Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 1995 Páx. 3.092

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 6 de marzo de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións para investimentos con destino á promoción de mercados retallistas, zonas peonís-comerciais e outros equipamentos comerciais de carácter social.

Un dos obxectivos da Consellería de Industria e Comercio é a promoción e mellora de locais comerciais de uso colectivo e de carácter social mediante a concesión de subvencións ós concellos galegos para a realización destes investimentos.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

1.-Establécense axudas económicas para os concellos galegos, articuladas para a mellora e modernización de equipamentos comerciais municipais de uso colectivo e de carácter social: mercados retallistas, prazas de abastos e zonas e rúas de uso peonil-comercial, que se realicen durante o presente ano 1995.

As axudas establecidas serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.521-A 760.00 «Transferencias de capital. Corporacións locais. Equipamentos comerciais de carácter social» e estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

2.-A cuantía de cada subvención non poderá superar, en ningún caso, o 70% do importe do investimento realizado. A suma desta e doutras subvencións concedidas para o mesmo fin non poderá superar o 90% do investimento.

Artigo 2º.

1.-As solicitudes para a obtención destas subvencións deberán dirixirse ós delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro destas delegacións ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.-O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, a contar desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.

A documentación, que deberá xuntárselle por triplicado á solicitude en documentos orixinais ou copias cotexadas polo funcionario habilitado para o efecto, é a seguinte:

a) Instancia segundo o modelo descrito no anexo.

b) Certificación do acordo de aprobación, polo correspondente órgano municipal, do proxecto de investimento, da solicitude de subvención e do plan de financiamento do proxecto.

c) Memoria na que se xustifique a necesidade do investimento, os obxectivos perseguidos e as datas de comezo e finalización previstas. Deberá incluír, ademais, o estado actual do mercado ou zona urbana peonil-comercial con detalle das súas instalacións, antigüidade, capitalidade comercial e adecuación ás súas necesidades e funcións.

d) Indicación expresa de si solicitou ou non, ou ten previsto solicitar algún tipo de axuda para o mesmo fin e, en caso afirmativo, indicación da contía e organismo do que se solicita.

e) Fotocopia da tarxeta indicativa do código de identificación fiscal do concello.

Artigo 4º.

Así mesmo, presentarase a seguinte documentación na forma prevista no artigo anterior nos supostos que se relacionan:

a) No caso de obras xuntarase copia do proxecto da obra realizada por técnico facultativo, visado polo colexio correspondente.

b) No caso de equipamentos, factura pro forma que indique as características e orzamentos dos investimentos que se van realizar.

c) No caso de edificacións e instalacións, título de propiedade ou documentos acreditativos da concesión administrativa do terreo ou inmobles nos que estea previsto realizar o investimento.

d) No caso de investimentos en rúas ou zonas de uso peonil-comercial, estudio técnico da viabilidade do proxecto.

Artigo 5º.

1.-Se a solicitude e a documentación anexa non reúnen os requisitos sinalados nos artigos 2, 3 e 4, requerirase ós concellos solicitantes para que, nun prazo de dez días, subsanen os defectos e adxunten os documentos preceptivos con indicación de que, no caso de non cumprilo, se procederá ó arquivo da solicitude sen ulterior trámite, conforme ó previsto no artigo 71.1º, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.-As delegacións provinciais respectivas poderán reclamar dos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 6º.

1.-Os servicios das delegacións provinciais analizarán as solicitudes dacordo coas prioridades sinaladas no seguinte parágrafo e a importancia social e comercial do equipamento.

2.-Terán prioridade para a obtención de subvencións:

a) Os proxectos destinados á adecuación de edificios, instalacións e equipos no caso de mercados municipais detallistas e de abastos nos municipios con poboación de dereito superior ós 5.000 habitantes.

b) Os proxectos de obras e instalacións de rúas e prazas de uso peonil-comercial, cando estean situadas en núcleos urbanos que teñan gran densidade comercial.

Artigo 7º.

1.-Os delegados provinciais, á vista dos informes de avaliación, e daqueloutros que sexan de interese, dictarán a resolución que lles será notificada ós beneficiarios.

2.-A efectividade de dita resolución queda condicionada a que o interventor municipal certifique no prazo máximo dun mes desde a notificación de dita resolución, a existencia de consignación orzamentaria para a realización do proxecto obxecto da solicitude, concertando a partida e dotación orzamentaria destinada para tal fin.

3.-A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude deter

minará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa, de conformidade co establecido no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.

As subvencións concedidas faranse efectivas, unha vez presentados por triplicado os documentos que acrediten a realización do investimento ou adquisición dos equipamentos, así como a certificación acreditativa da finalización de investimento realizado e serán minoradas proporcionalmente no caso de que o investimento xustificado sexa inferior ó orzamento ou anuladas, no seu caso, por incumprimento das condicións sinaladas na resolución. Así mesmo, procederá ó reintegro da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora, nos casos recollidos no parágrafo 6 do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, previa audiencia do interesado.

Artigo 9º.

1.-O libramento da subvención farase nun único pagamento unha vez finalizado e xustificado o investimento.

2.-Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior e de conformidade co disposto na Lei 6/1994, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1995, se poderá realizar libramento das seguintes formas:

a) Naquelas subvencións que non excedan de 5.000.000 de pesetas poderán efectuarse pagamentos a conta, a medida que o beneficiario xustifique os investimentos efectuados. Estes pagamentos a conta, a medida que o beneficiario xustifique os investimentos efectuados. Estes pagamentos non poderán superar o 80% da subvención concedida.

b) Por resolución motivada do delegado provincial poderase autorizar un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos, sendo xustificación suficiente para ordena-lo anticipo a certificación do órgano competente da entidade local, expresiva dos importes executados na acción subvencionada.

3.-En caso de obras, os documentos xustificativos serán os seguintes:

a) Certificación acreditativa da adxudicación que indique o nome do contratista, o importe líquido da adxudicación e baixa, no seu caso.

b) Proxecto de obras que serviu de base para a adxudicación.

c) Certificación de obra realizada ou expedida polo técnico facultativo e aprobadas polo órgano competente do concello solicitante.

4.-As certificacións de obra deberán facerse conforme ó proxecto e modificacións autorizadas, no seu caso.

Artigo 10º.

Calquera modificación que sexa preciso introducir ó proxecto investidor deberá ser autorizada pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio, debendo presentar a tal efecto, o proxecto reformado aprobado polo órgano competente do concello.

Artigo 11º.

Os investimentos deben estar finalizados e executados antes do 15 de novembro de 1995.

Artigo 12º.

As solicitudes formuladas ó amparo da Orde do 30 de maio de 1994 e as que non lles foi concedida a subvención peticionada de crédito poderán ser

tidas en conta na presente convocatoria, sempre que así o faga constar-lo interesado.

Artigo 13º.

Para todo o non previsto na presente orde, será de aplicación o establecido na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 6/1994, do 29 de decembro, de orzamentos xerais de Galicia, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio