Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 20 de abril de 1995 Páx. 2.963

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 102/1995, do 31 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Fene, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de travesía na LC-133 en Maniños (Fene) complementario do de mellora de seguridade vial na travesía de Fene LC-133, da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio do Interior, fase II-B.

O Concello de Fene (A Coruña), en sesión celebrada o día 9 de novembro de 1994, aprobou o proxecto de travesía na LC-133 en Maniños (Fene) complementario do de mellora de seguridade vial na travesía de Fene LC-133, da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio de Interior, fase II-B, e na sesión celebrada o día 22 de decembro de 1994, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 23 de febreiro de 1995, baixo o número 1850.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental, e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14 de febreiro de 1995, baixo o número 1346.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado pola necesidade de remata-la totalidade das obras para a terminación da urbanización da travesía LC-133 en Maniños, e dar resposta así ó desenvolvemento do proceso urbanizador no solo urbano de Fene, urba

nización que se concreta na dotación dos servicios necesarios para poder considerar unha parcela como solar ou como apta para a urbanización. Dota-la zona dos servicios mínimos imprescindibles e dunha mellora evidente da seguridade vial na travesía, carente de beirarrúas e zona de aparcamento e que, polo elevado tráfico que soporta ó canaliza-lo tráfico rodado de Ares, Mugardos a Ferrol, no estado actual supón un evidente perigo para os habitantes do núcleo urbano de Maniños e viandantes en xeral.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Fene, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de travesía na LC-133 en Maniños (Fene) complementado do de mellora de seguridade vial

na travesía de Fene LC-133, da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio do Interior, fase II-B.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais