Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 20 de abril de 1995 Páx. 2.939

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 3/1995, do 10 de abril, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, dotou a nosa Comunidade Autónoma dun texto lexislativo que, respectando os preceptos básicos do réxime estatutario dos funcionarios públicos fixados no artigo 1.3 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas de reforma da función pública, regula as peculiaridades do persoal ó servicio da Xunta de Galicia e instaura un modelo propio de xestión dos servidores públicos que permita a consecución efectiva e eficaz dos servicios públicos que demandan os cidadáns.

Os citados preceptos básicos, que, como tales, lle son aplicables ó persoal de tódalas administracións públicas, foron parcialmente modificados pola Lei 22/1993, do 29 de decembro, de medidas fiscais, de reforma do réxime xurídico da función pública e da protección por desemprego, polo que o presente texto, respectando a natureza daqueles, os introduce no seu contido dispositivo.

Recóllense, así mesmo, aquelas modificacións introducidas pola citada Lei 22/1993, do 29 de decembro, no texto da Lei 30/1984, do 2 de agosto, que, sen afectaren preceptos básicos, si se considerou a conveniencia da súa inclusión por supoñeren, fundamentalmente, unha mellora nos procesos de planificación e xestión dos recursos humanos ó servicio da Administración autonómica galega e, consecuentemente, un mellor rendemento destes.

Abundando na mellora da función pública autonómica, a lei contén unha regulación da avaliación do desempeño que permita repara-las deficiencias que se detecten no funcionamento das distintas unidades administrativas, así como facilitar unha máis adecuada valoración dos postos de traballo.

Finalmente, considerouse pertinente introducir unha serie de modificacións que permitan, nuns casos, mellora-la xestión do persoal regulado pola Lei 4/1988, do 26 de maio, e, noutros, adaptar previsións contidas nesta última á nova realidade. Podemos subliñar dentro deste apartado, entre outros, a prórroga na entrada en vigor da esixencia de posuí-lo diploma de directivo para ocupar determinados postos de traballo, a mellora dos dereitos derivados da situación de excedencia para o coidado de fillos, as garantías que lles impidan efectos nega

tivos non desexados ós funcionarios afectados por un plan de emprego, etc.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, pormulgo en nome de El-Rei, a Lei de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo 1

Dáselle nova redacción ó artigo 3 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 3

1.- Esta lei élle aplicable a todo o persoal ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos autónomos.

2.- No que non está reservado á lexislación do Estado, aplicaráselle esta lei ó persoal da Administración local.

3.- O persoal laboral rexerase pola lexislación laboral e polos preceptos desta lei que lle sexan aplicables.

4.- Ó persoal ó servicio do Parlamento de Galicia, regulado polo seu Estatuto de persoal previsto no Regulamento da Cámara, así como ó adscrito a órganos creados e dependentes do Parlamento, aplicaráselle, con carácter supletorio, a presente lei.

5.- Queda excluído do seu ámbito de aplicación o persoal do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia".

Artigo 2

Dáselle nova redacción ó artigo 6 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 6

1.- É persoal eventual o que en virtude de libre nomeamento dos conselleiros e con carácter non permanente ocupa un posto de traballo considerado de confianza ou de asesoramento especial non reservado a funcionarios.

2.- A prestación de servicios en calidade de persoal eventual nunca poderá ser considerada como mérito para o acceso á condición de funcionarios, de persoal interino ou laboral nin tampouco para a promoción interna.

3.- O Consello da Xunta de Galicia determinará o número de postos reservados a persoal eventual, coas súas características e retribucións, dentro dos correspondentes créditos presupostarios consignados para o efecto.

4.- O persoal eventual cesará automaticamente cando cese a autoridade á que lle presta a súa función de confianza ou asesoramento".

Artigo 3

Dáselle nova redacción ó artigo 7 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 7

1.- É persoal interino o que, con carácter transitorio, por razóns de necesidade ou de urxencia, debidamente xustificada e emitido o informe preceptivo pola Comisión de Persoal, é nomeado para prestar servicios en prazas e postos de traballo vacantes reservados ós funcionarios e dotados presupostariamente, mentres non sexan ocupados por aqueles.

2.- A selección deste persoal deberá efectuarse, observando os principios de publicidade, mérito e capacidade, a favor de persoas que reúnan as condicións, os requisitos de titulación e os demais esixidos legalmente para participar na convocatoria pública dos correspondentes procesos selectivos.

3.- O persoal interino cesará no seu posto logo de que a súa praza sexa cuberta por un funcionario con carácter definitivo ou por medio dunha adscrición provisional ou desapareza aquela da correspondente relación de postos de traballo.

4.- Os postos de traballo ocupados por persoal interino deberán figurar nos procedementos de provisión e na primeira e sucesivas ofertas públicas de emprego, excepto os supostos de substitución de funcionarios con dereito a reserva de praza".

Artigo 4

Dáselle nova redacción ó artigo 12 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 12

Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia:

1. Establece-los criterios da política de persoal ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa coordinación e colaboración con outras administracións públicas.

2. Aproba-los proxectos de lei en materia de función pública e a súa remisión ó Parlamento.

3. Determina-las instruccións ás que deberán aterse os representantes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia na negociación coa representación sindical dos funcionarios públicos das súas condicións de traballo, así como darlles validez e eficacia ós acordos acadados mediante a súa aprobación expresa e formal, establecendo as condicións de traballo para os casos en que non se produza acordo na negociación.

4. Establece-las instruccións ás que debe aterse a representación da Administración da Comunidade na negociación colectiva co persoal laboral.

5. Establecer anualmente os criterios para a aplicación do réxime retributivo dos funcionarios públicos e do persoal ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Determina-los intervalos dos niveis de postos de traballo que lles corresponderán ós corpos ou escalas de funcionarios.

7. Aproba-las medidas de racionalización de efectivos así como os incentivos á excedencia voluntaria, regulada no artigo 55.5, e á xubilación anticipada.

8. Aproba-la oferta de emprego público.

9. Aproba-las normas de clasificación e as relacións de postos de traballo da Administración e acorda-la súa publicación.

10. Aproba-la adscrición de corpos ou escalas a unha determinada Consellería, por proposta do conselleiro competente en materia de función pública, así como a adscrición de postos de traballo a un corpo ou escala.

11. Determina-los requisitos obxectivos para a adquisición dos graos superiores dentro de cada corpo ou escala, que se fundarán exclusivamente en criterios de mérito e capacidade.

12. Establece-las probas selectivas para o fomento da promoción interna, de conformidade cos termos previstos nos artigos 60 e 61 da presente lei.

13. Aprobar, cando proceda, as medidas para garanti-los servicios mínimos nos casos de exercicio do dereito de folga polo persoal ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma.

14. Aproba-lo plan de normalización lingüística da Administración pública da Comunidade Autónoma.

15. Decidi-las propostas de resolución dos expedientes disciplinarios que supoñan separación do servicio, logo dos informes e dictames preceptivos.

16. Exerce-la potestade regulamentaria e tódalas atribucións en materia de persoal que lle atribúa a lexislación vixente".

Artigo 5

Dáselle nova redacción ó artigo 13 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 13

1.- Correspóndelle ó conselleiro competente en materia de función pública o desenvolvemento xeral, a coordinación e o control da execución da política de persoal ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.- En particular, compételle:

2.1. Velar polo cumprimento das normas de xeral aplicación en materia de función pública por tódolos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, impulsar, coordinar e desenvolve-los plans, métodos de traballo e medidas tendentes a mellora-lo rendemento dos servicios, a formación e a promoción do persoal.

2.2. Mante-la adecuada coordinación cos órganos das demais administracións territoriais competentes en materia de función pública.

2.3. Exerce-la inspección xeral de servicios e a de todo o persoal da Administración pública da Comunidade Autónoma.

2.4. Propoñerlle ó Consello da Xunta de Galicia os proxectos de normas de xeral aplicación á función pública. Cando se trate de proxectos normativos referentes a funcionarios suxeitos a un réxime singular ou especial, a proposta será por iniciativa conxunta co conselleiro sectorialmente competente.

2.5. Elabora-la proposta de relación de postos de traballo e a súa valoración, así como os cadros de persoal presupostarios en función da dita relación e de acordo coa política de gastos en materia de persoal.

2.6. Convocar e resolve-los concursos de traslados.

2.7. Propoñe-la oferta de emprego público, logo de informe favorable da Consellería de Economía e Facenda.

2.8. Convoca-las probas selectivas para o ingreso nos corpos ou escalas da Administración da Comunidade, excepto persoal docente, investigador ou sanitario.

2.9. Nomea-los funcionarios e o persoal interino, así como expedi-los correspondentes títulos, excepto persoal docente, investigador ou sanitario.

2.10. Presidi-lo Consello Galego da Función Pública.

2.11. Resolve-las situacións dos funcionarios da Administración da Comunidade e os expedientes de incompatibilidades.

2.12. Autoriza-la adscrición en comisión de servicios para postos de traballo por tempo superior a tres meses ou que supoña cambio de Consellería ou localidade.

2.13. Autoriza-las probas selectivas para persoal laboral fixo e asina-los correspondentes contratos.

2.14. Designa-la representación da Administración autonómica en convenios colectivos de ámbito xeral ou que afecten a varias consellerías.

2.15. Emitir informe, conxuntamente coa Consellería de Economía e Facenda e con carácter previo á extensión e adhesión a outros convenios colectivos vixentes, sobre retribucións salariais e, en xeral, sobre calquera autorización de melloras retributivas individuais ou colectivas.

2.16. Aproba-los plans de emprego.

2.17. Exerce-las competencias que, respecto dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma.

2.18. Exerce-las demais competencias que en materia de persoal lle atribúe a lexislación vixente".

"Título IV

Capítulo III

Relación de postos de traballo, provisión, plans de emprego e oferta de emprego público"

Artigo 6

Dáselle nova redacción ó artigo 27 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 27

Os postos de traballo vacantes adscritos a funcionarios proveranse polos seguintes procedementos:

1. Concurso. Constitúe o sistema normal de provisión. Nel teranse en conta unicamente os méritos esixidos na correspondente convocatoria, entre os que figurarán os adecuados ás características de cada posto de traballo, así como a posesión dun determinado grao persoal, a valoración do traballo desenvolvido en anteriores postos, os cursos de formación e perfeccionamento superados que teñan relación cos postos de traballo que se van cubrir e a antigüidade.

Para tal efecto crearanse comisións de valoración, das que se determinará regulamentariamente a súa composición e o seu funcionamento.

2. Libre designación con convocatoria pública. Por este sistema cubriranse aqueles postos que así se determinen nas relacións de postos de traballo.

Para o desempeño de postos de traballo de libre designación que así se determinen nas relacións de postos de traballo, atendendo á función que se vai desempeñar, será requisito necesario estar en posesión do diploma de directivo expedido pola Escola Galega de Administración Pública ou equivalente dado por outras institucións públicas que habilite para o exercicio do posto de traballo de que se trate.

3. As convocatorias e resolucións que se dicten para prover postos de traballo por concurso ou por libre designación serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia pola autoridade competente para efectua-los nomeamentos.

Nas convocatorias de concursos deberán incluírse, en todo caso, os seguintes datos e circunstancias:

-Denominación, nivel e localización do posto.

-Requisitos indispensables para desempeñalo.

-Baremo para puntua-los méritos.

-Puntuación mínima para a adxudicación das vacantes convocadas.

As convocatorias para a provisión de postos por libre designación incluirán os seguintes datos:

-Denominación, nivel e localización do posto.

-Requisitos indispensables para desempeñalo.

Concederase un prazo mínimo de quince días hábiles para presentar solicitudes, contado desde a publicación da convocatoria. Os nomeamentos de libre designación requirirán o informe previo do titular do centro orgánico ou da unidade ós que figure adscrito o posto convocado.

4. Os funcionarios adscritos a un posto de traballo polo procedemento de libre designación poderán ser removidos del con carácter discrecional.

5. Os funcionarios que accedan a un posto de traballo polo procedemento de concurso poderán ser removidos por causas sobrevidas, derivadas dunha alteración no contido do posto de traballo, realizada a través das relacións de postos de traballo que modi

fiquen os supostos que serviron de base á convocatoria, ou dunha falta de capacidade sobrevida para o seu desempeño, manifestada por rendemento insuficiente que non comporte inhibición e que impida realizar con eficacia as funcións atribuídas. A remoción efectuarase logo de expediente contradictorio mediante resolución motivada do órgano que realizou o nomeamento, oída a Xunta de Persoal correspondente.

Ós funcionarios afectados polo previsto neste punto seralles aplicable o disposto no artigo 62.4 da presente lei.

6. Os funcionarios que ocupen un posto que sexa obxecto de supresión, como consecuencia dun plan de emprego, poderán ser destinados a outro posto de traballo polo procedemento de reasignación de efectivos.

A reasignación de efectivos como consecuencia dun plan de emprego efectuarase aplicando criterios obxectivos relacionados coas aptitudes, formación, experiencia e antigüidade que nel se concretarán.

A adscrición ó posto adxudicado por reasignación terá carácter definitivo.

O funcionario que, como consecuencia de reasignación de efectivos no marco dun plan de emprego, vexa modificado o seu lugar de residencia terá dereito ás indemnizacións que por tal concepto se establecen no parágrafo seguinte. Os mesmos dereitos recoñeceránselles ós funcionarios en excedencia forzosa ós que se lles asigne destino no marco do dito plan.

A indemnización consistirá no aboamento dos gastos de viaxe, incluídos os da súa familia, nunha indemnización de tres axudas de custo do titular e cada membro da súa familia que efectivamente se traslade e no pagamento dos gastos de transporte de moblaxe e equipamento, así como nunha indemnización de tres mensualidades da totalidade das súas retribucións, excepto o complemento de productividade, cando se produza cambio de concello. Isto sen prexuício doutras axudas que no propio plan de emprego poidan establecerse.

A reasignación de efectivos producirase en tres fases:

a) A reasignación de efectivos, dentro da Consellería onde estivese destinado o funcionario, efectuaraa a Consellería competente en materia de función pública, logo de informe daquela, no prazo máximo de seis meses, contados a partir da supresión do posto. Terá carácter obrigatorio para postos no mesmo concello e voluntario para postos que radiquen en distinto concello, que serán, en ámbolos dous casos, de similares características, funcións e retribucións. Durante esta fase percibiranse as retribucións do posto de traballo que se desempeñaba.

b) Se na primeira fase os funcionarios non obteñen posto na Consellería onde estivesen destinados, poderán ser asignados pola Consellería competente en materia de función pública, no prazo máximo de tres meses, a postos doutras consellerías e dos seus organismos adscritos, nas condicións anterio

res, percibindo durante esta segunda fase as retribucións do posto de traballo que desempeñaban.

Durante as dúas fases citadas poderán encomendárselles ós funcionarios afectados tarefas adecuadas ó seu corpo ou escala de pertenza.

c) Os funcionarios que, tralas anteriores fases de reasignación de efectivos, non obtivesen posto adscribiranse á Consellería competente en materia de función pública, a través de relacións específicas de postos en reasignación, na situación de expectativa de destino definida nos artigos 49.g) e 56 bis desta lei, e poderán ser reasignados por esta a postos de similares características e retribucións doutras consellerías e dos seus organismos adscritos, con carácter obrigatorio cando estean situados no mesmo concello e con carácter voluntario cando radiquen en distinto concello".

Artigo 7

Dáselle nova redacción ó artigo 29 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 29

1.- A Xunta de Galicia poderá elaborar plans de emprego, referidos tanto a persoal funcionario coma laboral, que conterán de forma conxunta as actuacións que se deben desenvolver para a óptima utilización dos recursos humanos no ámbito a que afecten, dentro dos límites presupostarios e de acordo coas directrices de política de persoal.

As actuacións previstas para o persoal laboral nos plans de emprego desenvolveranse conforme a normativa específica do ordenamento xurídico laboral e o establecido nos convenios colectivos aplicables.

2.- Os plans de emprego poderán conte-las seguintes previsións e medidas:

a) Previsións sobre modificación de estructuras organizativas e de postos de traballo.

b) Suspensión de incorporacións de persoal externo ó ámbito afectado, tanto as derivadas de oferta de emprego coma de procesos de mobilidade.

c) Reasignación de efectivos de persoal.

d) Establecemento de cursos de formación e capacitación.

e) Autorización de concursos de provisión de postos limitados ó persoal dos ámbitos que se determinen.

f) Medidas específicas de promoción interna.

g) Prestación de servicios a tempo parcial.

h) Necesidades adicionais de recursos humanos, que deberán integrarse, se é o caso, na oferta de emprego público.

i) Outras medidas que procedan en relación cos obxectivos do plan de emprego.

As memorias xustificativas dos plans de emprego conterán as referencias temporais que procedan, respecto das previsións e medidas establecidas neles.

3.- O persoal afectado por un plan de emprego poderá ser reasignado voluntariamente noutras administracións públicas nos termos que establezan os convenios que, para tal efecto, se promovan e subscriban con elas.

4.- Os plans de emprego poderán afectar a unha ou a varias consellerías, organismos ou áreas administrativas concretas e serán aprobados pola Consellería competente en materia de función pública, logo de informe favorable da Consellería de Economía e Facenda.

A iniciativa para a súa elaboración corresponderalles á Consellería ou ó organismo afectado ou, conxuntamente, ás consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda.

5.- A Xunta de Galicia poderá adoptar, ademais de plans de emprego, outras medidas de racionalización de efectivos así como incentivos á excedencia voluntaria e á xubilación anticipada.

6.- As necesidades de recursos humanos con asignación presupostaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

A oferta de emprego público será aprobada polo Consello da Xunta por proposta da Consellería competente en materia de función pública.

Artigo 8

Dáselle nova redacción ó artigo 30 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 30

Para ser admitido ás probas selectivas será necesario:

1. Ser español. Non obstante, teranse en conta os seguintes supostos:

a) Os nacionais dos demais estados membros da Unión Europea poderán acceder en idénticas condicións cós españois á función pública investigadora, docente, de correos, sanitaria de carácter asistencial e ós demais sectores da función publica ós que, segundo o dereito comunitario, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores.

b) Os nacionais daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no tratado constitutivo da Unión Europea.

O previsto nos puntos a) e b) aplicarase de acordo co disposto na Lei 17/1993, do 23 de decembro, sobre o acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea.

2. Estar en posesión da titulación suficiente ou estar en condicións de obtela na data en que remate o prazo de presentación das instancias para tomar parte nas probas selectivas.

3. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

4. Ter cumpridos os 18 anos de idade ou te-la idade que a convocatoria estableza como mínima antes de que finalice o prazo de presentación de instancias, e non excede-la idade establecida como máxima para o ingreso nun corpo ou escala.

5. Cumpri-los requisitos para exerce-las funcións que dentro do corpo ou escala lle poidan ser encomendadas, conforme o previsto regulamentariamente".

Artigo 9

Dáselle nova redacción ó artigo 42 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 42

1.- Garántese, no ámbito da presente lei e de acordo coa lexislación básica do Estado, o dereito á mobilidade dos funcionarios procedentes doutras administracións públicas, de conformidade coas condicións e cos requisitos que determine previamente a Xunta de Galicia nas relacións de postos de traballo e de acordo co que dispoña a correspondente convocatoria.

2.- Ós funcionarios da Administración do Estado, ós das comunidades autónomas e ós das corporacións locais, comprendidos dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega, que, mediante os procedementos legalmente establecidos, pasen a ocupar postos de traballo na Administración pública desta Comunidade Autónoma seralles aplicable a lexislación da función pública desta".

Artigo 10

Dáselle nova redacción ó artigo 46 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 46

A condición de funcionario pérdese por algunha das causas seguintes:

1. Renuncia expresa, que non inhabilita para novo ingreso na función pública.

2. Separación do servicio, por resolución firme recaída en expediente disciplinario ou inhabilitación absoluta ou especial para cargo público acordada como pena principal ou accesoria en sentencia xudicial de carácter definitivo.

3. Perda da nacionalidade española, tendo en conta, non obstante, a Lei 17/1993, do 23 de decembro, sobre o acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea.

4. Xubilación forzosa ou voluntaria.

5. Falta de petición de reingreso ó servicio activo dentro do período de excedencia voluntaria por interese particular".

Artigo 11

Dáselle nova redacción ó artigo 48 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 48

1.- A xubilación voluntaria declararase a instancia do funcionario conforme a lexislación vixente.

2.- a) Malia o anterior, os funcionarios afectados por un proceso de reasignación de efectivos que se encontren nas situacións de expectativa de destino ou de excedencia forzosa, como consecuencia dun plan de emprego, poderán solicita-la xubilación voluntaria anticipada, nas condicións establecidas no réxime de Seguridade Social no que estean encadrados, sempre que teñan cumpridos 60 anos de idade e reúnan os requisitos esixidos no dito réxime.

2.- b) Os funcionarios que se acollan a esta xubilación terán dereito a percibir, por unha soa vez, unha indemnización na que a contía será fixada polo Consello da Xunta segundo a súa idade e as retribucións íntegras correspondentes á última mensualidade completa devengada, con exclusión, se é o caso, do complemento específico e da productividade, referida a doce mensualidades.

2.- c) Correspóndelle ó conselleiro competente en materia de función pública acorda-la xubilación voluntaria incentivada".

Artigo 12

Dáselle nova redacción ó artigo 49 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 49

Os funcionarios poden estar nalgunha das seguintes situacións:

a) Servicio activo.

b) Servicios especiais.

c) Servicios noutras administracións públicas.

d) Excedencia voluntaria.

e) Excedencia forzosa.

f) Suspensión de funcións.

g) Expectativa de destino.

h) Excedencia forzosa aplicable a funcionarios en expectativa de destino.

i) Excedencia voluntaria incentivada".

Artigo 13

Dáselle nova redacción ó artigo 52 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 52

Os funcionarios públicos pasarán á situación de servicios especiais:

1. Cando sexan autorizados para realizar unha misión por período superior a seis meses en organismos internacionais, gobernos ou entidades públicas estranxeiras ou en programas de cooperación internacional.

2. Cando adquiran a condición de funcionarios ó servicio de organizacións internacionais ou de carácter supranacional.

3. Cando sexan nomeados membros do Goberno ou dos órganos de goberno das comunidades autónomas ou altos cargos deles que non deban ser provistos necesariamente por funcionarios públicos.

4. Cando sexan elixidos polas Cortes Xerais para formaren parte dos órganos constitucionais ou doutros que lles corresponda ás cámaras elixir.

5. Cando sexan adscritos ós servicios do Tribunal Constitucional ou do Defensor do Pobo.

6. Cando accedan á condición de deputado ou senador das Cortes Xerais.

7. Cando accedan á condición de deputado do Parlamento galego, de membros das asembleas lexislativas das comunidades autónomas ou cando formen parte de órganos que lle corresponda elixir ó Parlamento galego, se perciben retribucións periódicas polo desempeño da función.

Cando non perciban tales retribucións poderán optar entre permanecer na situación de servicio activo ou pasar á de servicios especiais, sen prexuício da normativa que dicten as comunidades autónomas sobre incompatibilidades dos membros de asembleas lexislativas.

8. Cando desempeñen cargos electivos retribuídos e de dedicación exclusiva nas corporacións locais.

9. Cando presten servicio nos gabinetes da Presidencia do Goberno, dos ministros e dos secretarios de Estado e non opten por permanecer na situación de servicio activo na súa Administración de orixe.

10. Cando sexan nomeados para calquera cargo de carácter político do que se derive incompatibilidade para exerce-la función pública.

11. Cando cumpran o servicio militar ou a prestación substitutoria equivalente.

12. Cando presten servicio nos gabinetes da Presidencia da Xunta ou dos conselleiros e non opten por permanecer na situación de servicio activo na súa Administración de orixe.

13. Cando desempeñen postos de traballo de carácter directivo no Gabinete da Presidencia do Parlamento.

14. Cando sexan adscritos ós servicios do Valedor do Pobo, nos termos previstos na lei reguladora da dita institución.

15. Cando sexan nomeados membros do Consello de Contas de Galicia ou ocupen postos neste provistos polo sistema de libre designación".

Artigo 14

Dáselle nova redacción ó artigo 53 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 53

1.- Ós funcionarios en situación de servicios especiais computaráselle-lo tempo que permanezan en tal situación para os efectos de ascensos, trienios e dereitos pasivos e terán dereito á reserva de praza e destino que ocupasen, que poderá ser desempeñada mentres o funcionario estea en situación de servicios especiais ben en comisión de servicios, ben por persoal interino.

En tódolos casos percibirán as retribucións do posto ou cargo efectivo que desempeñen e non as que lles correspondan como funcionarios, sen prexuício do dereito á percepción dos trienios que puidesen ter recoñecidos como funcionarios.

2.- Os deputados, senadores e membros das asembleas lexislativas das comunidades autónomas que perdan tal condición por disolución das correspondentes cámaras ou finalización do mandato destas poderán permanecer na situación de servicios especiais ata a súa nova constitución".

Artigo 15

Dáselle nova redacción ó artigo 55 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 55.- Excedencia voluntaria.

1) Por incompatibilidade:

Procederá declarar, de oficio ou a instancia de parte, en situación de excedencia voluntaria ós funcionarios cando estean en situación de servicio activo noutro corpo ou escala de calquera das administracións públicas, a non ser que obtivesen a oportuna compatibilidade, ou pasen a prestar servicios en organismos ou entidades do sector público e non lles corresponda quedar noutra situación.

2) Por interese particular:

a) Poderá concedérselles igualmente a excedencia voluntaria ós funcionarios cando o soliciten por interese particular.

Para solicita-lo pase á situación prevista nesta letra a) será preciso que se prestasen servicios efectivos en calquera das administracións públicas durante os cinco anos inmediatamente anteriores e nela non se poderá permanecer menos de dous anos continuados, nin máis do número de anos equivalente ós que o funcionario acredite que prestou en calquera das administracións públicas, cun máximo de quince.

Para os efectos previstos no parágrafo anterior, consideraranse como servicios efectivos os prestados na situación administrativa de servicios especiais.

A falta de petición de reingreso ó servicio activo dentro do período de excedencia voluntaria por interese particular comportará a perda de condición de funcionario.

b) Pasarán tamén á situación de excedencia voluntaria por interese particular os funcionarios que cesasen na situación de servicios especiais e non solicitasen o reingreso no servicio activo no prazo de trinta días desde tal cesamento, agás no suposto previsto no parágrafo "in fine" do artigo 53.

O excedente voluntario por interese particular ó que, solicitado o reingreso, non se lle conceda por falta de posto vacante con dotación presupostaria continuará na situación de excedencia voluntaria ata que se produza este.

3) Por agrupación familiar:

Poderá concedérselle-la excedencia voluntaria por agrupación familiar, cunha duración mínima de dous anos e máxima de quince, ós funcionarios cando o seu cónxuxe resida noutro concello por obter e estar desempeñando un posto de traballo de carácter definitivo como funcionario de carreira ou como laboral en calquera Administración pública ou organismo autónomo.

Os funcionarios excedentes por algunha das causas anteriores non devengarán retribucións nin lles será computado o tempo permanecido en tal situación para efectos de ascensos, trienios e dereitos pasivos.

4) Excedencia para o coidado de fillos:

Os funcionarios terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-lo coi

dado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza coma por adopción, que se contará desde a data do nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá fin a aquel de que se viñese gozando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercitar este dereito. Durante a duración de cada período de excedencia para o coidado de fillos naturais e ata tres anos dependendo da idade do adoptado, os funcionarios nesta situación terán dereito á reserva do posto de traballo e ó seu cómputo para efectos de trienios, consolidación do grao persoal e dereitos pasivos.

5) Excedencia voluntaria incentivada:

Os funcionarios afectados por un proceso de reasignación de efectivos que se encontren nalgunha das dúas fases a que fai referencia o artigo 27.6 desta lei poderán ser declarados, por solicitude súa, en situación de excedencia voluntaria incentivada.

Os que se encontren nas situacións de expectativa de destino ou de excedencia forzosa como consecuencia da aplicación dun plan de emprego terán dereito a pasar, por solicitude súa, á dita situación.

A excedencia voluntaria incentivada terá unha duración de cinco anos e impedirá desempeñar postos de traballo no sector público baixo ningún tipo de relación funcionarial ou contractual, sexa esta de natureza laboral ou administrativa. Concluído o prazo sinalado, pasarase automaticamente, se non se solicita o reingreso, á situación de excedencia voluntaria por interese particular.

Os que pasen á situación de excedencia voluntaria incentivada terán dereito a unha mensualidade das retribucións de carácter periódico, excluídas as pagas extraordinarias e o complemento de productividade, devengadas no último posto de traballo desempeñado, por cada ano completo de servicios efectivos e cun máximo de doce mensualidades.

Correspóndelle á Consellería competente en materia de función pública acorda-lo pase á situación de excedencia voluntaria incentivada.

Non se poderá concede-la excedencia voluntaria cando o funcionario estea sometido a expediente disciplinario ou pendente do cumprimento dunha sanción".

Artigo 16

Dáselle nova redacción ó artigo 56 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 56

1.- A excedencia forzosa producirase polas seguintes causas:

a) Cando se leve a cabo unha reducción de postos de traballo de acordo cos procedementos legalmente establecidos e o funcionario afectado por ela non poida ser adscrito a outro posto.

b) Cando, unha vez concluído o período de excedencia voluntaria para atende-lo coidado dun fillo, o funcionario solicite o reingreso e non o poida obter por falta de posto vacante con dotación presupostaria.

c) Cando o funcionario procedente da situación de suspenso en firme, unha vez cumprida a suspensión, solicite o reingreso e non fose posible concederllo por falta de postos vacantes.

Os que estean na situación a) terán dereito a percibi-las retribucións básicas e o complemento de destino inferior en dous niveis ó seu grao persoal, así como ó cómputo do tempo que permanezan en tal situación para os efectos de trienios e dereitos pasivos.

Os que estean nas situacións b) e c) non terán dereito ó complemento de destino, pero o tempo que permanezan en tal situación seralles computado para os efectos de trienios e dereitos pasivos.

2.- Excedencia forzosa aplicable a funcionarios en expectativa de destino.

Os funcionarios declarados en expectativa de destino pasarán á situación de excedencia forzosa, coas peculiaridades establecidas neste apartado, polas causas seguintes:

a) O transcurso do período máximo fixado para esta.

b) O incumprimento das obrigas determinadas no artigo 56 bis da presente lei.

Os que se encontren nesta modalidade de excedencia forzosa terán dereito a percibi-las retribucións básicas e, se é o caso, as prestacións familiares por fillo a cargo.

Os ditos funcionarios estarán obrigados a participar nos concursos convocados a postos adecuados ó seu corpo, escala ou especialidade que lles sexan notificados, así como a acepta-los destinos que se lles sinalen en postos de características similares e a participar nos cursos de capacitación que se lles ofrezan.

Non poderán desempeñar postos de traballo no sector público baixo ningún tipo de relación funcionarial ou contractual, sexa esta de natureza laboral ou administrativa. Se obteñen posto de traballo no dito sector pasarán á situación de excedencia voluntaria regulada no artigo 55.a) da presente lei.

Pasarán á situación de excedencia voluntaria por interese particular cando incumpran as obrigas a que se refire este apartado.

Correspóndelle á Consellería competente en materia de función pública acorda-la declaración desta

modalidade de excedencia forzosa e o pase á excedencia voluntaria destes excedentes forzosos, así como a xestión do persoal afectado mediante resolución motivada".

Artigo 17

Engádeselle un artigo 56 bis á Lei 4/1988, da función pública de Galicia, co seguinte contido:

"Artigo 56 bis

Os funcionarios en expectativa de destino percibirán as retribucións básicas, o complemento de destino do grao persoal que lles corresponda e o 50% do complemento específico do posto que desempeñaban ó pasar a esta situación.

Os ditos funcionarios estarán obrigados a:

1. Acepta-los destinos en postos de características similares ós que desempeñaban que se lles ofrezan na provincia onde estaban destinados.

2. Participar nos concursos para postos adecuados ó seu corpo, escala ou categoría, situados na provincia onde estaban destinados.

3. Participar nos cursos de capacitación ós que sexan convocados.

O período máximo de duración da situación de expectativa de destino será de un ano; transcorrido este, pasarase á situación de excedencia forzosa.

Para os restantes efectos esta situación equipárase á de servicio activo.

Correspóndelle á Consellería competente en materia de función pública efectua-la declaración e o cesamento nesta situación administrativa e a xestión do persoal afectado por ela".

Artigo 18

Dáselle nova redacción ó artigo 58 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 58

1.- O reingreso ó servicio activo dos funcionarios que non teñan reserva de praza e destino efectuarase mediante a súa participación nas convocatorias de concurso ou de libre designación para a provisión de postos de traballo.

2.- Así mesmo, o reingreso poderá efectuarse por adscrición a un posto, que terá necesariamente o carácter de provisional, condicionado ás necesidades do servicio e sempre que se reúnan os requisitos para o desempeño do posto.

3.- O posto asignado con carácter provisional convocarase para a súa provisión definitiva no prazo

máximo de un ano, e o funcionario reingresado con destino provisional terá a obriga de participar na convocatoria. Se non obtivese destino definitivo aplicaráselle o disposto no artigo 62.4 da presente lei.

4.- No suposto de incumpri-la obriga de participar no concurso no que se inclúa o posto que ocupan provisionalmente, serán declarados de oficio na situación de excedencia voluntaria".

Artigo 19

Dáselle nova redacción ó artigo 59 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 59

Os que estean en situación de excedencia forzosa ou de suspensión de funcións en firme, neste caso ó cumpriren o tempo de suspensión, están obrigados a solicita-lo reingreso, que lles será concedido, de existiren vacantes, con carácter provisional e ata que obteñan destino con carácter definitivo, a través de concurso de traslados, estando obrigados a participar en tódolos que se convoquen ata que iso se produza, e de non facelo serán declarados na situación de excedencia voluntaria por interese particular".

Artigo 20

Dáselle nova redacción ó artigo 60 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 60

1.- A carreira administrativa consiste na promoción desde o corpo ou escala dun determinado grupo ó doutro inmediatamente superior, ou no ascenso dentro dos graos asignados ó mesmo corpo ou escala, ou no acceso a outro corpo ou escala do mesmo grupo.

2.- Nas convocatorias das probas selectivas reservarase entre un mínimo dun 25% e un máximo dun 50% das vacantes convocadas para funcionarios pertencentes a corpos ou escalas do grupo inmediatamente inferior que, posuíndo a titulación esixida e demais requisitos inherentes á vacante que se vai cubrir, posúan polo menos dous anos de antigüidade no corpo ou escala de pertenza.

3.- Os funcionarios que accedan a outros corpos ou escalas polo sistema de promoción interna terán, en todo caso, preferencia para cubri-los postos vacantes ofertados sobre os aspirantes que non procedan desta quenda.

Ademais, os funcionarios aspirantes que superen tal proceso selectivo poderán tomar posesión da praza que xa viñesen desempeñando con carácter definitivo cando o nivel desta se encontre incluído no intervalo de niveis do corpo e grupo ó que accedan.

As prazas reservadas a promoción interna que non se cubran por este procedemento acumularanse ás de provisión libre.

4.- Así mesmo, estes funcionarios conservarán o seu grao persoal que xa consolidasen no corpo ou escala de procedencia, sempre que estea incluído no intervalo de niveis correspondente ó novo corpo ou escala, e o tempo de servicios prestados naqueles será aplicable, se é o caso, para a consolidación do grao persoal neste.

O disposto no presente artigo seralles tamén aplicable ós funcionarios que accedan por integración a outros corpos ou escalas do mesmo grupo ou de grupo superior de acordo co previsto nesta leiSantiago de Compostela.

Artigo 21

Engádeselle un artigo 63 bis á Lei 4/1988, da función pública de Galicia, co seguinte contido:

"Artigo 63 bis

1.- Tódalas unidades administrativas con nivel de Subdirección Xeral e Xefatura de Servicio, así como aqueloutras de nivel inferior que teñan por obxecto a prestación de servicios diferenciados, serán obxecto dunha valoración anual co fin de aprecia-lo nivel do seu rendemento. Para este efecto teranse fundamentalmente en conta, como elementos da valoración, a cantidade e calidade do traballo realizado referidas a:

a) A organización da unidade e o resultado obtido en relación cos medios persoais e materiais postos á súa disposición.

b) A capacidade organizativa así como as propostas e melloras introducidas na unidade e no seu funcionamento a instancia do seu titular.

2.- A valoración realizaraa unha Comisión de avaliación do desempeño nomeada para o efecto, da que a composición e o funcionamento se regularán por decreto do Consello da Xunta por proposta da Consellería competente en materia de función pública. Poderá nomearse máis de unha Comisión de avaliación do desempeño cando así se considere necesario.

3.- A Comisión de avaliación do desempeño estará composta por cinco membros, un dos cales será nomeado por proposta das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación e outro, ó chou, de entre os funcionarios que estean a ocupar postos de inspectores de servicios dependentes da Inspección Xeral de Servicios. En tal sorteo non se incluirá o inspector que participase na redacción do informe correspondente á unidade obxecto da avaliación.

4.- A Comisión emitirá a avaliación logo de informe da Inspección Xeral de Servicios dándolle audiencia

ó titular da unidade administrativa obxecto da avaliación.

Contra o resultado da avaliación poderá interpoñerse recurso ordinario ante o conselleiro competente en materia de función pública.

5.- Os resultados obtidos no proceso de avaliación de distintas unidades administrativas poderán terse en conta para a valoración dos postos de traballo e para a aplicación do complemento de productividade.

Artigo 22

Dáselle nova redacción ó artigo 64 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 64

1.- As retribucións dos funcionarios son básicas e complementarias.

2.- Son retribucións básicas:

a) O soldo, que se fixará en función do índice de proporcionalidade que se lle asigne a cada un dos grupos en que se organizan os corpos e escalas de funcionarios da Comunidade.

b) Os trienios, consistentes nunha cantidade igual para cada grupo, por cada tres anos de servicio no corpo ou escala.

No caso de que un funcionario preste os seus servicios sucesivamente en diferentes corpos, escalas, clases ou categorías de distinto grupo de clasificación, terá dereito a seguir percibindo os trienios devengados nos grupos anteriores.

Cando un funcionario cambie de adscrición de grupo antes de completar un trienio, a fracción de tempo transcorrido considerarase como tempo de servicios prestados no novo grupo.

c) As pagas extraordinarias, que serán de dúas ó ano por un importe mínimo cada unha delas de unha mensualidade de soldo e trienios, percibiranse os meses de xuño e decembro.

3.- Son retribucións complementarias:

a) O complemento de destino correspondente ó nivel do posto que desempeñe. Este complemento figurará nas relacións de postos de traballo e será igual para tódolos postos do mesmo nivel.

b) O complemento específico, destinado a retribuí-las condicións particulares dalgúns postos de traballo en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade. En ningún caso

poderá asignarse máis de un complemento específico a cada posto de traballo.

c) O complemento de productividade, destinado a retribuí-lo especial rendemento, a actividade extraordinaria, o interese ou a iniciativa con que o funcionario desempeñe o seu traballo.

A súa contía global non poderá exceder dunha porcentaxe sobre os custos totais de persoal de cada programa e de cada órgano que se determinará na Lei de presupostos. O responsable da xestión de cada programa de gasto, dentro das correspondentes dotacións presupostarias, determinará, de acordo coa normativa establecida na Lei de presupostos, a contía individual que lle corresponda, se é o caso, a cada funcionario.

A súa asignación realizarase conforme criterios obxectivos establecidos regulamentariamente coa necesaria información e participación dos membros representantes do persoal. Para isto terase especialmente en consideración a cualificación emitida pola Comisión de avaliación do desempeño respecto da unidade administrativa de que se trate, todo isto de acordo co previsto no artigo 63 bis da presente lei.

En calquera caso, as cantidades que perciba cada funcionario por este concepto serán de coñecemento público dos demais funcionarios do departamento e organismo interesado, así como dos representantes sindicais.

d) As gratificacións por servicios extraordinarios, fóra da xornada normal, que en ningún caso poderán ser fixas na súa contía e periódicas na súa percepción.

4.- Os funcionarios percibirán as indemnizacións correspondentes por razón de servicioSantiago de Compostela.

Artigo 23

Dáselle nova redacción ó artigo 70 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Artigo 70

1.- Concederanse permisos polas seguintes causas xustificadas:

a) Polo nacemento dun fillo e pola morte ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, dous días cando o suceso se produza na mesma localidade e catro días cando sexa en localidade distinta.

b) Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, un día.

c) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos.

d) Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais, durante os días da súa celebración.

e) O funcionario cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo. Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción de xornada de unha hora.

f) Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído psíquico ou físico que non desempeñe actividade retribuída terá dereito a unha diminución de un tercio ou un medio da xornada de traballo, coa reducción proporcional das súas retribucións.

2.- Poderase conceder permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

3.- Poderase dispoñer de ata nove días ó ano, como máximo, de permiso para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre as necesidades do servicio.

4.- No suposto de parto, as funcionarias terán dereito a un permiso de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables por parto múltiple ata dezaoito semanas. O período de permiso distribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, podendo facer uso destas o pai para o coidado do fillo en caso de falecemento da nai.

Malia o anterior, no caso de que a nai e o pai traballen, aquela, ó iniciarse o período de permiso por maternidade, poderá optar porque o pai goce de ata catro das últimas semanas do permiso, sempre que sexan ininterrompidas e ó final do citado período, salvo que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña risco para a súa saúde.

No suposto de adopción dun menor de nove meses, o funcionario terá dereito a un permiso de oito semanas, contadas, á súa elección, ben a partir do momento da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. Se o fillo adoptado é maior de nove meses e menor de cinco anos, o permiso terá unha duración máxima de seis semanas. No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercitar este dereitoSantiago de Compostela.

Artigo 24

Dáselle nova redacción á disposición adicional terceira da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda co seguinte contido:

"Disposición adicional terceira

1.- Decláranse a extinguir tódalas prazas transferidas non escalafonadas de funcionarios. O Con

sello da Xunta de Galicia procederá a integralas nos corpos ou escalas que esixan igual titulación académica e teñan as mesmas funcións, logo de informe do Consello Galego da Función Pública.

2.- O persoal transferido como varios sen clasificar será clasificado mediante decreto, que determinará, de acordo coa natureza das súas funcións e titulación académica esixida, a súa integración en corpos ou escalas de funcionarios da Comunidade Autónoma ou en cadros de persoal laboral, con recoñecemento da súa antigüidade.

3.- Créase en cada corpo, escala ou especialidade de funcionarios ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a correspondente escala ou subescala a extinguir, na que se integrarán os funcionarios transferidos á Comunidade Autónoma ou procedentes doutras administracións públicas incorporados a ela en virtude de oferta de emprego público ou de concursos permanentes de traslado que, ó entrar en vigor esta lei, teñan asignado pola súa Administración de orixe un índice de proporcionalidade correspondente a un determinado grupo dos establecidos no artigo 19 e carezan da titulación académica esixida para iso".

Artigo 25

Engádeselle unha disposición adicional oitava á Lei 4/1988, da función pública de Galicia, co seguinte contido:

"Disposición adicional oitava

De acordo co disposto no artigo 34 da Lei 31/1991, do 30 de decembro, de presupostos xerais do Estado para 1992, poderáselle recoñecer, e de conformidade co disposto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, compatibilidade para o exercicio de actividades privadas ó persoal que desempeñe postos de traballo que comporten a percepción de complemento específico ou concepto equiparable sempre que a súa contía non supere o 30% da súa retribución básica, excluídos os conceptos que teñan a súa orixe na antigüidade. No suposto de que a contía de tal complemento supere o 30% referido poderá concederse a compatibilidade sempre que o interesado renuncie á percepción do complemento específico".

Artigo 26

Engádeselle unha disposición adicional novena á Lei 4/1988, da función pública de Galicia, co seguinte contido:

"Disposicion adicional novena

Os funcionarios que, como consecuencia dos procesos de reasignación regulados no apartado 6 do artigo 27, sexan reasignados pola Consellería competente en materia de función pública a postos de traballo de menor nivel de complemento de destino do que tivesen no último posto que obtivesen por concurso terán dereito á percepción dun complemento persoal e transitorio equivalente á diferencia

de retribucións entrámbolos dous postos, excepto, se é o caso, á productividade.

Esta reasignación a postos de nivel inferior ó que estivesen desempeñando terá carácter de voluntaria para o interesado.

O complemento persoal e transitorio percibirase ata que, de acordo co previsto nesta lei, obteña posto de traballo polos procedementos legalmente establecidos, estando, por outra parte, obrigados a participar nos correspondentes concursos que se convoquen".

Artigo 27

Engádeselle unha disposición adicional décima á Lei 4/1988, da función pública de Galicia, co seguinte contido:

"Disposición adicional décima

Os plans de emprego serán obxecto de negociación coas organizacións sindicais máis representativas, nos termos que establece a Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, sen prexuício do previsto no seu artigo 34".

Artigo 28

Engádeselle unha disposición adicional décimo primeira á Lei 4/1988, da función pública de Galicia, co seguinte contido:

"Disposición adicional décimo primeira

a) Os funcionarios da Xunta de Galicia poderán ocupar un posto vacante de similares ou equivalentes características ó que desempeñen na Administración, en calquera ente ou empresa pública da Xunta de Galicia.

b) En tal caso, o funcionario quedará na situación de excedencia voluntaria por interese particular, percibindo os haberes correspondentes ó posto de traballo que pase a ocupar, e no suposto de que reingrese á Administración autonómica terá dereito ó recoñecemento dese tempo para efectos de antigüidade e dereitos pasivos".

Artigo 29

Modifícase a disposición transitoria décimo cuarta da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que queda redactada da seguinte maneira:

"Disposición transitoria décimo cuarta

Para os efectos do previsto no artigo 27.2, segundo parágrafo, o requisito referido á esixencia dos diplomas necesarios para acceder ós postos mencionados no citado parágrafo aplicarase a partir do primeiro de xullo de 1996".

Artigo 30

Engádeselle unha disposición transitoria décimo quinta á Lei 4/1988, da función pública de Galicia, co seguinte contido:

"Disposición transitoria décimo quinta

Sen prexuício do disposto no artigo 42.1, durante os catro anos seguintes á publicación da presente lei só poderán participar nos concursos de provisión de vacantes os funcionarios da Comunidade Autónoma de Galicia así como os que estean ó seu servicio".

Artigo 31

Engádeselle unha disposición transitoria décimo sexta á Lei 4/1988, da función pública de Galicia, co seguinte contido:

"Disposición transitoria décimo sexta

O Consello da Xunta determinará as unidades administrativas que, con carácter experimental, serán obxecto da avaliación á que se refire o artigo 63 bis desta lei.

Concluído este proceso experimental, o Consello da Xunta determinará a data a partir da que a dita avaliación se estenderá a tódalas unidades administrativas dependentes dela".

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións se opoñan ó establecido na presente lei.

Disposición derradeira

A presente lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA