Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 09 de maio de 1995 Páx. 3.388

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 10 de abril de 1995 pola que se establece o programa de axudas para a mellora da competitividade nas empresas.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no seu artigo 5 autoriza a este ente público para realizar toda clase de actividades económicas e financeiras co fin de apoiar e promover calquera acción que favoreza o desenvolvemento económico de Galicia. Así mesmo, o artigo 4 da citada lei, no seu apartado ch), establece como unha das funcións do Igape favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas.

No desenvolvemento da súa función de fomento da competitividade, o Igape estableceu o Plan Integral de Mellora da Empresa Galega (Pimega), que recolle dúas partes complementarias: a formación a distintos niveis dos directivos da empresa e a apli

cación práctica deses coñecementos ó desenvolvemento e implantación de plans de mellora.

A formación na primeira fase do programa está dirixida ó máximo nivel directivo da empresa e permítelle estructura-lo seu plan estratéxico e director, que será a súa guía de actuación a medio e longo prazo. A segunda fase do programa complementa a formación dos responsables funcionais da empresa que deben implanta-los cambios necesarios afondando na análise do impacto das actuacións estratéxicas na operativa diaria.

Finalmente, a terceira fase do programa, á que se refire a presente orde, postula a inmediata posta en práctica de sistemas de organización e xestión que, por unha banda, melloren directamete a competitividade da empresa, e por outra proporcionen os métodos e estructuras necesarios para soporta-lo desenvolvemento do seu plan director. O obxectivo desta terceira fase é, polo tanto, dobre e con incidencia no curto (melloras directas da competitividade) e medio/longo prazo (desenvolvemento do plan director da empresa). Por todo iso, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

TÍTULO I. Dos plans e mellora.

Artigo 1º.-Concesión de axudas.

Autorízaselle ó Igape conceder axudas ó desenvolvemento de proxectos de mellora da competitividade, de conformidade co disposto na presente orde, dentro dos créditos habilitados para o efecto.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar esta axudas todas aquelas empresas, asociacións e agrupacións de empresas con implantación na Comunidade Autónoma de Galicia, que presenten proxectos que afecten os seus procesos de negocio, especialmente aqueles relacionados coa actividade industrial, de tal xeito que se acaden as melloras competitivas acordos coa estratexia da empresa.

Concederáselles preferencia na adxudicación dos fondos dispoñibles para atender ás axudas previstas na presente orde a aquelas empresas que participasen nas fases formativas do programa Pimega.

Artigo 3º.-Obxecto, estructura e contía das axudas.

1. Constitúe o obxecto da axuda a implantación de proxectos de organización e xestión, enmarcados no plan director da empresa, que, a xuízo do Igape, permitan aumenta-la competitividade desta, mellorando os parámetros establecidos para a avaliación de cada proxecto concreto. Estes parámetros terán que ser de tipo cuantitativo, aínda que se poden complementar con aspectos cualitativos.

A evolución destes parámetros ó longo do prazo de execución terá que quedar perfectamente clara no documento denominado «cadro de resultados do proxecto», destacando o obxectivo que se pretende conseguir, ó remate do proxecto.

2. A axuda do Igape poderá consistir en:

a) Subvención do custo de contratación dunha empresa consultora, cualificada polo Igape para a participación na fase III do programa Pimega.

b) Subvención dos gastos orixinados pola implantación das medidas recomendadas pola consultora no desenvolvemento do proxecto de mellora que se refiran a elementos de carácter intanxible e non afectados directamente á actividade productiva.

A subvención, por ámbolos dous conceptos, poderá acadar ata o 50% do custo, cun máximo de 2.500.000 (dous millóns cincocentas mil) pesetas por proxecto.

3. Para colaborar no desenvolvemento do proxecto, o Igape asignará a cada proxecto positivamente resolto un posgraduado en prácticas (bolseiro), sempre e cando existan solicitudes suficientes dos mesmos, segundo os artigos 8 a 14, que regulan a dita asignación.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse, en triplicado exemplar, cuberto segundo o formato oficial do anexo I, que estará á disposición dos interesados nas oficinas do Igape.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará á entrada en vigor da presente orde e rematará o 30 de novembro de 1995.

3. Coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria do proxecto, que deberá redactarse de acordo coa «guía para elaboración e presentación de proxectos de mellora da competitividade», que estará á disposición dos interesados en calquera das oficinas do Igape.

b) Declaración xurada de estar ó corrente das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e coa Administración autonómica. No caso de ser concedida a axuda, deberán aportarse os certificados correspondentes nun prazo non superior a un mes, contado desde a data de notificación da resolución, e en todo caso con anterioridade o pagamento de calquera cantidade con cargo á subvención concedida.

c) Cadro de resultados previsto do proxecto, cuberto de acordo coa anteriormente citada «guía para a elaboración e presentación de proxectos de mellora da competitividade».

d) Fotocopia da tarxeta de persoas xurídicas e entidades en xeral establecida en aplicación do Real decreto 2423/1975, do 25 de setembro, se o solicitante é persoa xurídica, e acreditación do asinante da solicitude.

e) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal establecida en aplicación do Real

decreto 338/1990, do 9 de marzo, se o solicitante é persoa física.

f) Declaración xurada do solicitante na que se fagan conta-las axudas obtidas, as solicitadas e as que se prevean solicitar de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto obxecto da solicitude de axuda ou parte do mesmo, segundo o modelo do anexo II.

4. En atención á natureza estratéxica dos proxectos para os que se solicite subvención ó abeiro da presente orde, non poderá exercerse por terceiros o dereito de acceso ós rexistros e ós documentos que formen parte dun expediente, de acordo co previsto no artigo 37.5º d) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX/PAC).

5. Na fase de iniciación do procedemento examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados, requirindo o interesado para que, se é o caso, repare a falta, achegue ou mellore os documentos preceptivos no prazo máximo de dez días, con indicación de que se así non o fixese, será tido por desistida da súa petición, arquivándose sen máis trámite, de acordo co establecido no artigo 71 da LRX/PAC e cas efectos previstos no artigo 42.1º da devandita lei.

6. En calquera estado do procedemento, o Igape poderá requiri-la documentación ou realiza-las actuacións que considere oportunas para os efectos de comprobar ou amplia-la información aportada polo solicitante.

Artigo 5º.-Obrigas das empresas beneficiarias.

1. Consecución dos obxectivos fixados no cadro de resultados do proxecto comunicándolle inmediatamente ó Igape calquera modificación ou previsión de modificación nel, que deberán ser aprobadas polo Igape, podendo este, coa aprobación do cambio, modifica-la contía da subvención concedida, sen superar en ningún caso, o máximo establecido.

2. Documentar adecuadamente as melloras conseguidas coa realización do proxecto, salientando especialmente as medicións inicial e final dos parámétros cuantitativos indicadores da competitividade.

3. Documenta-la situación e grao de cumprimento dos obxectivos do proxecto en cada un dos puntos de control establecidos no cadro de resultados do proxecto.

4. Xustificar mediante a aportación das correspondentes facturas e xustificantes de pago os gastos orixinados en relación co proxecto.

5. Facilita-las actividades auditoras que o Igape considere oportuno realizar ó longo do desenvolvemento do proxecto, aportando no prazo que se lle conceda para o efecto toda a documentación ou información relacionada co proxecto que lle sexa solicitada en calquera momento polo Igape.

Estas actividades auditoras poden ser, entre outras:

-Visita ás instalacións nas que se realizou o proxecto de mellora.

-Acceso a toda a documentación relacionada co proxecto.

-Acceso ós rexistros internos da empresa nos que se base a xustificación das melloras obtidas.

-As que considere oportunas o Igape.

6. Suscribir un seguro de accidentes laborais ó bolseiro asignado polo Igape polo importe mínimo establecido no covenio colectivo aplicable.

7. Facilitarlle ó bolseiro asignado polo Igape tódolos medios necesarios para desempeña-lo seu labor, incluíndo o aboamento dos custos ocasionados polas viaxes que teña que realizar no desempeño dela e encargado pola empresa.

8. Realizar un informe da actividade desempeñada polo bolseiro asiguado polo Igape avaliando a súa aportación ó proxecto de mellora da competitividade, segundo modelo normalizado polo Igape.

Artigo 6º.-Prazo de realización.

1. Establécese un prazo máximo de realización dos proxectos de seis meses, contado desde a data de inicio do proxecto. En función do desenvolvemento do proxecto, o Igape poderá conceder unha única prórroga por un período máximo de catro meses.

2. O proxecto deberá iniciarse en todo caso con posterioridade á data de presentación da solicitude de axuda e dentro do prazo máximo dun mes contado a partir da data de notificación da correspondente resolución de concesión.

Artigo 7.-Forma de pagamento da subvención.

1. A axuda descrita no artigo 3.2º a) seralle aboada directamente polo Igape á consultora, salvo escepcións debidamente xustificadas.

2. A axuda descrita no artigo 3.2º b) aboariaselle á empresa beneficiaria.

Ámbolos dous conceptos aboaranse de acordo coas certificacións parciais establecidas no cadro de resultados do proxecto, ou á finalización del.

TÍTULO II. Da concesión dos bolseiros.

Artigo 8º.-Requisitos do bolseiro.

Poderán presenta-la súa solicitude, as persoas que reúnan as seguintes condicións:

a) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter veciñanza administrativa en Galicia, ser natural de Galicia ou fillo de emigrantes galegos no exterior.

c) Non padecer enfermidade ou defecto físico que imposibilite o cumprimento dos seus labores como bolseiro.

d) Non ter obriga de realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de

desfrute da bolsa. Esta condición deberá xustificarse fidedignamente no momento de solicita-la solicitude.

e) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración Pública como consecuencia de expediente disciplinario.

f) Estar en posesión dunha titulación universitaria (superior ou media) da correspondente profesión, ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten para o exercicio profesional, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Admitiranse as solicitudes daquelas titulacións que necesiten para a obtención do título o proxecto fin de carreira e que carezan del.

No caso de títulos expedidos por centros non pertencentes, á Unión Europea, será preciso que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

g) Non ter 30 anos cumpridos na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Terán preferencia os que acrediten algunha das seguintes condicións:

1. Non ter desempeñado con anterioridade ningún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación que se esixe nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a 12 meses.

2. Ser natural de Galicia.

3. Ser fillo de emigrantes galegos no exterior.

4. Ter aprobado o proxecto fin de carreira nas titulacións en que sexa obrigatorio.

Artigo 9º.-Solicitudes e prazos de presentación.

Solicitudes.

Os titulados deberán presenta-la súa solicitude conforme o modelo normalizado que figura como anexo III desta orde, nos prazos que máis adiante se detallan, xunto coa documentación (orixinal ou fotocopia compulsada), que acredite tódolos pormenores esixidos nesta orde e que para os titulados se concreta en:

-Fotocopia do DNI ou do pasaporte.

-Unha fotocopia tamaño carné co nome do interesado ó dorso.

-Currículum vitae (máximo dúas follas).

-Fotocopia compulsada do título universitario e expediente académico, expedido polo centro ou institución onde o candidato efectuase os seus estudios.

-Deberán acreditar calquera destes casos:

-Veciñanza administrativa en Galicia.

-De ser natural de Galicia.

-Fillo de emigrantes galegos no exterior.

-Declaración xurada de non estar separado do servicio de calquera das administracións públicas.

-Documentos xustificativo de non ter obriga de realiza-lo servicio militar ou a presentación social substitutoria o período de desfrute da bolsa.

Deberase presentar toda a documentación esixida no momento de presenta-la solicitude.

Lugar de presentación de solicitudes de becarios:

O lugar de presentación será no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

a) Santiago de Compostela: Frei Rosendo Salvado, 16 baixo. C.P. 15701.

b) Ferrol: Real, 131, 2º C.P. 15402.

c) Vigo: Príncipe 43, 2º E.C.P. 36202.

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Prazo de presentación de solicitudes de bolseiros:

Desde a entrada en vigor da presente orde ata 20 días despois da dita data.

No caso no que para algunha das titulacións solicitadas polas empresas se esgotase a posibilidade de preselección por parte do Igape, autorízase o Igape a ampliar ou abrir novas convocatorias dándolle a oportuna publicidade en prensa.

Artigo 10º.-Prazo de reparación de erros.

Ós 12 días do remate do prazo de presentación de solicitudes sacarase nas dependencias do Igape unha lista para que os solicitantes reparen erros. Ós 6 días sacarase unha lista definitiva.

Artigo 11º.-Prazo de resolución.

Este tipo de bolsas irase adxudicando a medida que se aproben os proxectos.

Artigo 12º-Selección.

1. A selección efectuarase segundo as titulacións e especialidades que solicitasen as empresas e por estrita orde de puntuación, segundo o artigo 15, preseleccionado o Igape un máximo de catro candidatos, entre os cales se elixirá un deles, segundo se describe no punto dous.

A dita preselección seralles comunicada polo Igape directamente ós interesados.

2. A empresa solicitante poderá optar por unha das seguintes modalidades de selección:

a) Mediante entrevista ou probas cos candidatos preseleccionados realizadas nas dependencias centrais do Igape, neste caso, total liberdade para elixir calquera deles.

b) Delegando no Igape a selección definitiva do bolseiro, quen avaliará de entre os candidatos preseleccionados a adecuación do perfíl do bolseiro ás características do proxecto mediante entrevista persoal; neste caso a decisión do Igape será vinculante para a empresa.

Se a empresa solicitante non se manifesta por algunha das anteriores modalidades ou non se presenta na data fixada para a entrevista cos preseleccionados, entenderase que opta pola modalidade b).

3. A concesión definitiva da bolsa seralles comunicada directamente ós interesados por este organismo.

4. Mentres dure a selección os candidatos preseleccionados quedarán excluídos transitoriamente, de calquera outra bolsa ofertada polo Igape.

A selección definitiva do candidato para unha destas bolsas o excluirá de calquera outro tipo de bolsa ofertado polo Igape.

Artigo 13º.-Duración e contía.

O período de desfrute da bolsa será de seis meses como máximo, e o seu importe ascenderá a 775.000 ptas.

Este importe será aboado en tres partes, 50% ó comezo do desfrute da bolsa, o 40% á metade do tempo unha vez recibido informe das actividades realizadas e o 10% á entrega da memoria ó final do proxecto.

Artigo 14º.-Condición de desfrute das bolsas e causas de anulación ou revogación.

Serán causas de revogación ou anulación da bolsa:

-Non presentarse a calquera convocatoria do Igape nas datas e horas sinaladas, sen causas debidamente xustificadas. Non será causa xustificada o cambio no domicilio do interesado, se non lle foi comunicado ó Igape en tempo e forma.

-A comprobación de que se obtivo á bolsa sen reuni-las condicións requiridas para iso.

No suposto de revogación, obrigarase o bolseiro a reintegrarlle ó Igape as cantidades percibidas ata o momento de acordarse isto.

A concesión e desfrute da bolsa non suporá vinculación laboral ningunha entre o bolseiro, o Igape e a empresa na que se desfrute a bolsa.

Durante o período de vixencia, estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas que poidan ser concedidas por outros organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.

Artigo 15º.-Baremo de auto avaliación.

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias.

Puntuación obtida x 10

Nº de materias

Proxecto fin de carreira, grao ou tese de licenciatura: 2 puntos.

Doutoramento: 4 puntos.

Artigo 16º.-Incumprimento.

1. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

2. Procederá a revogación das axudas e o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ou no caso de incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme coa presente orde ou calquera outra disposición aplicable.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Correspóndelle ó Igape a interpretación do contido da presente orde e a resolución das incidencias e dúbidas que xurdan sobre a súa aplicación e cumprimento.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción

Económica