Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 1995 Páx. 3.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 1995 sobre delegación de funcións en determinados órganos universitarios.

I

O artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto de reforma universitaria atribúelles ós rectores das universidades a maior parte das competencias que a autonomía universitaria lles confire ós órganos universitarios. Pola súa banda o artigo 63 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela determina de xeito específico as competencias do máximo órgano unipersoal da universidade.

O incremento dos asuntos encomendados ós rectores das universidades unido ás funcións de representación e dirección da Institución Universitaria fan necesario que sexan delegadas estas funcións noutros órganos universitarios principalmente nos vicerrectores que deben asumir en primeira instancia as decisións e dicta-los actos administrativos nas materias da súa competencia coas excepcións pertinentes e sen prexuízo do dereito de avoca-las competencias en calquera momento.

II

A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común regula por primeira vez de xeito específico a delegación de com

petencias e de sinatura establecendo os criterios que para a súa eficacia deben te-las delegacións que se efectúen.

III

Procede ademais refundir e actualizar tódalas delegacións existentes ata a data en órganos universitarios coa finalidade de ter un único documento de referencia para estes efectos.

Por todo o anterior, este rectorado no uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria,

RESOLVE:

I. Delegación a favor de vicerrectores e secretario xeral.

Primeiro.-Queda delegada nos vicerrectores da universidade e no secretario xeral dentro do ámbito da actividade que a cada un deles se lle encomende a facultade de resolve-los expedientes e asuntos con competencia atribuída ó rector así como asina-los documentos necesarios para o efecto.

Segundo.-Esta competencia abrangue, tanto a emisión de actos administrativos de simple xestión ou trámite como os definitivos que poñan fin ó procedemento administrativo.

Terceiro.-Así mesmo os vicerrectores e o secretario xeral poderán realizar todo tipo de comunicacións e notificacións de actos tanto individuais como xerais dictados por calquera órgano universitario.

Cuarto- En particular, ademais das competencias propias de cada vicerrectorado delégase especificamente:

a) Quedan delegadas no vicerrector de Asuntos Económicos as facultades que en materia de contratación administrativa lle corresponden legalmente ó rector da Universidade de Santiago de Compostela incluíndo a formalización dos contratos administrativos de calquera natureza e patrimoniais que efectúe esta universidade.

Exceptúanse da delegación outorgada no apartado anterior:

1. As impugnacións que se presenten contra o procedemento de adxudicación.

2. O acto definitivo de revogación ou de resolución dos contratos administrativos tralo procedemento instruído para o efecto.

3. A execución forzosa tras apercibimento dos actos que se deriven da contratación administrativa.

Así mesmo quedan delegadas no vicerrector de Asuntos Económicos as atribucións conferidas ó rector como membro e presidente da Mesa de Contratación a que se refiren os artigos 239.2º dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e o 7.1º e 2º do Regulamento de contratación da universidade.

b) Quedan delegadas no vicerrector de Profesorado:

1. A convocatoria de prazas de persoal docente contratado.

2. O nomeamento dos tribunais de persoal docente contratado así como a apreciación de causas que impidan a actuación dos membros coa excepción da apreciación das causas de abstención e recusación.

3. A aprobación de listas definitivas e provisionais de persoal docente titular e contratado.

4. A presidencia da comisión de revisión.

5. O nomeamento de profesorado interino e contratado así como a sinatura dos contratos.

6. A concesión de permisos e licencias do persoal docente non delegadas ós decanos directores de centros e directores de departamentos.

7. Tódolos actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación do persoal docente.

8. A tramitación de procedementos seguidos ante a Seguridade Social ou MUFACE do persoal docente.

9. Proposta e informe sobre autorización ou recoñecemento de compatibilidade do persoal docente cando lle corresponda a súa resolución ó rector.

10. A comunicación de resolucións rectorais en materia de persoal docente.

11. O recoñecemento de trienios e a comunicación da concesión do complemento específico singular por méritos docentes.

12. Todos aqueles actos relativos á situación administrativa do persoal docente que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

c) Delégase no vicerrector de Investigación e Terceiro Ciclo:

1. Proposta, formalización e contratos de proxectos europeos.

2. Solicitude de proxectos PETRI.

3. En materia de contratos informes e cursos dos artigos 11 e 45 da LRU:

3.1 Follas resumo e autorizacións de actividades aprobadas pola comisión de convenios e cursos.

3.2 Nomeamentos de bolseiros.

3.3 Nomeamentos de PAS colaborador.

3.4 Autorización de pagamentos a profesores e persoal investigador por actividade investigadora.

4. Nomeamento de tribunais de teses de doutoramento.

5. Convocatorias de axudas para investigación propias do vicerrectorado e resolución delas.

6. Solicitudes e informes para as convocatorias doutros organismos.

7. Informes anuais e finais dos proxectos de investigación.

8. Informes de seguimento das subvencións para adquisicións de infraestructura.

9. Formalización de pólizas de seguros de accidentes dos bolseiros.

d) Queda delegada no vicerrector de Coordinación do Campus de Santiago:

1. A presidencia da Comisión Electoral e a execución das súas resolucións.

2. A xestión, dirección e coordinación do Plan Estratéxico de Comunicacións da Universidade de Santiago no Campus de Compostela.

e) Queda delegada no vicerrector de Extensión Cultural e Servicios á Comunidade Universitaria:

1. A convocatoria dos cursos de verán para estranxeiros así como a acreditación deles.

2. Xestión e coordinación da gardería universitaria (escola infantil Breogán) así como a resolución das reclamacións en materia de admisión.

3. Convocatoria e resolución de axudas ou subvencións para asociacións culturais así como resolución das reclamacións contra elas.

4. Convocatoria de campionatos deportivos.

5. Fixación de tarifas por servicios deportivos.

f) Queda delegada no vicerrector de Relacións Exteriores e Proxección Universitaria:

1. Tódalas competencias relacionadas con programas europeos e de intercambio internacional.

2. A coordinación e xestión da celebración do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela.

g) Quedan delegadas no vicerrector de Estudiantes:

1. A convocatoria e resolucións relativas ó proceso de selección no S.R.I.

2. As resolucións das reclamacións do S.R.I.

3. A presidencia do xurado nas bolsas da convocatoria xeral do MEC.

4. A representación da USC nos procesos selectivos de bolsas compensatorias da Xunta de Galicia.

5. Representante da USC nos procesos selectivos de bolsas doutros organismos destinadas a estudiantes.

6. Convocatoria e resolución de bolsas para a exención de prezos públicos no terceiro ciclo.

7. Convocatoria e resolución de bolsas colaboración do S.R.I.

8. Convocatoria e resolución doutras bolsas convocadas polo vicerrectorado de Estudiantes.

9. Responsable da Universidade de Santiago de Compostela perante a Oficina para a Prestación Social Substitutoria.

10. Convocatoria e resolución de axudas de promoción de asociacionismo de estudiantes así como a resolución das reclamacións contra elas.

h) Quedan delegadas no vicerrector de Ordenación Académica e Titulacións:

1. Resolucións de peticións reclamacións ou recursos en materia de alumnado sobre as que non estea

delegada a competencia ou a sinatura noutros órganos ou unidades administrativas.

2. Autorización de traslados de campus do persoal docente universitario.

3. Xestión coordinación e aprobación do P.D.A. dos centros e do P.O.D. dos departamentos universitarios.

4. Resolución de reclamacións en materia de confección do P.O.D.

5. Coordinación dos procesos de elaboración modificación e implantación dos plans de estudio na Universidade de Santiago de Compostela.

6. Xestión e coordinación na aprobación e desenvolvemento das ensinanzas conducentes a titulacións propias da Universidade de Santiago de Compostela.

7. As accións e procesos derivados da política de formación de persoal docente.

i) Delégase no vicerrector de Coordinación do Campus de Lugo:

1. A xestión e organización de actividades culturais e deportivas en Lugo.

2. O Plan Estratéxico de Comunicacións da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo.

j) Delégase no secretario xeral:

1. A sinatura dos certificados supletorios dos títulos académicos.

2. Certificación de actos presuntos.

3. Resolución de peticións de carácter xeral que non sexan competencia propia ou delegada doutros órganos universitarios.

4. O asinamento das resolucións motivadas que se dicten autorizando ou denegando a rectificación das actas académicas.

Quinto.-En caso de ausencia ou enfermidade do secretario xeral da Universidade exercerá as funcións de xestión ordinaria o secretario xeral adxunto. As funcións a que se refire o parágrafo anterior serán as que se establecen no artigo 65.2º dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela. A substitución realizarase de xeito automático desde o instante en que se dea a circunstancia e ata a incorporación do secretario xeral titular exercendo para tódolos efectos como secretario xeral en funcións.

Sexto.-En caso de ausencia ou enfermidade os vicerrectores poderán designar outro vicerrector para o despacho de asuntos da súa competencia.

Sétimo.-Exceptúanse da delegación outorgada nos apartados anteriores continuando atribuída a súa resolución ó rector:

a) Os asuntos que se refiren ás relacións cos órganos e institucións da Administración do Estado e da Administración autonómica galega salvo os de simple trámite.

b) Os que teñen relación co Consello Social Claustro Universitario e Xunta de Goberno.

c) As competencias que se enumeran no artigo 63 dos estatutos da universidade.

d) Os actos que supoñan o exercicio da excepcionalidade da súa eficacia retroactiva establecida no artigo 57.3º da LRXAP-PAC.

e) Os asuntos relativos ó exercicio da potestade organizativa.

f) Os actos sancionadores e os referidos ó exercicio da potestade disciplinaria establecida nos artigos 44.2º e 49.4º da Lei de reforma universitaria.

g) Os que dean lugar á adopción de resolucións rectorais de carácter xeral.

h) A resolución dos incidentes de abstención e recusación.

Nos supostos sinalados anteriormente poderase designar mediante acto rectoral individual o vicerrector que por razón da súa persoa supla transitoriamente o rector por imposibilidade de actuar no exercicio de calquera das ditas competencias.

II. Delegación a favor do xerente

Oitavo.-Queda delegada a xefatura do persoal de administración e servicios no xerente da universidade.

Estas facultades abranguen:

1. A execución coordinación e control da política aprobada polos órganos de gobemo sobre o PAS laboral ou funcionario.

2. Establece-las directrices conforme ás cales exercerán as súas competencias en materia de persoal os distintos órganos e servicios da Universidade de Santiago.

3. Dictar instruccións sobre política de persoal.

4. Establece-los criterios para coordina-la programación do PAS.

5. Prepara-la oferta de emprego público así como os actos derivados dela.

6. A proposta de convocatorias de probas de persoal.

7. Asumi-la inspección de persoal.

8. Propoñe-la designación de representantes da Administración universitaria nas distintas comisións de negociación colectiva.

9. Negociar directamente ou determina-las instruccións a que deberán aterse os representantes da universidade cando proceda a negociación colectiva coa representación dos traballadores xa sexa laborais ou funcionarios.

10. Os actos de execución dos convenios colectivos ou similares e outros pactos legalmente formalizados.

11. Proposta da estructura de postos de traballo.

12. Proposta de designación de membros en comisións de selección e avaliación de PAS (funcionario e persoal laboral).

13. Autoriza-la asistencia a cursos de selección formación e perfeccionamento.

14. Concesión de permisos e licencias non delegados ós decanos directores de centros e xefes das distintas unidades administrativas.

15. Tódolos actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación salvo as certificacións que correspondan.

16. A tramitación de procedementos seguidos ante a Seguridade Social ou MUFACE así corno as reclamacións previas á vía xudicial ou recursos que non esgoten a vía administrativa.

17. Proposta e informe sobre autorización ou recoñecemento de compatibilidade cando lle corresponda e a súa resolución ó rector.

18. A autorización e asinamento de contratos de persoal laboral contratado con carácter temporal e o nomeamento de interinos no caso que proceda.

19. As accións e procesos derivados da política de formación de persoal de administración e servicios.

20. A comunicación de resolucións rectorais en materia de persoal.

21. Todos aqueles actos de administración e xestión ordinaria do persoal que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

En casos de ausencia ou enfermidade o xerente designará de forma individual e polo período de ausencia a persoa ou persoas que o substitúan para os efectos do asinamento inaprazable de documentos.

Quedan excluídos da presente delegación:

1. O nomeamento de persoal funcionario.

2. O asinamento dos contratos do persoal laboral fixo.

3. A adscrición provisional e en comisión de servicios.

4. Cesamentos e xubilacións.

5. A convocatoria de probas selectivas para persoal laboral fixo.

6. A declaración das situacións administrativas.

7. O recoñecemento adquisición e cambio de grao.

8. A presentación dos recursos que esgoten a vía administrativa.

9. A interposición de demandas ou iniciación de procedementos xudiciais.

10. A imposición de sancións administrativas no caso que sexa necesario o previo expediente disciplinario o despedimento e a separación do servicio.

11. O encargo de funcións de categoría superior.

Noveno.-Igualmente deléganse no xerente as funcións actos e tramitación de expedientes de xestión en materia de patrimonio da universidade así como velar polo debido mantemento del.

Exceptúanse desta delegación:

1) As resolucións de carácter xeral.

2) A interposición de recursos ou iniciación de procedementos xudiciais.

3) Aquelas competencias propias do consello social ou doutros órganos universitarios.

Décimo.-O xerente nas funcións delegadas poderá realizar encomendas de xestión en favor do vicexerente do Campus de Lugo.

III. Delegación a favor dos decanos/directores de centros e xefes de unidades administrativas en materia de permisos do PAS.

Décimo primeiro.-Delégase nos decanos directores de centros e xefes das distintas unidades administrativas a concesión de permisos e licencias ó persoal nos seguintes casos:

1. Por nacemento dun fillo ou enfermidade grave do cónxuxe e dos fillos catro días.

2. Por falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade dous días e ata catro cando sexa en distinta localidade.

3. Por traslado de domicilio sen cambio de residencia un día.

4. Para realizar funcións sindicais de formación sindical ou representación do persoal e deberes inescusables de carácter público ou persoal polo tempo indispensable.

5. Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais durante os días da súa celebración.

6. Poderase dispoñer de ata nove días ó ano como máximo de permiso para asuntos persoais sen xustificación atendendo sempre ás necesidades do servicio.

Os decanos directores de centros e xefes das unidades administrativas a través das secretarías e unidades administrativas correspondentes darán conta á xerencia mensualmente dos permisos concedidos enviando relación nominal dos concedidos na que figure a duración e o motivo deles para os efectos da supervisión e control polos servicios centrais.

As restantes solicitudes de obtención de permiso ou licencia retribuída ou non deberán formularase ante a xerencia cunha antelación mínima de quince días á da data do seu comezo co obxecto de que poidan ser resoltas en tempo e forma. Exceptúanse aquelas que se poidan producir por circunstancias imprevisibles que se acrediten que se tramitarán por un procedemento de urxencia. En todo caso a concesión do permiso será requisito necesario para que o solicitante poida ausentarse do seu posto de traballo.

A concesión de permisos haberá de solicitarse nos modelos oficiais establecidos para o efecto.

IV. Delegación a favor dos xefes de unidades de xestión académica

Décimo segundo.-Deléganse nos xefes das unidades de xestión académica a sinatura dos seguintes

actos de xestión na tramitación dos procedementos de matrícula ordinaria:

1. Os escritos a que fai referencia o artigo 71 da Lei 30/1992 do 26 de novembro.

2. Os trámites que teñan que efectua-los interesados conforme o artigo 76 da mesma lei.

3. O pedimento de informes que teñan carácter preceptivo e os facultativos cando o determina unha disposición administrativa de carácter xeral ou se xulguen necesarios para a resolución do procedemento de conformidade cos artigos 82 e 83 da citada lei.

4. Propoñe-la aceptación do desestimento ou da renuncia da solicitude de matrícula dos alumnos.

5. Realiza-los trámites que establece o artigo 92 da Lei 30/1992 do 26 de novembro relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

6. Calquera outro acto de xestión que pola natureza do procedemento sexa necesario adoptar en virtude da competencia verbal do artigo 55 da lei 30/1992.

Décimo terceiro.-Delégase nos xefes de unidades de xestión académica a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

1. A admisión de alumnos en titulacións sen límite de prazas.

2. A admisión dos traslados dos alumnos para continuación de estudios unha vez adoptadas as decisións polas comisións dos centros.

3. As anulacións de matrícula por falta de pagamento do 2º prazo.

4. As validacións e adaptacións.

5. As autorizacións de simultaneidade de estudios.

Décimo cuarto.-Delégase a sinatura da facultade certificante do secretario xeral da universidade nos xefes das unidades de xestión académica para expedi-las certificacións das materias seguintes:

1. As certificacións académicas persoais de materias totais ou parciais.

2. As que soliciten os interesados ou deban expedirse de oficio referidas exclusivamente ós datos administrativos que constan nos expedientes que figuren nas devanditas unidades de xestión e non se deleguen expresamente nos xefes de división ou subdivisións.

3. As que fagan referencia á data de iniciación dos procedementos de matrícula ordinaria ou extraordinaria que formalicen os interesados.

Décimo quinto.-Apróbase a delegación de sinatura da facultade certificante do secretario xeral da universidade nos xefes de división ou de subdivisión segundo proceda das unidades de xestión académica para expedi-las certificacións das materias seguintes:

a) As que acrediten o pagamento ou exención dos prezos de matrícula.

b) As que se refiran á presentación dos documentos esixidos para formaliza-la solicitude de matrícula.

Décimo sexto.-En todo caso mentres non se faga a correspondente delegación de sinatura de se-lo caso quédanlle reservados ó secretario xeral da universidade e pola súa suplencia ó secretario xeral adxunto a titularidade e exercicio en materia de alumnado da facultade certificante respecto de:

1. As académicas oficiais.

2. As académicas sobre cualificacións de grao de licenciado.

3. As referentes ós datos da expedición dos títulos oficiais de diplomado, licenciado e se é o caso doutor.

4. Os que fagan constar que se teñen por rematados os estudios universitarios e que se aboaron os prezos para a expedición dos títulos correspondentes.

5. As funcións propias recollidas nos estatutos ou atribuídas polas disposicións legais ou regulamentarias que non sexan obxecto de delegación expresa.

Décimo sétimo.-Delégase nos xefes das unidades de xestión académica a sinatura de anulación de matrícula se o alumno acredita estar admitido ou matriculado noutra universidade.

V. Delegación da función certificante do secretario xeral da Universidade en determinados órganos

Décimo oitavo.-Delégase nos xefes dos servicios de profesorado e de persoal de administración e servicios en relación co persoal universitario a función certificante do secretario xeral da universidade referida exclusivamente ós seguintes supostos:

Certifica-la condición de funcionario ou traballador da universidade en situación de servicio activo para solicita-la concesión de subvencións de matrícula nos centros de ensino.

Certificar ou constata-la situación de servicio activo dos funcionarios ou traballadores para que produza efectos en calquera acto da vida administrativa dos interesados unicamente no ámbito da Universidade de Santiago de Compostela.

Décimo noveno.-Delégase no xefe de Sección de Nóminas a función certificante do secretario xeral referida exclusivamente ós seguintes supostos:

Certifica-las contías das retribucións básicas e complementarias percibidas anualmente polo persoal universitario ós unicos efectos de presenta-la declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Certificar ou constatar calquera extremo de carácter retributivo sobre cantidades percibidas polo persoal universitario para que surta efectos en actos da vida administrativa dos interesados unicamente no ámbito da Universidade de Santiago de Compostela.

Vixésimo-Delégase no vicexerente de Lugo a función certificante do secretario xeral da universidade referida exclusivamente ó seguinte suposto:

Certifica-la condición de persoal contratado no ámbito do campus de Lugo para os efectos de solicita-la concesión das subvencións de matrícula nos centros de ensino ou para que produza efectos en

calquera acto da vida administrativa dos interesados unicamente no ámbito da Universidade de Santiago deCompostela.

VI. Disposicións xerais

Vixésimo primeiro.-Os actos dictados en virtude da presente delegación de atribucións non poderán exceder dos límites da dita delegación declarándose en caso contrario nulos de pleno dereito.

Vixésimo segundo.-Cando se dicten actos e resolucións en uso da delegación de atribucións contidas na presente resolución farase constar así expresamente e consideraranse como dictadas pola autoridade rectoral.

Vixésimo terceiro.-En ningún caso poderán delega-los órganos delegados as facultades que lles delegan.

Vixésimo cuarto.-En calquera momento o rector pode avocar para si o coñecemento e resolución de cantos asuntos considere oportunos en relación coas atribucións delegadas.

Vixésimo quinto.-A presente resolución terá eficacia a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas resolucións anteriores que se opoñan total ou parcialmente á presente resolución e especificamente as resolucións rectorais do 20 de marzo de 1991 (R.S. 3 de abril), a do 22 de xullo de 1994 (R.S. do 3 de agosto), a do 2 de setembro de 1991 (R.S. 4 de setembro), a do 14 de setembro de 1990 (R.S. do 17), a do 27 de xullo de 1993 (R.S. do 28), a do 19 de outubro de 1993 (R.S. do 22), o punto primeiro da R.R. do 30 de xullo 1990 (R.S. do 2 de agosto) e a resolución rectoral do 11 de xaneiro de 1988 (R.S. do 13-I).

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 1995.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela