Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 1995 Páx. 3.186

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de abril de 1995 pola que se regulan, para o curso 1994-1995, as probas de aptitude para o acceso ás facultades, escolas técnicas superiores e colexios universitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 9 de xuño de 1993 (Boletín Oficial del Estado do 10) introduce modificacións na estruc

tura e organización das probas de aptitude para o acceso á universidade.

Na citada orde vincúlase a realización do comentario de texto á proba de lingua castelá e autorízase ás comunidades autónomas con lingua propia para que adapten esta modificación ás súas circunstancias.

Por outra banda, o Consello de Universidades nas súas orientacións para a posta en práctica das modificacións das probas de acceso á universidade determina «As universidades deberán adopta-la solución que consideren máis oportuna, de acordo coas súas particulares circunstancias, para garanti-los obxectivos perseguidos polas modificacións legais introoducidas, que poidan resumirse na consecución da maior obxectividade posible e a máxima xustiza e equidade dos resultados»; por tanto cómpre adapta-la realización das probas de acceso á universidade á situación concreta desta Comunidade Autónoma.

En consecuencia, en virtude da disposición derradeira primeira da Orde do 9 de xuño de 1993, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º

Os alumnos, á hora de formula-la preinscrición de matrícula para o acceso das probas de acceso á universidade, vincularán a realización do exame de comentario de texto ó de lingua galega ou ó de lingua castelá.

Artigo 2º

Para a realización dos exames de lingua galega e de lingua castelá os alumnos poderán elixir entre dúas opcións. A primeira delas vinculada ó texto obxecto de comentario, e a segunda a outro texto distinto, co fin de amplia-la opcionalidade á hora de responder ás cuestións propostas.

Disposicións derradeiras

Primeria.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Universitaria e Política Científica e a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para que dicten as normas de aplicación que se consideren precisas ou convenientes para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria