Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 04 de maio de 1995 Páx. 3.200

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de abril de 1995 pola que se covocan bolsas de estudios para titulados e estudiantes de técnicas de empresas e actividades turísticas, e axudas a concellos para prácticas de información turística.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que por parte das administracións públicas se dediquen recursos para xerar iniciativas tendentes a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral para o Turismo está a adaptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de favorece-lo acceso a prácticas de información turística ós estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turisticas para así procurar para o sector turístico uns profesionais o máis preparados posible xa que unha das demandas actuais do sector é a de que cada día exista unha maior profesionalización.

Por todo isto convócanse unha serie de axudas para a realización de prácticas de información turística das que se poden beneficiar ben os estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas ou ben os concellos de Galicia.

Todo isto de conformidade coas seguintes,

BASES

Primeira.-Beneficiarios.

A Secretaría Xeral para o Turismo, dentro do seu programa de ordenación, promoción, xestión e fomento do turismo, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, poderá:

1.-Con cargo á aplicación 04.05.651-A.460.00, subvenciona-los concellos da Comunidade Autónoma de Galicia para que estas poidan conceder bolsas de estudios para prácticas de información turística nas oficinas municipais dedicadas a esta finalidade.

2.-Con cargo á aplicación 04.05.651-A.480.00, conceder ós estudiantes e titulados como técnicos de empresas e actividades turísticas bolsas de estudios para realizar prácticas de:

a) Información turística nas oficinas que a Xunta de Galicia ten dedicadas a tal actividade nas localidades da Coruña, Ferrol, Ribeira, Santiago de Compostela, Lugo, Ribadeo, Ourense, O Carballiño, A Gudiña, Pontevedra, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa e de,

b) Promoción turística na Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (Turgalicia).

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin que ascenden a dous millóns (2.000.000) de pesetas e seis millóns (6.000.000) de pesetas nas aplicacións orzamentarias 04.05.651-A.460.00 e 04.05.651-A.480.00, respectivamente.

Segunda.-Condicións.

1.-Os concellos adxudicarán as súas bolsas de estudios a estudiantes e titulados como técnicos de empresas e actividades turísticas.

2.-A Secretaría Xeral para o Turismo adxudicará as súas bolsas de estudios:

a) Ós estudiantes na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas ou ós titulados nela con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1993 para realización de prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia.

b) Ós titulados como técnicos de empresas e actividades turísticas para a realización de prácticas relacionadas coa promoción turística na Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (Turgalicia).

3.-A condición e desfrute das bolsas de estudios, que se adxudiquen en virtude da presente orde, non implicará ningunha relación nin de carácter laboral nin contractual nin coa Xunta de Galicia nin cos concellos beneficiarios da axuda.

Terceira.-Contía das axudas e dotación das bolsas de estudios.

1.-As axudas ós concellos poderán alcanzar, por bolseiro, o importe de 125.000 (cento vintecinco mil) pesetas.

2.-As bolsas de estudios para prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia estarán dotadas con 225.000 (duascentas vintecinco mil) pesetas cada unha se o adxudicatario reside no municipio no que vaia a face-las prácticas ou nun limítrofe e con 330.000 (trescentas trinta mil) pesetas cando resida en calquera outro da Comunidade Autónoma.

3.-As bolsas de estudios para prácticas en Turgalicia estarán dotadas de 330.000 (trescentas trinta mil) pesetas cada unha.

4.-Os beneficiarios de bolsas de estudios sinalados nos puntos 2 e 3 da presente base desfrutarán dun seguro individual de accidentes durante o período que comprendan as prácticas.

Cuarta.-Obrigas dos beneficiarios das bolsas de estudios.

a) O horario para a realización de prácticas nas oficinas municipais, que desenvolvan os adxudicatarios de bolsas de estudios concedidas polos concellos, será establecido por eles. O traballo a realizar será exclusivamente o relacionado coa actividade de información turística.

b) Os traballos que desenvolverán os adxudicatarios de bolsas de estudios na realización de prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia, en horarios establecidos polo Servicio

Provincial de Turismo correspondente, consistirá en facilitarlles ós turistas e viaxeiros que o soliciten información en materia de aloxamento, transporte, espectáculos, gastronomía, bibliotecas, arquivos, museos, feiras, festas, romarías, exposicións e servicios en xeral, así como calquera outra manifestación que polas súas características ofreza atractivos turísticos.

c) O traballo que desenvolverán os adxudicatarios de bolsas de estudios para prácticas relacionadas coa promoción turística en Turgalicia, será de apoio ás accións de promoción que se estean a realizar, en horario establecido pola xerencia da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.

d) O período de realización das prácticas, en calquera dos casos, será desde o 1 de xullo ata o 15 de setembro de 1995, ámbolos dous inclusive.

Quinta.-Solicitudes e documentación.

1.-As solicitudes serán remitidas ós servicios provinciais de Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1982, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince días, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cubríndose do seguinte xeito:

1.1 Concellos:

-Solicitude segundo o anexo I.

-Memoria referida á actividade realizada pola oficina de información turística no ano 1994.

-Certificación bancaria da conta onde deberá aboarse a subvención, se é o caso.

1.2 Estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas.

-Solicitude segundo o anexo II.

-Fotocopias compulsadas do DNI e NIF.

-Certificación bancaria da conta onde deberá aboarse a bolsa de estudios, se é o caso.

-Os estudiantes, certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións do curso 1993-1994. Os titulados, fotocopia do título ou do recibo do depósito do título compulsadas e certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas delas, das notas en idiomas obtidas no último ano cursado en cada idioma, en centros nacionais ou estranxeiros recoñecidos.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas delas, de realización de prácticas en axencias de viaxes, hoteis, campings, congresos, museos ou calquera outra actividade relacionada co turismo.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas delas de realización de prácticas de información turística.

-Fotocopias compulsadas de diplomas acreditavos de asistencia a cursos especializados en idiomas.

As compulsas que cumpran faranse na Secretaría Xeral para o Turismo ou nos servicios provinciais de Turismo.

2.-Os interesados nas bolsas de estudios para prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia e en Turgalicia, só poderán facer unha solicitude.

Sexta.-Selección das solicitudes e resolución.

1.-Para a valoración das solicitudes de axuda presentadas polos concellos, teranse en conta os seguintes criterios.

-A importancia do destino turístico do concello e a súa zona de influencia.

-A actividade da oficina de información turística.

2.-Para a valoración das solicitudes de bolsas de estudios presentadas para prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia e en Turgalicia, terase en conta o seguinte baremo:

-Nota media das cualificacións, engadíndolle 0,5 puntos por curso superado e 1 punto máis ós titulados.

-0,25 puntos por curso de idiomas superado, e 0,10 puntos por asistencia a cursos especializados en idiomas.

-0,15 puntos por cada mes de prácticas desenvolvendo actividades relacionadas co turismo.

-0,35 puntos por cada mes de prácticas de información turística realizadas.

2.1 No caso de que dous ou máis aspirantes a bolsas de estudios acaden a mesma puntuación no concurso para unha mesma oficina de información turística ou para Turgalicia, a selección establecerase a prol do peticionario de máis idade.

2.2 No caso de que unha vez adxudicadas as bolsas de estudios xurdisen renuncias, adxudicarase a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

2.3 No caso de que algunha das oficinas de información turística ou Turgalicia non tivesen solicitantes de bolsas de estudios ou se os houbese estas renunciaran a elas, a Secretaría Xeral para o Turismo poderá oferta-las ditas bolsas de estudios, incluso a estudiantes ou titulados universitarios, logo de seleccinoa-los polo medio que considere oportuno.

3.-A Secretaría Xeral para o Turismo resolverá a concesión destas axudas de conformidade co esta

blecido na presente orde antes do 15 de xuño de 1995, agás as consideradas nos puntos 2.2 e 2.3 anteriores, que as resolverá segundo as circunstancias.

4.-Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo indicado no punto 3 anterior.

Sétima.-Aboamento das axudas.

1.-A Secretaría Xeral para o Turismo aboará as axudas ós concellos, concedidas en virtude desta orde, unha vez achegada certificación, na que conste a realización das prácticas polo beneficiario da bolsa de estudios e o acorde de recoñecemento de obrigas das cantidades aboadas ó mesmo. Así mesmo expresarase, nesta certificación, o nome, D.N.I. e circunstancias académicas do beneficiario.

2.-A Secretaría Xeral para o Turismo aboará mensualmente, na contía que corresponda, as bolsas de estudios ós estudiantes e titulados adxudicatarios unha vez remitidos polos servicios provinciais de Turismo e Turgalicia, segundo corresponda, informe sobre a asistencia regular ás prácticas e aproveitamento dos beneficiarios.

Oitava.-Incumprimento das obrigas.

A Secretaría Xeral para o Turismo, logo do trámite de audiencia, poderá anula-la axuda por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral para o Turismo para que, no ámbito das súas competencias, dicte as resolucións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA