Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 09 de maio de 1995 Páx. 3.388

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de abril de 1995 pola que se clasifica como cultural a Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño, con domicilio en Piloño, Vila de Cruces.

Supostos de feito.

1. Que Francisco Lareo Morao, en escrito do 10 de abril de 1995, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Lalín, o día 6 de abril 1995, ante o notario do Colexio da Coruña Victorino Gutiérrez Aller, con número cincocentos trece do seu protocolo, por Francisco Lareo Morao, Armindo Salgueiro Pájaro, Carmen Lareo Morao, Damián-Salvador Payo Cangado, Javier-Carlos Vázquez Parcero, Manuel Núñez Fiúza, José Vispo Montero, en nome propio, e por Manuel Montero Varela como presidente da asociación de veciños Santa María de Piloño.

3. Que, segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é promover e divulga-la cultura galega nos seus máis diversos aspectos en tódalas facetas da cultura universal que incidan no patrimonio cultura de Galicia.

4. Que o padroado da fundación estará constituído por Francisco Lareo Morao como presidente, Armindo Salgueiro Pájaro como vicepresidente, Carmen Lareo Morao como secretaria e Damián-Salvador Payo Cangado, Javier-Carlos Vázquez Partero, Manuel Núñez Fiúza, José Vispo Montero e por Manuel Montero Varela como vocais.

5. Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódolas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como cultural da Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño, dado o seu obxecto e finalidade, polo que cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. Que, de acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Que, á vista do que antecede, se poden considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 17 de abril de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como cultura a Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño, adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública