Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 09 de maio de 1995 Páx. 3.397

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 11 de abril de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións a corporacións locais para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario.

Correspóndelle á Administración impulsa-la creación e mellora de oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC), para facilitarlles ós consumidores e usuarios, coa maior rapidez, a información e defensa dos seus dereitos e lexítimos intereses.

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 24 e concordantes do Estatuto galego do consumidor e usuario, e o capítulo II do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre información e orientación ó consumidor e usuario,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Industria e Comercio, concederá subvencións ós concellos desta Comunidade Autónoma, con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.03.343-A.460.00 e 08.03.343-A.460.05 dos orzamentos xerais desta comunidade para o ano 1995, para actuacións de información e defensa dos consumidores e usuarios galegos que se realicen durante o ano 1995, a través das súas correspondentes oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC).

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Para que os concellos poidan beneficiarse das subvencións ás que fai referencia o artigo 2º desta orde, as oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC), deberán ademais das derivadas do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, cumpri-las seguintes condicións:

a) Estar abertas ó público 5 horas diarias como mínimo e contar cun rótulo no que conste de maneira destacada o obxecto da oficina.

b) Facilitarlle ó público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidor e a forma de exercelos.

c) Atende-las consultas, reclamacións e denuncias dos consumidores e usuarios colaborando para tal fin cos servicios de consumo dependentes desta consellería.

Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto das subvencións a que se refire o artigo anterior será o seguinte:

a) Gastos de instalación de novas oficinas municipais de Información ó Consumidor.

b) Gastos de funcionamento, infraestructura e equipamento das oficinas municipais de Información ó Consumidor xa en funcionamento.

c) Actividades de información, orientación, asistencia técnica, educación e formación dos consumidores e usuarios; edición e divulgación de publicacións de interese para os consumidores relacionadas coa defensa dos seus dereitos; enquisas e campañas de inspección que non teñan carácter ordinario e sempre que se realicen en coordinación cos programas da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) Gastos de toma de mostras para a realización de análises de calidade, sempre que as ditas análises estean incluídas no plan de actuacións da Dirección Xeral de Comercio e Consumo; así como gastos de material necesario para o mantemento de laboratorios de consumo vinculados ás OMICS.

e) Campañas de promoción e colaboración no funcionamento da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

f) Programas mancomunais entre diferentes municipios e/ou de actuación conxunta con asociacións de consumidores referidos ós anteriores apartados c) e d).

Terase en conta de maneira preferente o apartado e) deste artigo.

Artigo 3º.- Solicitudes e documentación.

1.-As solicitudes (anexo I) para acollerse ás axudas económicas previstas na presente orde, dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo de presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2.-As solicitudes acompañaranse da seguinte documentación, por triplicado:

a) Certificación do acordo do órgano competente pola que se acolle á axuda, coa expresión da cantidade exacta solicitada. (Anexo II).

b) Certificación da poboación de feito, segundo ó derradeiro censo dispoñible. (Anexo III).

c) Certificación do secretario do concello na que se faga consta-lo horario no que a oficina permaneste

sumidores e usuarios e para cursar reclamacións ou denuncias que se lles presenten, e que será polo menos de cinco horas diarias ou vintecinco semanais.

d) Certificación do secretario do concello sobre o organigrama xerárquico e funcional do servicio da OMIC no respectivo concello.

e) Certificación do secretario do concello sobre concesións e solicitudes de axuda a outros organismos para as actividades obxecto de subvención.

f) Se é o caso, certificación do secretario do concello da existencia do Consello Local de Consumo, se estivera constituído, ou do acordo de creación do mesmo en 1995. (Anexo IV).

g) Se é o caso, certificación do secretario do concello da existencia de mancomunidade con outros concellos e/ou de actuacións conxuntas con asociacións, para actividades sobre consumo. (Anexo V).

h) Se a axuda solicitada está destinada á instalación dunha nova OMIC, deberase presenta-la certificación dos órganos competentes polo que se aproba o proxecto correspondente asinado polo técnico competente, no que, ademais de garanti-las condicións de idoneidade do local para unha correcta atención ó publico, se valorará economicamente ó custo do proxecto e a súa necesidade.

i) Se a axuda solicitada está destinada a gastos de funcionamento, equipamento e infraestructura, deberase presentar, ademais dos sinalados nos parágrafos a), b), c), d), e e), os documentos seguintes:

-Orzamento debidamente detallado dos gastos.

-Cando o servicio prestado pola OMIC sexa concertado cunha asociación de consumidores, deberá xuntarse copia do convenio correspondente no que deberá figura-lo importe da contraprestación que a entidade local lle paga á asociación.

-Memoria do actuado en 1994 e anteproxecto das actividades previstas para 1995.

j) Se a axuda está destinada á realización dos distintos programas de actividades ós que se alude nos apartados c), d), e) e f) do artigo 2º, memoria explicativa da actividade que se vai desenvolver, na que se incluirá:

-Obxectivos que persegue a actividade que se pretende realizar.

-Se é o caso lugar e data de celebración e duración prevista dela.

-Equipo humano responsable do proxecto.

-Orzamento detallado de gastos.

-Programa provisional.

-Destinatarios e número de persoas beneficiarias da actividade.

-E demais documentación que considere necesaria a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Artigo 4º.-Contía.

A contía das subvencións axustarase ós seguintes criterios:

a) Para a instalación de novas oficinas municipais de información ó consumidor, a subvención será de

ata 70% do seu custo, cun máximo de 1.000.000 de ptas.

b) Para os gastos de funcionamento, infraestructura e equipamento, a subvención será de ata o 50% do seu custo, cun máximo de 1.000.000 de ptas.

c) Para actividades de información, formación, asistencia técnica, publicacións, enquisas, análises de calidade e campañas de inspección, a subvención será de ata o 50% do seu custo, cun máximo de 5.000.000 de ptas. por acción.

d) Para a promoción e colaboración no funcionamento do sistema arbitral, a subvención será de ata o 70% do seu custo, cun máximo de 1.000.000 de ptas.

e) Para programas mancomunais entre diferentes municipios, e/ou actuacións conxuntas con asociacións de consumidores a subvención será como máximo do 50% do seu custo.

As corporacións locais beneficiarias deberán facer consta-lo patrocinio da Consellería de Industria e Comercio na información publicitaria relativa a actuacións subvencionadas.

Artigo 5º.-Resolución.

a) As subvencións, que serán compatibles con calquera outra axuda que puidese outorgarse para tales fins e sempre que o importe total subvencionado non exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario e da porcentaxe máxima establecido nesta orde, concederanse, se é o caso, logo de informe técnico, por resolución expresa do delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

b) A resolución seralles notificada ós beneficiarios no prazo de dez días a partir da data en que se dicte.

c) Entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaia resolución expresa no prazo de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 6º.-Pagamento e xustificación.

As subvencións concedidas faranse efectivas despois da xustificación polo concello beneficiario, por medio da certificación do secretario do Concello, da realización dos proxectos, actuacións e custos que foron obxecto da subvención. (Anexo VI).

Para a xustificación da subvención concedida, a corporación local deberá presentar antes do 15 de novembro de 1995 a seguinte documentación:

a) Se a axuda concedida foi destinada a gastos de funcionamento, certificación do órgano competente do gasto total efectuado, así como facturas xustificativas e documentos de pagamento.

b) Para investimentos destinados á instalación destes centros, certificación do técnico ou director da obra e do secretario do concello, do investimento realizado, acompañando facturas do gasto realizado e documentos de pagamento.

c) Se é o caso, certificación do inventario dos bens mobles adquiridos e da súa aplicación con carácter indefinido, para a protección dos consumidores, acompañando factura do gasto realizado e documentos de pagamento.

d) Se a axuda concedida foi destinada á realización dalgunha actividade, memoria final do desenvolvemento desta, xustificación documental dos gastos producidos e certificación do órgano competente do gasto total efectuado e documentos de pagamento.

Artigo 7º.-Obrigas.

As entidades locais que reciban axudas das establecidas nesta orde, deberán remitirlle, trimestralmente, á Dirección Xeral de Comercio e Consumo, informe relativo ás actuacións que tiveran lugar nas correspondentes oficinas municipais de Información ó Consumidor.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo e as delegacións provinciais da Consellería prestarán a colaboración que sexa precisa para o mellor desenvolvemento das accións ou programas subvencionados.

Artigo 8º.-Control.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá realiza-las comprobacións que coide oportunas respecto á axuda económica concedida e terá acceso a toda a documentación xustificativa dela.

A falta de xustificación dos gastos, unha aplicación diferente á sinalada na solicitude e/ou, en xeral, o incumprimento dalgún dos requisitos esixidos na presente orde, dará lugar á retirada da subvención, coa conseguinte obriga da devolución da axuda percibida e dos xuros de demora, nos supostos previstos no apartado 5º do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 9º

Con independencia do establecido na presente orde, aplicarase en todo caso o disposto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1994, de 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995 e na Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio