Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 1995 Páx. 3.436

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 121/1995, do 20 de abril, polo que se aproban os criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das policías locais.

A Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais establece no seu artigo 5.1º d), que a coordinación da actuación das policías locais de Galicia farase respectando totalmente a autonomía local recoñecida na Constitución e abranguerá o exercicio da función, entre outras, de fixa-los criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das policías locais.

Por outra banda, o artigo 8 da devandita Lei 3/1992 en relación coa súa disposición derradeira primeira, dispón que lle corresponde ó Consello da Xunta de Galicia dicta-las normas xerais de coordinación, logo do informe da Comisión de Coordinación das Policías Locais, e autorízase a Xunta de Galicia para que dicte as disposicións regulamentarias que esixa o desenvolvemento e a súa aplicación.

Por isto, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo do informe da Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O presente regulamento ten como finalidade fixa-los criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das policías locais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvendo o previsto no artigo 39 c) da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, e na Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia, no seu artigo 5.1º d).

Esta normativa seralles de aplicación ós corpos de policía local da Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO I

Selección e promoción

Artigo 2º.-Normas comúns sobre ingreso e promoción nos corpos da policía local.

1. O acceso ás distintas escalas e categorías da policía local, efectuarase por oposición libre, e por promoción intema, logo de superar un curso de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade.

2. As convocatorias para a provisión de prazas vacantes nos corpos de policía local serán realizadas polos concellos, de acordo coas previsións da oferta

de emprego público anual, e deberán axustarse ó disposto na presente norma, e ós criterios de selección que se fixan na lexislación básica do Estado e na normativa autonómica en materia de función pública, debendo conter como mínimo as seguintes circunstancias:

a) Número, denominación e características das prazas convocadas, con determinación expresa da escala e categoría a que pertenzan, grupo de titulación que corresponda a cada unha delas, o nivel dos postos e as condicións ou requisitos necesarios para o desempeño de cada un deles, conforme o que se sinale para o efecto na relación de postos de traballo.

b) Probas selectivas que teñan que celebrarse segundo as previsións contidas na Lei de coordinación das policías locais de Galicia e no presente regulamento.

c) Cando deban ser tidos en conta méritos na selección, as convocatorias conterán relación dos mesmos, a súa valoración, e os seus sistemas de acreditación.

d) Declaración expresa de que os tribunais de selección non podarán aprobar nin declarar que superaron as probos selectivas, un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

e) Centro ou dependencia ó que deberán dirixirse as instancias e no que se exporán as sucesivas comunicacións.

f) Condicións ou requisitos que deben reunir ou cumpri-los aspirantes.

g) Composición do tribunal cualificador que teña que actuar.

h) Sistema de valoración das probas e de cualificación.

i) Programa que vaia rexe-lo desenvolvemento das probas.

j) Calendario preciso de realización das probas, debendo ter en conta que, desde o remate dunha proba ó comezo da seguinte, deberá transcorrer un prazo mínimo de corenta e oito horas.

k) Orde de actuación dos aspirantes, segundo o resultado do sorteo previamente celebrado.

l) Determinación das características e duración do curso selectivo de formación, así como do período de prácticas, establecido pola Academia Galega de Seguridade.

3. Durante o primeiro trimestre de cada ano, os concellos comunicaranlle á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as previsións de vacantes para cubrir durante o ano correspondente, para efectos dunha adecuada planificación dos cursos de formación que programe a Academia Galega de Seguridade.

Das devanditas previsións daráselle conta á Comisión de Coordinación de Policías Locais.

As bases das convocatorias deberán publicarse, en todo caso, nos boletíns oficiais das provincias respectivas e no D.O.G.

Sección primeira. Ingreso nos corpos da policía local

Artigo 3º.-Procedemento de selección.

1. O ingreso nos corpos da policía local, nas súas diferentes escalas e postos, farase por oposición libre, e logo de superar un curso de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade, no que se incluirá un período de prácticas.

2. Para poder tomar parte no proceso selectivo deberanse reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos 18 anos e non supera-los 30 para o acceso á categoría de garda.

c) Posuí-la titulación académica especificamente requirida, segundo o grupo de que se trate.

d) Non estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas, nin separado do servicio das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme.

e) Ser titular do permiso de conducir da clase B-1.

f) Posuír unha estatura mínima de 1,70 metros para os hames, e 1,65 metros as mulleres.

g) Compromiso de portar armas e, se é o caso, chegar a utilizalas, que se prestará mediante declaración xurada e por escrito.

h) Acredita-la aptitude física mediante a presentación dun certificado médico, no que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias e suficientes para a realización dos exercicios físicos que figuran especificados na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no certificado médico.

Todos estes requisitos deberán ser referidos á data na que se remate o prazo de presentación de instancias da convocatoria correspondente.

3. As probas da oposición desenvolveranse do seguinte xeito:

a) As probas selectivas da oposición serán de carácter teórico e práctico, e nelas terán que incluírse necesariamente, un recoñecemento médico, probas de capacitación física, un exame psicotécnico, e unha avaliación de coñecementos xerais e específicos de materias relacionadas co exercicio profesional, así como o coñecemento da lingua galega e das institucións e do dereito básico de Galicia, engadindo para o ingreso ás categorías de oficial, subinspector e inspector, unha última proba consistente na presentación e defensa polos aspirantes dun proxecto profesional relacionado co posto de traballo que se vai desempeñar, que deberá ser presentado por escrito, e defendido oralmente ante o tribunal cualificador.

b) Con carácter previo ó comezo das probas, realizarase a práctica de control de estatura e demais medidas antropométricas.

c) A proba de aptitude física será a adecuada para comproba-la existencia da capacidade necesaria

para as funcións que se van realizar, e cualificarase con apto/non apto.

d) A proba psicotécnica estará dirixida a determina-la aptitude psicolóxica e adecuación á función policial a desempeñar. Cualificarase como apto / non apto.

e) A proba de coñecementos xerais consistirá na contestación por escrito dun número de temas determinado, dos que a metade serán da parte xeral e a outra metade da especial, elixidos ó chou entre os que figuren no programa da convocatoria.

f) O programa comporase dunha parte xeral, na que figurarán, en todo caso, temas de dereito constitucional, autonómico, administrativo, local e penal, e outra parte especial, que conterá temas de tráfico, seguridade vial, ordenanzas municipais e funcións da policía local, cun contido mínimo de 20 temas para a categoría de garda e cabo, 40 para sarxentos e suboficiais, 60 para oficiais e subinspectores e 90 para inspectores, debendo corresponde-lo 50% dos temas a cada unha das dúas partes.

Nos programas para cabos, sarxentos, suboficiais, oficiais, subinspectores e inspectores, incluiranse entre os temas reseñados anteriormente, outros relativos a sistemas de organización e mando.

Artigo 4º.-Tribunais cualificadores. Composición e constitución

1. Os tribunais cualificadores estarán compostos como mínimo da forma seguinte:

-Presidente: o da corporación ou membro desta en que delegue.

-Vocais: un representante da Xunta de Galicia designado pola consellería competente por proposta da Academia Galega de Seguridade, de entre os profesionais de policía local de Galicia.

Un funcionario de carreira designado polo presidente da corporación.

Un representante dos sindicatos máis representativos no concello respectivo.

Tódolos vocais deberán posuí-la titulación ou especialización igual ou superior ós postos de traballo obxecto da convocatoria.

Secretario: o da corporación ou quen legalmente o substitúa.

2. A designación do tribunal estará contida na convocatoria, e terá que estar constituído por un número impar de membros, nunca inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de suplentes. Poderanse nomear asesores do tribunal, que deberán facerse públicos xunto con el, e que poderán actuar con voz, e sen voto.

Artigo 5º.-Causas de abstención e recusación.

1. Absteranse de formar parte dos tribunais, comunicándollo á autoridade convocante, que resolverá o procedente, aquelas persoas nas que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 28.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí

dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, podendo ser obxecto de recusación polo interesado en calquera momento do procedemento selectivo, ó abeiro do artigo 29 da devandita lei.

2. Así mesmo, non poderán formar parte dos tribunais aqueles que realizaran tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores a publicación ó da correspondente convocatoria.

3. En todo o non previsto expresamente neste regulamento, será de aplicación ós tribunais cualificadores, o disposto para os órganos colexiados no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Nomeamento de funcionarios en prácticas.

Os aspirantes que superaran a fase de oposición, e despois de cumprirse os requisitos formais que estableza a correspondente convocatoria, serán nomeados funcionarios en prácticas, e percibirán, con cargo á corporación respectiva, as retribucións que lles correspondan.

Sección segunda. Promoción e mobilidade dos membros das policías locais

Artigo 7º.-Promoción e mobilidade.

1. Poden tomar parte nas probas selectivas de promoción interna que supoñan cambio de escala, os funcionarios dos corpos de policía local pertencentes á categoría inmediatamente inferior, que prestasen polo menos dous anos de servicio neste posto en calquera concello de Galicia e cumpran os demais requisitos do artigo 25.4º da Lei de coordinación de policías locais.

2. Se non supón cambio de escala, poderán tomar parte os funcionarios de emprego inmediatamente inferior que prestasen polo menos dous anos de servicio no devandito posto e concello onde se produza a vacante, cumprindo os demais requisitos recollidos nos artigos 25.5º da Lei de coordinación de policías locais de Galicia.

3. Cando non se cubran as vacantes por promoción interna, estas incrementaranse ás de acceso libre.

Artigo 8º.-Desenvolvemento das fases de concurso e oposición.

1. A fase de concurso, que será previa á de oposición, e non terá carácter eliminatorio, consistirá na cualificación dos méritos alegados e debidamente acreditados polos aspirantes, segundo o baremo de méritos que estableza a Xunta de Galicia, logo de informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, de acordo cos requisitos profesionais esixibles a cada categoría. A puntuación alcanzada na fase de concurso acumularase á obtida na fase de oposición, e o total constituirá a puntuación final do concurso-oposición. Será condición necesaria que en cada unha das probas da oposición se obteña a puntuación mínima fixada nas bases da correspondente convocatoria.

2. As probas que hai que superar na fase de oposición serán análogas ás que se recollen neste regulamento para o acceso libre, coa excepción de que non se incluirán nas bases probas físicas. Tamén se incluirá, como última proba, a presentación e defensa polos aspirantes dun proxecto profesional relacionado co posto de traballo que se vai desempeñar. O dito proxecto deberá ser presentado por escrito e defendido oralmente ante o tribunal cualificador.

CAPÍTULO II

Formación das policías locais

Artigo 9º.-Curso selectivo de formación.

1. De conformidade co establecido no artigo 23 e ss. da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, para o ingreso e promoción interna nos corpos de policía local nas súas diferentes escalas e postos, será requisito indispensable a superación dun curso selectivo de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade, que estará integrado polas disciplinas e actividades que en cada caso se establezan para as distintas categorías.

2. Contido do curso:

a) O contido deste curso estará dividido en áreas temáticas, nas que se conterán materias xurídicas, humanísticas, técnico-policiais, así como de xestión nos cursos para mandos. O contido das áreas e das materias poderá variar en función do curso que se realice.

b) Xunto coas áreas puramente docentes existirá unha área de actitude na que se valorará o comportamento do alumno durante a súa estadía na academia. Nesta área cada alumno disporá dun total de dez puntos, dos que se detraerán os correspondentes ás sancións disciplinarias que se lle impoñan.

c) Para supera-lo curso selectivo, será necesario obter como mínimo un 5 sobre 10 en cada unha das materias que integran o plan de estudios, así como na área de actitude, dispoñendo de dúas convocatorias de exame, unha ordinaria, e outra extraordinaria. Para a área de actitude non existirá convocatoria extraordinaria.

3. O curso para os alumnos de novo ingreso constará ademais dun período de prácticas, que realizarán no seu respectivo concello e que será valorado polo presidente da corporación logo de informe do xefe do corpo debendo obte-la cualificación de apto para superalo.

A duración do curso, tanto de estancia na A.G.S. como de prácticas no respectivo concello será determinada pola dirección da A.G.S., logo de acordo do Consello Rector e informe da Comisión de Coordinación.

b) Superado o período de formación, os alumnos recibirán o diploma acreditativo e poderán ser nomeados polos seus concellos funcionarios da policía local na categoría correspondente.

c) O alumno que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 15% das clases do curso de formación será declarado "non apto", e poderá incorporarse ó seguinte curso ou cando a causa determinante llo permita. A xustificación da ausencia será valorada polo consello rector da Academia Galega de Seguridade, por proposta do seu director.

d) O alumno que non supere o curso de formación teórico-práctica poderá repetilo, por unha soa vez, se o concello o considera oportuno; deberá, neste caso, incorporarse ó curso seguinte.

e) O policía local que opte noutro concello e pola quenda libre, a un posto da súa mesma ou inferior categoría está exento de realiza-lo curso de formación teórico práctico.

Artigo 10º.-Formación permanente.

A formación profesional das policías locais, será coordinada a través da Academia Galega de Seguridade, que levará a cabo a programación e realización dos cursos de formación para o ingreso e promoción interna nos corpos de policía local, dos cursos de actualización e especialización, xornadas, seminarios e, en xeral, cantas actividades contribúan a dar unha formación integral ós funcionarios das policías locais.

Artigo 11º.-Consideración da formación acreditada como mérito en procesos de selección e provisión de postos de traballo.

1. Os cursos que realice a Academia Galega de Seguridade ou que esta homologue, conforme o previsto na Lei de coordinación das policías locais, serán considerados como méritos valorables nas fases de concurso, e na provisión de postos de traballo dos corpos da policía local.

2. Tódolos diplomas, certificados e acreditacións deberán expresar necesariamente a duración do curso de que se trata en horas lectivas, así como, segundo os casos, a asistencia ou aproveitamento obtido polo alumno.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais