Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 1995 Páx. 3.172

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 6 de abril de 1995 pola que se clasifica como benéfico-asistencial a Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga).

-Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga), con domicilio en Pontevedra, rúa Virxe do Camiño, nº 2, primeiro, of. 14.

Supostos de feito:

1. Que José María Pérez Bazús, en escrito de 15 de marzo de 1995, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 13 de marzo de 1995, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña José Antonio Montero Pardo, co número trescentos trinta e sete do seu protocolo, por José María Pérez Bazús, José Eduardo López Pereira, Agustín Dosil Maceira e Luis Ríos Tallón, no seu propio nome e dereito.

3. Que, segundo consta no artigo 3 dos seus estatutos o obxecto e finalidade da fundación é, entre outros, o aproveitamento e potenciación dos recursos humanos da comunidade galega, a atención e promoción da familia e dos movementos familiares (escolas de pais); a promoción da infancia, da xuventude e das persoas maiores; o fomento da igualdade de oportunidades, en especial dos grupos máis desfavorecidos, o asesoramento e potenciación das comunidades educativas (pais, profesores, alumnos... )

4. Que o padroado da fundación estará constituído por José María Pérez Bazús, como presidente, Luis Ríos Tallón, como secretario, e José Eduardo López Pereira e Agustín Dosil Maceira como vocais.

5. Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-asistencial da Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-asistencial e a súa adscrición á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior,

de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. Que, de acordo co disposto no artigo 32.2º c) do decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Que, á vista do que antecede, se poden considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 3 de abril de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-asistencial a Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia, adscribíndoa á Consellería de Familia, Muller e Xuventude, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública