha redacción máis axeitada a certos artigos, como o 23, o 32.2 e o 36, concretando a actuación do equipo sanitario cando se concertan os seus servicios, no primeiro caso, matizando que a adición continuada do desinfectante ten que facerse sempre sobre demanda, no segundo caso, e precisando que a capacidade máxima de utilización simultánea se refire ós vasos e non ás instalacións, no terceiro. Así mesmo deuse

unha nova redacción ós artigos 37.1 e 4 e artigo 38, relativos á autorización de apertura e reapertura de piscinas.

Finalmente, engadiuse un novo apartado no artigo 6, que se refire á obriga de protexe-lo vaso co fin de evitar accidentes, con obxecto de conseguir unha maior seguridade para os usuarios nos vasos, fóra do período ou horario expresamente establecido para o seu funcionamento, ou ben, unha vez finalizada a temporada de baños.

Polo exposto, oídas as federacións e asociacións máis representativas do sector, en aplicación do disposto no artigo 130 da Lei de procedemento administrativo, do 17 de xullo de 1958, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 5.II.1, 8.3 e 4, 12.2, 21, 23, 29.1, 32.2, 34 b), 35, 36 a) e e), 37.1 e 4,38 e 42 b) e c), así como o anexo, e engádese un parágrafo 5 ó artigo 6, quedando redactados do seguinte xeito:

Artigo 5.II.1

Infantís ou de chapuceo, destinados a usuarios menores de seis anos. A súa situación será independente, de forma que se impida que os nenos poidan acceder facilmente a vasos destinados a outros usos.

Terán unha profundidade máxima de 30 centímetros e as pendentes non serán superiores ó 10%.

Artigo 8.3 e 4

3. Nos vasos de nova construcción con superficie de lámina de auga superior a 250 metros cadrados será obrigatoria a utilización de escoadoiros perimetrais ou continuos. Os bordos destes escoadoiros serán arredondados e antiesvarantes.

4. Nos vasos xa construídos con calquera superficie de lámina de auga e nos de nova construcción con superficie laminar igual ou inferior a 250 metros cadrados, o escoadoiro perimetral ou continuo poderá substituírse por «skimmers», «escumadeiras» ou escoadoiros discontinuos, a razón, como mínimo dun «skimmer» por cada 25 metros cadrados de lámina de auga.

Artigo 12.2

No caso de vasos ó aire libre cunha lámina de auga superior a 325 metros cadrados o acceso dos bañistas ó paseo que rodea ó mesmo deberá efectuarse exclusivamente a través de pasos que non poidan ser facilmente evitados, que estarán dotados con duchas de auga potable. Para isto arbitraranse solucións que dirixan ó bañista cara ás duchas mediante elementos ornamentais, arquitectónicos ou similares.

Artigo 21

1. Tódalas piscinas de uso colectivo, excepto as que se recollen no apartado terceiro deste artigo, deberán ter polo menos un socorrista con titulación suficiente en materia de salvamento e socorrismo acuático, o cal permanecerá nas instalacións durante todo o tempo de funcionamento daquelas.

Para o caso de piscinas entre 500 e 1.000 metros cadrados de lámina de auga, o número de socorristas será de dous.

Para piscinas de máis de 1.000 metros cadrados de lámina de auga a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais fixará para cada caso o número de socorristas necesarios.

2. No suposto de que a separación física entre os vasos que conforman a piscina non permitan unha vixilancia eficaz deles será obrigatoria a presencia dun socorrista en cada un deles.

3. Da obrigatoriedade de ter socorrista quedarán exceptuadas:

a) As piscinas de hoteis de menos de 200 metros cadrados de lámina de auga e profundidade inferior a 1,60 metros, que sexan para uso exclusivo dos seus clientes.

b) As piscinas de comunidades de propietarios de máis de 20 vivendas coas dimensións sinaladas no parágrafo anterior.

c) Tódalas restantes piscinas de uso colectivo da mesma superficie e profundidade cás do apartado a), sempre que o citado socorrista sexa substituído por un titulado en primeiros auxilios.

Artigo 23

Nas instalacións de piscinas de uso colectivo de máis de 325 metros cadrados de lámina de auga será obrigatorio:

1) A existencia dun local destinado a enfermería, que se situará nun lugar axeitado, ben sinalado e independente de calquera outro. A súa dotación mínima será a seguinte: padiola basculante, instalación de auga potable de consumo público con lavabo e dispositivo portátil para respiración artificial coa dotación que se relaciona no anexo, apartado C.

2) Concerta-los servicios de ATS/DUE e médico para que estean dispoñibles, a requirimento, durante o tempo de funcionamento das instalacións. O persoal sanitario que se concerta deberá acudir ó recinto da piscina co equipamento necesario para prestar asistencia sanitaria. O servicio asistencial que se concerta, así como o seu enderezo e teléfono, deberá estar indicado nun lugar ben visible preto do teléfono ou do sistema de comunicación co exterior instalado.

Artigo 29.1

A auga das instalacións xerais, a circulante dos pediluvios e a das duchas deberá proceder da rede

xeral de subministración de auga potable e nunca podará pertencer ó circuíto de rexeneración propio da piscina; no caso de que non exista rede de subministración, a auga que se utilizará nestas instalacións deberá potabilizarse mediante a adición dun desinfectante que presente acción residual. A súa eliminación realizarase á rede de sumidoiros.

Artigo 32.2

2. O tratamento co desinfectante farase de forma que se garanta sempre unha adición automática continuada, e sobre demanda, do mesmo. Excepcionalmente, cando sexa necesario e xustificado permitirase a dosificación manual doutros productos distintos dos desinfectantes, tales como os de tratamento de cobertura e correctores, sempre e cando se realice fóra do horario ó público.

Artigo 34 b)

b) Para piscinas de uso recreativo: cada 4 horas.

Artigo 35

Instalaranse un contador de auga para controla-la cantidade de auga nova aportada ó vaso e un caudalímetro para controla-la cantidade de auga reciclada.

Artigo 36 a) e e)

a) Aforo máximo de utilización simultánea de cada vaso da instalación.

e) Prohibición, para evitar riscos sanitarios, de entrada na zona reservada ós bañistas a aquelas persoas que padezan enfermidades, cutáneas ou doutro tipo, que pola súa natureza, se poidan contaxiar a través da auga.

Artigo 37.1 e 4

1. Toda construcción, instalación, apertura e posta en funcionamento dunha piscina de uso colectivo requirirá licencia municipal, de acordo coa normativa urbanística, e autorización do delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, logo do informe preceptivo dun técnico competente da consellería.

4. Igualmente, a reapertura das piscinas cada temporada requirirá o informe sanitario sinalado no punto primeiro deste artigo e autorización do delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

A solicitude deberá realizala a empresa xestora da instalación cunha antelación, polo menos, de un mes ó da data de apertura prevista, á delegación provincial de Sanidade e Servicios Sociais, que dará conta da resolución á autoridade municipal correspondente.

Artigo 38

A autorización de apertura ou reapertura da piscina implicará a entrega e dilixencia do libro de rexistro oficial das piscinas polos servicios de sanidade ambiental da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 42 b) e c)

b) Infraccións graves:

-A carencia na instalación dun teléfono ou emisora de radio, así como a exposición en lugar visible dos enderezos, teléfonos e/ou radiofrecuencias dos centros de asistencia sanitaria máis próximos e dos servicios de ambulancia, nos termos dos artigos 22 e 23 deste decreto.

-A falta absoluta de control e observación das debidas precaucións no funcionamento das instalacións.

-O incumprimento dos requirimentos específicos formulados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no relativo ás instalacións e requisitos da auga, o seu tratamento e control, vixilancia e réxime de apertura da piscina, sempre que se produzan por primeira vez.

-A negativa ou resistencia a subministrar datos, información ou a colaborar coas autoridades sanitarias en materias reguladas por este regulamento.

-A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos tres meses.

-A non realización da vixilancia sanitaria segundo o que se prevé nos artigos 26, 27, 32, 33 e 34.

c) Infraccións moi graves:

-A falta do elemento protector no desaugadoiro xeral de "gran paso" existente en cada vaso.

-A carencia de sistema automático de dosificación do desinfectante.

-A carencia de socorrista nos termos fixados no artigo 21.

-O reiterado incumprimento dos requirimentos específicos formulados pola autoridade sanitaria, desacato, resistencia, coacción, ameaza, represalia ou calquera outra forma de presión efectuada sobre as autoridades sanitarias.

-En xeral, toda irregularidade na observancia do que se prevé neste regulamento con transcendencia directa para a saúde pública.

Artigo 6.5

5. Tódolos vasos e instalacións dispoñerán dalgún sistema que impida o fácil acceso a eles fóra do período ou horario expresamente establecido para o seu funcionamento.

Ó finaliza-la tempada de baños os vasos permanecerán convenientemente protexidos para evitar accidentes.

Disposición adicional

As referencias do Decreto 53/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento sanitario de piscinas de uso colectivo, á Consellería e delegación provincial de Sanidade entenderanse feitas á Consellería e delegación provincial de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións e toma-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Dotación mínima de medicamentos de urxencia, material de cura e material de respiración artificial da que deberán dispoñer tódalas instalacions de piscinas de uso colectivo:

A.-Medicamentos de urxencia

-Adrenalina inxectable.

-Amoníaco.

-Analxésico inxectable non estupefaciente.

-Analxésico xeral non inxectable.

-Antihistamínico oral.

-Antiinflamatorio tópico sen corticoides.

-Antiséptico tópico.

-Auga osixenada.

-Colirio con antibiótico e antiinflamatorio.

-Corticoide inxectable.

-Tranquilizante e relaxante muscular tipo benzodiacepina.

B.-Material de cura.

-Algodón.

-Apósitos de tul graxo.

-Apósitos para pequenas feridas.

-Esparadrapo normal e hipoalérxico.

-Férulas.

-Gasas estériles.

-Guantes de un só uso.

-Pinzas clínicas de disección.

-Tesoiras de aceiro inoxidable.

-Vendas elásticas de 5 x 5 e 5 x 10.

-Xiringas estériles de un só uso.

C.-Material portátil para respiración artificial.

-Ambú con máscara (pediátrica e de adultos).

-Bala de osíxeno.

-Sonda de aspiración.

-Tubos güedel de tódolos tamaños.